Cinco partidos do Congreso apoian a oficialidade das seleccións galega, vasca e catalá

Deputados e membros dos tres colectivos, diante do Congreso © seleccions.cat

Doce deputados e senadores en representación de BNG, ERC, Amaiur, CiU e Iniciativa per Catalunya apoiaron este luns un manifesto conxunto da plataforma proSeleccions catalá, da asociación vasca Esait e do colectivo Siareiros Galegos na que reclaman "o dereito de Galicia, Euskadi e Catalunya a competir de maneira oficial".

Aproveitando a semana na que Athletic Club e Barcelona se enfrontan na final da Copa do Rei en Madrid, as tres plataformas civís leron as súas reivindicacións e deron unha rolda de prensa conxunta nunha sala da Cámara Baixa na que contaron co apoio de varias formacións políticas, a maioría delas nacionalistas. "Catalunya, Galicia e Euskal Herria e os seus pobos teñen dereito a participar con seleccións deportivas propias que as representen", solicitaron os convocantes, que cren que "competir oficialmente é un dereito que os deportistas e as súas federacións teñen que poder gañar co si das federacións internacionais, as únicas con capacidades de decisión sobre as solicitudes de recoñecemento"

"Catalunya, Galicia e Euskadi teñen dereito a participar con seleccións deportivas propias que as representen"

Logo de poñer varios exemplos de seleccións oficiais de nacións sen Estado, os tres colectivos insistiron en pedir ao Goberno español "respecto, liberdade e a non intervención, nin lexislativa nin de facto, en contra da vontade dos deportistas e os afeccionados vascos, cataláns e galegos". "Ata o de agora, a resposta do Estado foi sempre a de restrinxir, coaccionar e sancionar a aqueles deportistas que insinuaron a súa negativa a negarse a xogar coa selección española, ameazándoos coa retirada da súa licenza federativa", lembran. 

Alexandre Costa, membro dos Siareiros Galegos e un dos asistentes ao acto, amosouse "moi satisfeito" da acollida dos deputados á proposta das plataformas e destaca a importancia "da colaboración entre as tres para futuras propostas conxuntas". "A importancia é que todos os colectivos acordamos en que isto non fique aquí e en que as futuras reivindicacións sigan unha liña de traballo conxunto para facer máis forza entre todos", asegura, tras lembrar que tanto Siareiros como Esait e proSeleccions tiveron tempo de explicar aos deputados o seu traballo a prol da oficialidade das seleccións deportivas vascas, catalás e galegas. 

Solicitan unha xornada de reivindicación na final de Copa pero "de maneira positiva e con respecto para todos"

Ademais, Francesc Serra, en nome da organización catalá, fixo un chamamento para que na final do partido de Copa do vindeiro venres sexa visible que "hai dúas nacións representadas" e que as súas afeccións convertan o estadio e os seus arredores nun foro para "reivindicar a oficialidade de ambas as dúas seleccións", aínda que de maneira "positiva" e sen xerar "enfrontamento ningún coa xente"

"Debe ser unha afirmación nacional pacífica e democrática na que haxa respecto para nós e tamén para os que non son como nós. É unha cuestión de democracia", solicitaron as tres plataformas, que estiveron apoiadas polo BNG (Olaia Fernández Davila) Amaiur (Rafael Lareina e Xavier Mikel Errekondo), Unió Democràtica de Catalunya (Marta Surroca e Eva Parera), Convergència Democràtica de Catalunya (Josep Maldonado e Jordi Jané), Esquerra Republicana de Catalunya (Joan Tardà, Alfred Bosch e Teresa Jordà), Iniciativa per Catalunya-Verds (Joan Coscubiela e Laia Ortiz). 

Deputados e membros dos tres colectivos, diante do Congreso © seleccions.cat

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.