A Liga Nacional de Fútbol Sala aprobou a composición da máxima categoría para a vindeira tempada, e o F.S.Burela será un dos equipos participantes, acompañando a Lobelle Santiago e Azkar Lugo. A Liga pasará as 16 a 14 equipos, despois de que se acordase que Sala 5 Martorell, Oxipharma Granada, Carnicer Torrejón e OID Talavera non xogarán en Primeira ao non reuniren as condicións económicas necesarias para competir. A cambio, aprobouse o ascenso de Burela e Galdar.
O Burela finalizou noveno a tempada na División de Prata do fútbol sala español. Pero a Liga apostou porque a máxima categoría a compuxesen equipos que presentasen, ademais, "un proxecto económico sólido", para acadar "unha Liga máis competitiva, composta por clubes que teñan consolidada a súa estrutura deportiva, organizativa, social e económica".
O F.S. Burela xa contaba co seu equipo feminino en Primeira División, e agora terá tamén a sección masculina da división de honor
O F.S. Burela xa contaba co seu equipo feminino en Primeira División, e agora terá tamén a sección masculina da división de honor. O presidente da entidade, José Ramón González Casas, e o director xeral, José Luis Sáez Castro, aseguraron que “o equipo manterá a liña de traballo, esforzo e dedicación que vén demostrando dende o seu nacemento”. Afirmaron que “comezamos esta nova etapa moi ilusionados, pero tamén cos pés no chan. Somos conscientes da difícil situación que atravesa o país e da realidade da nosa entidade, por iso seguiremos baseando o proxecto laranxa na seriedade, compromiso e austeridade sen fundamentarnos en hipóteses nin especulacións”.
"Esta é unha excelente recompensa ao labor de todas as persoas que contribúen día a día a fortalecer a nosa estrutura e un premio para a incondicional afección laranxa"
Os dirixentes burelistas tamén trasladaron o sentimento de orgullo da xunta directiva e do club pola boa nova. “Esta é unha excelente recompensa ao labor de todas as persoas que contribúen día a día a fortalecer a nosa estrutura e un premio para a incondicional afección laranxa. Xa eramos de Primeira, co equipo feminino, pero agora convertémonos no único club de España con dous conxuntos na elite e debemos seguir traballando paseniño por metas máis altas” dixo José Luis Sáez.
“É un ascenso merecido. O Burela FS Pescados Rubén loitou ata o último partido de play off e gañou a súa presenza en Primeira como dereito deportivo, en virtude das directrices marcadas pola LNFS” concluíu o presidente, que tamén adiantou as metas para a estrea na elite: “O noso principal obxectivo é coñecer e adaptarnos á categoría para crear un proxecto que se consolide en Primeira”.