O pasado domingo o celtista Brais Méndez foi o gran protagonista do partido amigable que a selección española xogou contra Bosnia. O futbolista de Mos, de só 21 anos, debutou no combinado absoluto e fíxoo anotando o gol da vitoria. As súas boas actuacións co clube celeste xa espertaron o interese de equipos de toda Europa, como o Leicester inglés.
Porén, varios medios de comunicación preferiron destacar a anécdota de que Brais é fillo de Modesto Méndez, Pupi, xogador do Xuventude Cambados nas décadas dos 80 e 90, feito que inmediatamente relacionaron con Fariña, con Sito Miñanco e o narcotráfico nas rías galegas, dado que o conxunto foi propiedade do narco durante tres anos. O diario Marca foi máis aló e no seu titular mudou o nome do clube cambadés por Fariña FC, destacando que era "o equipo de Sito Miñanco".
A mención provocou a inmediata indignación xeral en Cambados e no propio clube, que este martes pola tarde fixo público un comunicado a través das redes sociais no que lle esixe ao xornal deportivo unha rectificación. "Dende o Club Xuventude Cambados queremos trasladarlle o profundo malestar e indignación xerado entre os nosos socios e simpatizantes por facer referencia ao noso Club -totalmente fóra de contexto e de sentido- como Fariña FC" di o comunicado, que se pecha pedindo que "dado o desafortunado menosprezo do Diario Marca cara ao noso club e a súa imaxe, rogamos procedan á rectificación da publicación". Ademais, demanda unha "rectificación cara ao noso club, en relación coa errónea e desafortunada denominación como Fariña FC".
"Dado o desafortunado menosprezo do Diario Marca cara ao noso club e a súa imaxe, rogamos procedan á rectificación da publicación"
O Xuventude Cambados milita na actualidade no grupo sur da Preferente Autonómica, que lidera despois de 14 xornadas. O equipo obtivo varios ascensos nas últimas tempadas e hai tan só tres anos xogaba aínda na Segunda Autonómica. A pesar da boa marcha do equipo nesta campaña, os responsables do clube seguen mantendo que o obxectivo é a permanencia a consolidación do proxecto, apoiado neste momento por 500 socios e socias.
Titular de Marca denominando 'Fariña FC' ao Xuventude Cambados