Elos e canelas, o blog de ciclismo de Praza Pública, comeza a súa cobertura sobre o Tour de Francia, que se iniciou esta fin de semana.
Tras os 6km de prólogo polas rúas da cidade de Liexa, hai unha única cousa que queda clara: Cancellara está de volta. Meter un segundo por quilómetro a todo o pelotón é algo ao alcance de moi poucos corredores, e deixa ben claro que trala caída que sufriu no Tour de Flandes foi quen de recuperarse completamente e chegar ao Tour nun estado de forma pletórico.
Non hai demasiadas sorpresas na clasificación, pero tal vez o máis salientable sexa o grande prólogo que realizou Denis Menchov: parece en boa forma, non se albisca ningún escalador claramente mellor que el e pode estar ante a súa última grande oportunidade de gañar o Tour. Ollo co ruso.
Non hai demasiadas sorpresas na clasificación, pero tal vez o máis salientable sexa o grande prólogo que realizou Denis Menchov: parece en boa forma, non se albisca ningún escalador claramente mellor que el
No lado das decepcións están os rexistros de Valverde e Samuel Sánchez… ninguén esperaba que estiveran loitando pola vitoria de etapa, pero ser os peor clasificados entre os favoritos e ceder medio minuto en tan só 6km é un resultado que non entraba nos seus plans.
Pero claro, tan só levamos 10 minutos de Tour así que aínda non se pode descartar a ningúen. Quedan 20 días de competición (podedes botarlle unha ollada nunha vistosa infografía do Guardian) que en Elos e Canelas intentaremos seguir moi de preto.