Os afeccionados galegos ao baloncesto están de noraboa. O mes de outubro chega cunha innovadora publicación debaixo do brazo. Nace Zona Press, unha revista mensual de básquet, en galego e centrada nun deporte que, se xa tiña auxe en Galicia, conta agora con milleiros de seareiros por todo o país.
A revista, a primeira centrada no básquet para Galicia e en galego, conta no primeiro número con entrevistas a Pau Gasol ou Moncho Fernández
Óscar Losada, xornalista e escritor, é o promotor e director desta publicación, que se venderá nos pavillóns dos catro equipos masculinos de elite (Obradoiro, COB Ourense, Breogán e Básquet Coruña) e que se converte na primeira revista centrada neste deporte que xorde en Galicia. "Deuse a situación agora polo momento profesional e laboral polo que paso; gústanme moito os deportes, e en especial o baloncesto, e lanceime", explica o responsable dunhas follas nas que no primeiro número podemos atopar pezas tan variadas e interesantes como as entrevistas a Pau Gasol ou o adestrador obradoirista, Moncho Fernández, así como reportaxes sobre Bill Bradley ou sobre o pasado neste deporte de Fidel Castro.
"Fixen unha revista que a min me gustaría ler, pero que creo que lle gustará tamén aos amantes do baloncesto", engade Losada, que lembra que Zona Press non está tan centrada na actualidade -que haberá-, como na análise, as entrevistas ou as reportaxes nas que se mesturará o deporte coa cultura. De feito, xa hai unha sección preparada sobre a pegada do básquet no cinema.
"O baloncesto feminino contará con tanta atención como o masculino", di o director, Óscar Losada
Ademais, destaca, "as mulleres terán tanta atención na publicación como os homes". "Temos preparados temas moi interesantes sobre o baloncesto feminino", explica o director, que recorda que Galicia conta con seis equipos na segunda categoría estatal, logo do descenso administrativo do histórico Celta "por culpa cun Concello de Vigo que non deu valorado a importancia dese club na historia do deporte galego". De feito, neste primeiro número inclúese unha entrevista coa internacional galega Claudia Calvelo.
A revista chega en plena crise dos medios impresos, pero non tanto de revistas especializadas, mensuais ou trimestrais, que buscan un público específico e contidos de calidade. Zona Press segue o ronsel de publicacións como as revistas sobre fútbol Panenka ou Líbero, onde tamén colabora Óscar Losada. "Agora en plena crise saen moitos proxectos que triunfan ao mesturar cultura e deporte en textos de calidade, e fano en papel", explica o director, que engade tamén que contan cunha páxina de Facebook na que avanzan novidades, pero non as informacións incluídas na versión impresa.
Zona Press venderase nos pavillóns dos principais equipos galegos nos seus partidos como local. Nesta fin de semana, xa se poderá gozar dunha revista que busca apoios publicitarios para continuar unha andaina que promete e que agarda contar co apoio dos principais clubs de baloncesto do país. Dirixíndose ao seu enderezo electrónico pódese conseguir toda a información: revistazonapress@yahoo.es.