Galicia, subcampioa no Mundial de fútbol gaélico

A selección galega, coa medalla de subcampión © SGFG

Histórica Galicia. A selección de fútbol gaélico -a primeira galega que compite de xeito oficial nun torneo internacional- proclamouse subcampioa dos Xogos Mundiais que se disputaron esta fin de semana en Abu Dhabi. O combinado masculino caeu na final ante Arxentina (por un axustado 7-4) e despois de que os americanos acadasen o empate a poucos segundos do final para acabar gañando na prórroga. Malia todo, foi unha estrea case inmellorable, con tres partidos gañados dos cinco disputados e coa honra de ser o equipo co maior resultado a favor do campionato na súa vitoria ante Oriente Medio (18-0). 

Galicia caeu na final ante Arxentina (7-4) logo dun excelente Mundial no que era a súa estrea oficial como selección

A histórica estrea dunha selección galega oficial completouse co bo facer do equipo feminino, que arrancou cunha vitoria ante Suráfrica pero que non puido logo coas súas rivais. Sexa como for, Galicia sairá do Mundial de fútbol gaélico coa cabeza ben alta e culminando unha fazaña histórica para un deporte afeccionado que botou a andar no país hai tan só cinco anos, que xa conta cunha liga con varios equipos, a súa propia federación e unha selección oficial. Agora, tamén conta con subcampionatos. 

Na xornada deste sábado, o equipo galego masculino continuou coa súa boa xeira vencendo nas semifinais a Suráfrica (12-5) para alcanzar así a final coa potente Arxentina, mentres que as rapazas non puideron con Oriente Medio (15-7). Xa o pasado venres, as seleccións galegas debutaran con tres vitorias, dúas conseguidas polos mozos e unha polas mozas na xornada inaugural, na que os dos combinados disputaron cadanseus tres encontros.

Tanto o equipo masculino como o feminino venceron a Suráfrica na súa estrea oficial como seleción (9-2 e 10-5, respectivamente) En ambos os dous casos, o xogo fluído dos galegos foi moi superior ao dos africanos. No seu segundo encontro, as rapazas galegas caeron ante Canadá con claridade (12-0), para logo caer derrotadas tamén ante Oriente Medio (9-4).

O Mundial de fútbol gaélico supuxo a estrea dunha selección galega oficial nun torneo internacional

No caso da selección masculina, Galicia caeu tamén na primeira fase ante Arxentina (6-10) pero refíxose para asegurar o segundo posto do grupo superar amplamente o combinado de Oriente Medio, ao que derrotaron cun claro 18-0, no resultado máis amplo do torneo. Ademais, dous xogadores galegos foron elixidos para o once do campionato, ao igual que dúas galegas. 

"Xa chegar ata aquí foi un éxito, ao igual que gañar un partido. Agora tócanos gozar disto", aseguraba Iago Pedreira, un dos integrantes da selección galega, en declaracións á TVG. Todos os xogadores e xogadoras son amateur e moitos deles tiveron que pedir permiso nos seus traballos ou coller días de vacacións para poder disputar este Mundial, ao que Galicia puido acudir grazas ao apoio de patrocinadores como a Deputación de Pontevedra, pero tamén ás achegas conseguidas a través dunha campaña de crowdfunding coa que apañaron máis de 4.000 euros. Foi a primeira vez que se xogaron estes Xogos Mundiais e que se disputan torneos oficiais de deportes gaélicos fóra de Irlanda, selección que non participou no evento. Sería algo así como poñer un equipo da NBA xogar contra baloncentistas que comezan a dar os seus primeiros pasos na disciplina. 

 

Un éxito histórico

A presenza de Galicia neste Mundial é histórica, non só para o fútbol gaélico, senón para o deporte galego en xeral, ao ser o primeiro combinado nacional recoñecido oficialmente. Todo comezou hai cinco anos, cando un grupo de rapaces da Coruña puxo en marcha o primeiro equipo de fútbol gaélico do país. Os Fillos de Breogán comezaron unha aventura nun deporte irlandés, de 130 anos de historia pero do que pouco máis se sabía que semellaba unha mestura entre fútbol e rugbi. Impulsaron un club e soñaban con conseguir máis conxuntos cos que xogar. Na actualidade, esta disciplina conta cunha liga galega con 15 equipos (oito masculinos e sete femininos) afiliados na Asociación Galega e coa súa propia selección oficial recoñecida pola federación irlandesa que rexe este deporte a nivel global.

O éxito do fútbol gaélico en Galicia é único, ao ser impulsado por galegos e non por irlandeses, como no resto dos países

O éxito deste deporte en Galicia é único a nivel mundial. Nunha disciplina plenamente irlandesa, a maioría de equipos que hai fóra de Irlanda están compostos por xente da illa ou descendentes deles, como é o caso tamén deste Mundial. En Galicia, o 99,9% dos xogadores son galegos e o que empezou como unha aventura mobiliza xa uns 250 xogadores e xogadoras cada fin de semana e de maneira totalmente afeccionada. De feito, un combinado galego e outro da Bretaña disputaron o primeiro partido entre seleccións nacionais da historia deste antigo deporte.

Entre os convocados queu disputan este Mundial hai xogadores do Irmandinhos da Estrada, dos Fillos de Breogán da Coruña, do Mecos e Mecas do Grove ou do Estrela Vermelha de Compostela.

A selección feminina, antes dun encontro © SGFG
A selección galega masculina, en Abu Dhabi © SGFG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.