Giro: tres impresións sobre a primeira semana

Sen acritide? Apretón de mans de dous dos protagonistas do que levamos de Giro, Bradley Wiggins (Sky) e Mark Cavendish (OPQS). © Elos e Canelas

Xabier Rábade ofrece en Elos e Canelas algunhas pinceladas sobre as primeiras xornadas dunha Volta a Italia na que a partir deste sábado os favoritos comezarán a marcar diferenzas.

Antes de que se comezara a disputar, xa había rebumbio sobre as posibilidades de Nibali e de Wiggins. Empezou a gran carreira italiana e na segunda etapa, Sky gañaba unha contrarreloxo que lle facía ao inglés levar 17” de vantaxe fronte os máis serios contrincantes. Así víase corroborada a idea de que os cascos azuis ían despregarse para dominar o Giro e brindarlle un paseo triunfal a Sir Bradley. Mais na cuarta etapa houbo erros impropios dun equipo tan calculador como Sky: unha caída facía a Wiggins perder os segundos que acumulara de vantaxe. Evidentemente, dezasete segundos nesta altura nunha volta de tres semanas e coas características do Giro, pouco contan. O importante desa etapa foi que o vixente campión do Tour quedou cortado, sen posibilidade de reincorporarse á liza da etapa. Malia este problema, Sky dominara a ascensión da principal cota do día polo que Henao e Urán xogaron as súas propias cartas para intentar levar un triunfo de etapa que foi para Battaglin, italiano de 23 anos que esperta interese e esperanza.

Como pode estar tendo tan mala sorte Wiggins? Hai algún rumoroso de que tal vez sexa unha táctica do propio ciclista que quere mandar un recadiño co seu descontento aos xefes de equipo

Na sexta etapa, Wiggins pinchou e logo volveu verse involucrado nunha caída, na que entre moitos outros tamén estaba Nibali. Para evitar que a carreira quedara partida, Sky mandou aos seus homes aminorar o ritmo permitindo que o grupo de caídos se reincorporara ao pelotón. Como pode estar tendo tan mala sorte Wiggins? Hai algún rumoroso de que tal vez sexa unha táctica do propio ciclista que quere mandar un recadiño co seu descontento aos xefes de equipo. Veremos como van evolucionando as cousas ao longo de maio.

 

Cav aproveita as oportunidades

Despois duns meses nos que Cav e os seus compañeiros de Omega Pharma-Quickstep parecían andar un tanto descoordinados, ao manés estalle cundindo o Giro. Suma dúas vitorias en menos dunha semana de competición. O podio desta edición foi estreado por Cavendish que se impuña na volata a Viviani (Cannondale), igual que fixo na etapa que acabou en Margherita di Savoia.

Despois duns meses nos que Cav e os seus compañeiros de Omega Pharma-Quickstep parecían andar un tanto descoordinados, ao manés estalle cundindo o Giro. Suma dúas vitorias en menos dunha semana de competición

Despois da espantada de Petachi en Lampre, OPQS tentouno para incorporalo ás súas filas e que así servira de lanzador de Cavendish, pero a UCI vetou a posibilidade. En Italia parece que deron coa clave idónea para o manés co resistente Jerome Pinau e o superclase Gert Steegmans. Este último xa deu moitas mostras da súa enorme valía traballando en clásicas de lastrado para Boonen, Cav non pode estar en mellores mans, e non deixa perder a oportunidade. O nove de maio, grazas ao labor de Steegmans, Cavendish rematou coa vitoria. Foi un triunfo de Omega Pharma-Quickstep nunha data moi especial para eles: cabodano do compañeiro Wouter Weytandts que perdía a vida no Giro de 2011.

 

O Giro é sinónimo de sorpresas

Nas notas máis curiosas cabe destacar que por primeira vez un corredor chinés chegaba ao Giro. É Chang Ji (Argos-Shimano) e aínda que se retirou despois da quinta etapa, xa fixo historia.

As vindeiras etapas non dan tregua ao pelotón, un percorrido rompepernas o venres 10, a crono individual do sábado 11 que se albisca como unha das etapas decisivas para os máximos candidatos á victoria final

Os percorridos do Giro son verdadeiramente fermosos, unha gran maneira de promocionar ao país transalpino. Unha das máis belas etapas foi a de Cosenza-Matera, moi emocionante no deportivo e na que Degenkolb daba un pasiño importante na súa carreira ao gañar tras o nerviosismo e caos dunha caída fronte a meta. O ciclismo italiano sabe que ten que sacar tallada do Giro, así Sky deulle un triunfo ao novel Puccio, Battaglin puxo o foco da atención sobre o modesto Bardiani CSF Inox e por iso Viviani non lle da un respiro a Cav nas volatas, sempre atrás da súa roda procurando gañarlle. Ata Paolini debutaba e conseguía reter xornada a maglia rossa.

E…aínda quedan dúas semanas para seguir disfrutando do Giro! As vindeiras etapas non dan tregua ao pelotón, un percorrido rompepernas o venres 10, a crono individual do sábado 11 que se albisca como unha das etapas decisivas para os máximos candidatos á victoria final e domingo 12 de maio con duras ascensións no tramo central da etapa.

O derradeiro número de dorsal de Weylandts foi o 108. Cav lembrouno no podio © Elos e Canelas
Sen acritide? Apretón de mans de dous dos protagonistas do que levamos de Giro, Bradley Wiggins (Sky) e Mark Cavendish (OPQS). © Elos e Canelas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.