A fin de semana deportiva remata cun balance positivo para os intereses galegos a comezar polo fútbol de Segunda, do Deportivo da Coruña e o Celta de Vigo mandando á fronte da clasificación da Liga Adelante. Os coruñeses lograron o sábado a súa novena vitoria consecutiva por 2-1 ante o Barça B e son máis líderes. Mentres, os vigueses regresan de Elxe con tres puntos tras gañar 0-2 nun encontro cunha discutida arbitraxe. Na elite futbolística feminina o Olivo de Vigo fixo os deberes ante o Lagunak navarro gañando 3-2.
Na Segunda B os galegos non fixeron pleno, pero case. O Club Deportivo Lugo segue tamén nas alturas da táboa do grupo primeiro grazas á súa vitoria por 2 goles a 1 ante o Alcalá. Tamén logrou impoñerse o Coruxo na súa visita ao Rayo Vallecano B, neste caso por 0-1. Pola súa banda, o Celta B non pasou do empate sen goles ante o Vecindario e o Montañeiros da Coruña quedou a un gol de sacar algo en limpo no seu duelo contra o líder, o Real Madrid Castilla, que rematou 3-2.
Onde si houbo pleno galego foi no fútbol sala. O Lobelle de Santiago goleou ao Puertollano na súa casa cun 2-6 e o Azkar Lugo gañou sen problemas no Palacio dos Deportes lugués por 3-0 ao Benicarló. Tamén foron ben as cousas no baloncesto. Co Obradoiro descansando polo parón ligueiro, na Liga Adecco Ouro o Breogán gañoulle 78-87 ao Tarragona Basquet e na Liga Feminina o Celta venceu ante o UNB Obenasa por 73 puntos a 68.
No balonmán a sorte foi desigual para os conxuntos de Galicia. Na Asobal, o Academia Octavo caía por 31-27 ante o Maya Sport. Na división de plata, o Frigoríficos do Morrazo logrou a vitoria ante o Adelma Sinfin por 38-23, o Mecalia do Rosal caeu por 27-28 no seu compromiso co Gijón Jovellanos e o Teucro venceu por 28-27 ao Bidasoa.