Borja Golán: "Os medios públicos deben esforzarse en difundir deportes menos coñecidos"

Borja Golán CC-BY-SA Praza Pública

Cando Borja Golán (1983) gañou o seu primeiro campionato de España, Aznar era presidente do Goberno central, Rajoy ministro, Fraga mandaba na Xunta e o euro apareceu nas carteiras dos habitantes de 12 dos 15 países que daquela formaban a Unión Europea. Quince anos despois, este xogador de squash compostelán continúa a gañar. Sumou o seu décimo quinto campionato estatal hai dúas semanas e axiña marchou a Chicago para seguir competindo no circuíto internacional. Campión de Europa o ano pasado, este xornalista mantén o máximo nivel na súa disciplina con 34 anos e di sentirse "ilusionado e motivado". Nesta entrevista reflexiona sobre a súa carreira e sobre deportes minoritarios como o que practica. 

Cansa un de gañar?

De perder cansa un rápido pero de gañar, non. Ademais, a maioría dos torneos que disputo son no estranxeiro e aí a balanza entre derrotas e vitorias iguálase.

"O meu alto nivel competitivo débese a ter sempre moito respecto por todos os meus rivais"

Gañou todos os campionatos de España case desde que empezou a competir. Cal é o segredo?

Primeiro, adestrar ao 100% a diario para chegar sempre nas mellores condicións posibles. O meu alto nivel competitivo débese a ter sempre moito respecto por todos os meus rivais. Quizais estas sexan dúas das causas polas que levo gañando en España durante todos estes anos.

Veñen outras xeracións e segues no máis alto. Precisas coidarte máis? O esforzo debe ser maior a medida que pasa o tempo?

O nivel en España está a mellorar moito e os xogadores novos melloran moito máis rápido ca min. Con 34 anos, levo 25 practicando esta dura disciplina e 16 anos xogando o circuíto profesional (PSA); os adestramentos agora son diferentes, intento non machacar tanto o corpo e fago máis sesións de fortalecemento e recuperación para así poder alongar máis a miña carreira deportiva. Fisicamente xa non podo mellorar moito, pero si o podo facelo noutras facetas do xogo como a estratexia, a mentalidade ou precisión nos meus golpes.

"Con 34 anos, fisicamente xa non podo mellorar moito, pero si na estratexia, a mentalidade ou a precisión"

Que obxectivos ten para o futuro inmediato? É o campionato de Europa o principal reto?

Cada torneo da PSA (Asociación Profesional de Squash) é importantísimo porque todos valen para o ránking mundial. Ademáis, o Campionato de Europa por países, o Europeo Individual ou o Campionato do Mundo de seleccións son outros dos obxetivos para este 2017.

Malia todo, pasa algunha vez pola túa cabeza a retirada?

Sempre rolda pola cabeza dun deportista, sobre todo cando atravesas etapas negativas como lesións ou malos resultados, pero polo de agora estou moi centrado en aproveitar ao máximo os meus últimos anos como deportista profesional e sacarlle o máximo proveito. Sigo moi ilusionado e motivado, así que iso é o máis importante para seguir mellorando.

"Ten que haber deportes  máis mediáticos e outros menos, pero as diferenzas son demasiadas e o principal problema son os medios"

Xornalista e xogador de squash. Ninguén mellor para reflexionar por que teñen tan pouca repercusión os seus éxitos ou deportes como o squash ou outros minoritarios. Por que?

Eu creo que ten que haber deportes máis mediaticos e outros menos, pero ás veces as diferenzas son demasiadas. O principal problema son os medios de comunicación. A maioría son empresas privadas que buscan o beneficio económico ante todo e por iso só informan dos deportes máis practicados. Pero aí é onde os medios de carácter público deberían facer un maior esforzo por difundir e promocionar outros deportes menos mediáticos. Pertencer a un deporte non tan coñecido tamén ten as súas vantaxes: es recoñecido polos practicantes desa disciplina, o cal é gratificante, pero pasas desapercibido entre a maioría da sociedade, que está moi ben. Ser famoso non ha de ser doado aínda que vai no soldo.

"Non me importa que haxa moito fútbol nos medios, o que me preocupa é que haxa tan pouco doutros deportes"

Hai demasiado fútbol? Ten solución o tratamento que se lle dá a outros deportes?  

Non me importa que haxa moito fútbol, xa que é un gran deporte e moi divertido para os nenos. O que me preocupa é que haxa tan pouco doutros deportes.

Poden facer algo as administracións?

As administracións deberían repartir os fondos entre máis deportes. Se un neno non proba un deporte é imposible que o practique e que lle guste. Entre todos temos que facer un esforzo para que máis nenos e adultos teñan unha maior oferta deportiva e que teñan a opción de probar varias disciplinas para despois practicar a que máis lles atraia. Estou seguro de que hai rapaces aos que non lles gusta o deporte porque non puideron probar máis que un ou dous. Se aumentamos o acceso a novos deportes aumentará o número de practicantes e isto repercutirá dunha maneira positiva na sociedade.

"As administracións deberían repartir os fondos entre máis deportes; se un neno non proba unha disciplina é imposible que a practique"

Como empezou no squash e por que?

Empecei porque vivía a 300 metros do meu club e tiven a oportunidade de probalo. Unha vez que o fixen xa nunca puiden deixar a raqueta e iso que tamén me gustaba o fútbol. O squash é un deporte abraiante, que engancha dende o primeiro momento e que canto máis o practicas máis che gusta.

"Gustaríame seguir vinculado ao deporte; sería bonito poder ver como outros rapaces chegan a vivir do squast

Gustaríache seguir vinculado ao deporte no futuro?

A verdade é que si. Levo toda a miña vida facendo deporte e xa forma parte de min. Oxalá se constrúan moitas pistas de squash para que moitos nenos poidan probalo polo menos unha vez como eu o fixen; e quizáis algún día cheguen a vivir del percorrendo todo o mundo facendo o que máis lles gusta. Sería bonito podelo ver e axudarlles no seu camiño.

Borja Golán, tras gañar o último campionato de España CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.