Celta e Deportivo sitúanse entre os clubs preferidos da Liga española, son tamén dos que levantan maior simpatía e as súas afeccións están entre as que maior lealdade amosan ao seu club. Son algunhas das conclusións que se tiran do estudo European Football Benchmark 2018, un completo informe no que se comparan as cinco grandes ligas europeas centrándose nos seareiros, as entidades e os seus patrocinios.
Celta e Deportivo sitúanse entre os dez clubs preferidos para os afeccionados da Liga española
Segundo o informe, publicado este martes por Statista, os dous grandes clubs galegos sitúanse entre os dez preferidos polos afeccionados ao fútbol en España. O estudo, baseado nunha enquisa interactiva a máis de 3.000 seareiros no conxunto do Estado, indica que o Celta é o oitavo equipo en canto a preferencia (cun apoio do 1,9% dos participantes na consulta), seguido polo Deportivo, co 1,3% e só por detrás dos dous xigantes (Real Madrid, con máis do 38%, e Barcelona, co 28%) e doutros equipos de cidades importantes como o Atlético, o Athletic de Bilbao, o Valencia e o Sevilla e o Betis.
Tal e como destaca o estudo, a Liga española "ten unha gran diferenza na concentración de afeccionados" con outras competicións, especialmente coa inglesa. Mentres que en España case o 67% dos enquisados elixiu ou Barça ou Real Madrid como preferencia, na Premier League tan só o 51% optou por un dos tres equipos principais (Manchester United, Liverpool e Arsenal) mentres que ata 18 equipos recibiron máis de 25 respostas como "equipo preferido".
En España, pola contra, tan só dez equipos da Liga recibiron máis desas 25 respostas como "club preferido", sendo Deportivo e Celta dous dos incluídos nese top ten, no que tamén entra a Real Sociedad, e sendo o equipo coruñés o único que na actualidade milita na Segunda División que aparece en todos os ránkings destacados.
Real Madrid | 38,6% |
FC Barcelona | 28% |
Atlético de Madrid | 9% |
Athletic Club | 4% |
Valencia CF | 3,4% |
Real Betis | 3,2% |
Sevilla FC | 2,4% |
RC Celta | 1,9% |
RC Deportivo | 1,3% |
Real Sociedad | 1,3% |
En canto ao sentimento dos afeccionados ao fúbol cara ao conxunto de clubs, a enquisa --elaborada en setembro pasado-- preguntou aos participantes a opinión sobre os diferentes equipos. Os resultados son contundentes en canto a que o Real Madrid é o preferido polo 46% das persoas consultadas, seguido polo Barcelona (36%) e o Atlético de Madrid (21%), situándose o Celta na oitava posición de novo (5%) e o Deportivo no posto 12º, co 3% de apoio.
O Real Madrid é o equipo que máis simpatía esperta e o segundo que menos gusta aos afeccionados
O estudo tamén se pregunta polos equpos que menos gustan, destacando o Barcelona entre o que menos afinidade esperta (o 35% dos enquisados aseguran que non lles gusta), seguido do Real Madrid (30%) e doutro equipo catalán, o Girona (24%).
En canto a Celta e Deportivo, o 5% sitúan o equipo vigués como o seu preferido, o 23% asegura que lle gusta, o 59% declárase neutral e o 10% indica que non lles gusta. No caso do conxunto coruñés, o 3% sinálao como o seu preferido, o 19% aclara que lle gusta, o 61% amósase indiferente e o 13% colócao entre os que menos afinidade lle producen.
O estudo sitúa as afeccións de Deportivo e Celta entre as que maior lealdade amosan aos seus equipos
Ademais, as afeccións de Celta e Deportivo sitúanse entre as que amosan maior lealdade aos seus equipos. Segundo o estudo, están entre as dez con maior porcentaxe de seareiros que animaron desde sempre ao seu club. Case o 70% dos deportivistas consultados recoñece que foi sempre do Dépor fronte ao 31% que asume que mudou a súa afinidade desde outra anterior. No caso dos celtistas, esa lealdade rebáixase un pouco ao recoñecer máis do 40% que cambiaron ao Celta malia ter animado antes outro conxunto.
Segundo o estudo de European Football Benchmark, o 25% dos afeccionados ao fútbol en España mudou de equipo preferido nalgún momento da súa vida.
Alén disto, e debullando outros aspectos da enquisa. o Celta destaca tamén ao situarse como o segundo equipo ao que os afeccionados ven como máis "enraizado na súa rexión", só por debaixo do Athletic Club e por riba da UD Las Palmas, o Girona ou a Real Sociedad. En canto a outros aspectos, como a posesión dalgún tipo de merchandising ou símbolo do seu club, os seareiros deportivistas e celtistas son tamén dos que máis destacan, ao situarse entre as cinco afeccións onde máis xente recoñece contar con algún obxecto ou prenda identificativo da entidade.
Tamén é destacable que os dous principais equipos galegos colócanse tamén entre os dez primeiros en canto á consideración de "internacionais" por parte dos afeccionados ao fútbol.
Por último, si hai unha cousa na que Deportivo e Celta son imbatibles segundo o estudo: no coñecemento e aprecio cara ao seu pricipal patrocinador. A marca de cervexa galega que ambos locen nas súas camisetas é o patrocinador máis recoñecido de toda a Liga española, cun 80% de coñecemento. En canto á simpatía que esperta, esa mesma marca sitúase como a máis destacada no ránking, con case 30 puntos de diferenza sobre a segunda clasificada.
Ademais, a combinación de Estrella Galicia con Deportivo e Celta é recoñecida entre os afeccionados como unha das mellores identificacións entre marca e entidade deportiva de toda a Liga.