Isaac Prada, o galego que revolucionou a Fórmula 1 coa invención do 'Kers'

Isaac Prada CC-BY-SA M. Pereira

Con tan só 22 anos, Isaac Prada-Nogueira traballaba como enxeñeiro para o equipo Renault de Fórmula Un. Daquela gañara unha bolsa da automobilística francesa e saltara a fama pola súa precocidade e, sobre todo, por ser o pai do Kers, un sistema revolucionario que permitía acumular enerxía nas freadas e aumentar a potencia dos monoprazas nuns 80 cabalos durante uns segundos. Colaborador tamén da NASA ou da Axencia Espacial Europea, na actualidade é un dos socios directores de KeelWit, compañía de enxeñería de I+D premiada varias veces pola súa innovación.

Fillo de galegos, galegofalante e deportivista confeso, continúa vinculado ao circo da F-1, coa que prepara proxectos nos que xa están interesados varias escuderías da grella. Mentres, segue exercendo de comentarista e gozando dun espectáculo que regresa en menos dun mes e no que, lembra, “non gañan nin os máis ricos nin os mellores pilotos”. “É un deporte fundamentalmente de equipo, aínda que a xente só se fixe nos que conducen”, asegura.

“É un deporte fundamentalmente de equipo, aínda que a xente só se fixe nos que conducen”

Isaac Prada racha cos tópicos. Traballando ao carón de estrelas como Fernando Alonso descubriu un mundo “moi competitivo” que engancha ao mesturarse nel “o mellor e máis avanzado da tecnoloxía e da investigación coa emoción por querer gañar sempre”. “É un deporte moi tecnolóxico, pero fundamentalmente de equipo; só nos fixamos nos vinte e pico pilotos que participan nas carreiras e que tamén van aos espectáculos ou saen nas revistas, pero ao final as carreiras decídense pola velocidade dos mecánicos nunha parada ou polas estratexias da escudería”, resume.

Para este madrileiro, como diría Nancho Novo, a tecnoloxía, os enxeñeiros e os mecánicos son o fundamental. Moito máis que o que conduce. “Na Fómula Un, nin gaña o máis rico nin o mellor; a tecnoloxía pesa moito máis que o piloto”, di, e pon un exemplo evidente: o recente dominio de Red Bull fronte aos grandes: “Demostrou que é máis importante o enxeño dos enxeñeiros e aproveitar ao máximo a normativa, que os cartos”. “Fernando Alonso perdeu un mundial porque o equipo decidiu copiar a estratexia de Webber e non a de Vettel, aínda que o asturiano sexa o mellor piloto”, manifesta.

O que presumía ser un elemento esencial para incrementar o espectáculo e os adiantamentos foi rexeitado por moitos equipos. “Foi un problema político”

“A diferenza entre un piloto moi bo e outro bo pode chegar ás tres ou catro décimas, pero a tecnoloxía empregada por Red Bull xa supoñía un segundo máis por volta”, insiste Prada, que cre que son estes milagres os que converten a Fórmula Un no espectáculo deportivo máis seguido no mundo tras os Xogos Olímpicos e o Mundial de fútbol. “Noutras categorías de motor, onde todos compiten nas mesmas condicións, a afección é moito menor”, repara.

 

O Kers

E entre eses avances tecnolóxicos, Isaac Prada foi un dos protagonistas. Revolucionou a Fórmula Un hai tres anos, cando o adaptou o sistema Kers aos monoprazas. O seu proxecto gustou moito en Renault e a FIA (Federación Internacional de Automobilismo) acabou por introducilo nas carreiras. No entanto, non todo foron boas noticias. O que presumía ser un elemento esencial para incrementar o espectáculo e os adiantamentos foi rexeitado por moitos equipos. “Foi un problema político”, asegura Isaac Prada.

“A F-1 quixo introducir unha tecnoloxía que parecese sostible e ecolóxica e forzou a que todos os conxuntos empregasen baterías eléctricas para almacenar a enerxía”, di. E estas, ao non ser nin semellantes ás que se empregan en vehículos eléctricos, provocaba grandes diferenzas entre uns e outros equipos: “Renault tivo que empregar un Kers que pesaba quince quilos máis que os dos equipos grandes e, claro, moitos deixaron de utilizalo”.

“Daquela, non se lles deu aos equipos a liberdade necesaria para optimizalo”, quéixase. Agora si. Pouco despois, reintroduciuse o Kers, que foi empregado por todas as escuderías sen problema ningún e sendo fundamental no aumento de adiantamentos e espectáculo nese deporte ao que segue enganchado Isaac e do que intentou aproveitar o mellor. Porque tamén hai cousas que mudaría. “Había moita xente frustrada porque todo o seu esforzo estaba centrado nunha cousa que duraba unha carreira ou media tempada, e que podía ser prohibida pola normativa”, recorda da súa época nos boxes.

“O 80% da tecnoloxía da Fórmula Un non se pode usar noutros sectores e iso frustra. Había enxeñeiros e investigadores que non se podían dedicar a nada máis porque o que facían non era útil en ningures; as carreiras son un espectáculo, pero non un sector tecnolóxico que dea riqueza a un país”, di contundente, malia recoñecer moitos avances que si foron aplicados na mecánica convencional automobilística.

“O 80% da tecnoloxía da Fórmula Un non se pode usar noutros sectores e iso frustra"

Ante esta eiva, Isaac Prada veu unha oportunidade. “Quixen aplicar o que aprendín na F-1 a outros sectores onde non se aproveitaban todos os avances; todo era demasiado complicado, caro ou difícil de trasladar a outros ámbitos, pero sempre pensei que debería haber unha transferencia ao mundo do automóbil ou da aeronáutica”, resume. E foi daquela cando aplicou aquela “optimización de recursos” que tanto aprendera en Renault, un equipo de escasos recursos que logrou vencer aos grandes da Fórmula Un.

Traballa na mobilidade sostible, deseñando vehículos eléctricos ecolóxicos para varias firmas españolas

Agora, na súa empresa, aproveita moito do aprendido naquel circo e traballa con grandes compañías siderúrxicas ou cementeiras no aforro da enerxía e na optimización dos recursos. Ademais, céntrase tamén na mobilidade sostible, deseñando vehículos eléctricos ecolóxicos para varias firmas españolas, e insiste nun proxecto para mellorar os simuladores das escuderías da F-1 de cara a vindeiras tempadas. Avances da Fórmula Un aplicadas á vida real e a investigación e desenvolvemento na vida real aplicado á Fórmula Un. O que Isaac sempre teimou en conseguir. 

O "famoso" Kers © motorfull.com

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.