O grupo local de Compromiso por Galicia (CXG) da Coruña dirixiuse ao Deportivo, a través dunha carta remitida polo secretario local, Xoán Antón Pérez-Lema ao seu Presidente, Augusto César Lendoiro, na que o empraza a introducir o fútbol feminino na axenda dos vindeiros Trofesos Teresa Herrera, que organiza o Deportivo por encomenda de xestión municipal.
CXG recolle deste xeito a proposta que xa fora posta enriba da mesa por Mudega (Mulleres Deportistas Galegas) e pola Asociación Española de Mulleres
Futbolistas, que consideran fulcral a visibilización do fútbol feminino como instrumento para mellorar a igualdade na práctica do deporte, tendo en conta o aprezable incremento de licenzas nos últimos anos.
"Considerando o principio de igualdade entre homes e mulleres, coma a igualdade de oportunidades, entendemos que é xa tempo de que o futbol feminino sexa incluido no cartel do Teresa Herrera"
Estes dous colectivos iniciaron nas últimas semanas unha campaña para conseguir que o fútbol feminino fose incorporado aos torneos de verán, comezando polo trofeo coruñés, decano do fútbol español: "considerando o principio de igualdade entre homes e mulleres, coma a igualdade de oportunidades, entendemos que é xa tempo de que o futbol feminino sexa incluido no cartel do Teresa Herrera, que este ano fará 67 anos, e no que en ningunha edición o futbol feminino tivo presenza". A edición número 68 do Teresa Herrera celebrarase a comezos do mes de agosto.
