Jorge Prado gaña o Gran Premio de Galicia de motocross e volve liderar o mundial

Vitoria de Jorge Prado no Gran Premio de Galicia de Motocross, celebrado este domingo © MXGP

32.000 persoas asistiron no circuito municipal Jorge Prado á exhibición do piloto local, de tan só 23 anos

Lugo acolleu este domingo o Gran Premio de Galicia de Motocross, unha cita que forma parte do Campionato do Mundo e que na categoría masculina rematou coa vitoria inapelable do lucense Jorge Prado, que corría na casa e que sentiu o apoio da dúa afección. Con este triunfo, o seu quinto nesta tempada, Prado recupera o liderado do Mundial, que na última proba, celebrada en Portugal, perdera ante Tim Gajser.

32.000 persoas asistiron no circuito municipal Jorge Prado á exhibición do piloto local, de tan só 23 anos. O lucense, que obtivera o primeiro posto na manga de clasificación, non tivo problemas para imporse na primeira carreira, cunha vitoria esmagadora rodando toda a manga como un reloxo para evitar que ningún dos seus rivais se puidese achegar. 

Prado recupera o liderado do Mundial, que na última proba, celebrada en Portugal, perdera ante Tim Gajser

Na segunda manga, Prado só cedeu no Holeshot, que levou Calvin Vlaanderen, ao que pasou na primeira volta. Recuperar a placa vermella era o seu obxectivo. Notábase que xogaba na casa nesta ocasión e fixo gozar ao máximo aos miles de afeccionados que coreaban o seu nome. 

"Galicia era unha cita que tiña marcada a lume no calendario. Aquí, simplemente, non podía fallar. Foi un soño feito realidade gañar cos meus", asegurou Jorge Prado

"Galicia era unha cita que tiña marcada a lume no calendario. Aquí, simplemente, non podía fallar. Foi un soño feito realidade gañar cos meus", asegurou Jorge tras recibir o trofeo de mans do Presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Completaron o podio Herlings e Febvre, tras un fallo de Gajser que perdeu o liderado provisional conseguido en Portugal.

A estrea do Gran Premio de Galicia non puido ser mellor. Os espectadores que abarrotaron as bancadas gozaron dun espectáculo que tardarán moito en esquecer: un fin de semana histórico para o deporte en Galicia.

Vitoria de Jorge Prado no Gran Premio de Galicia de Motocross, celebrado este domingo © MXGP
Vitoria de Jorge Prado no Gran Premio de Galicia de Motocross, celebrado este domingo © MXGP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.