O concelleiro Rafael Vilar anunciou o que os membros do grupo municipal do BNG deixarán de ir ao palco do Multiusos Fontes do Sar mentres non se solucione a situación derivada da retirada de bandeiras galegas con estrela para apoiar o Obradoiro, tal e como denunciou Praza en diferentes ocasións.
Polo menos dous grupos de afeccionados denunciaron xa o veto ás bandeiras nacionalistas galegas
Así, e logo de que varios afeccionados denunciasen o veto á estreleira e as ameazas de multa dos axentes de seguridade do Sar a numerosos seareiros, o BNG "anima as persoas afeccionadas a levaren bandeiras aos vindeiros partidos do Obradoiro co obxectivo de expresaren o seu desacordo con esta medida". “Para o BNG é un despropósito pretender multar con 3.000 euros a quen use a bandeira galega con estrela, pois é un símbolo que une á afección compostelá”, indicou Rafael Vilar.
O BNG decidiu deixar de ir ao palco mentres "non se restableza o uso habitual destas bandeiras"
O concelleiro do BNG asegura que xa se puxo en contacto, no pasado mes de outubro, coa directiva do club para expresarlle "a preocupación polo feito de que as persoas responsábeis de seguridade tiñan orde de non permitir o acceso aos partidos se as persoas seareiras portaban bandeiras destinadas a animar o seu equipo, de cara a que se corrixise esta situación para non deteriorar o espírito de ilusión da afección deste club". Logo de diversas conversas con responsábeis do club, que resultaron infrutuosas, o BNG tomou o acordo de deixar de ir ao palco "mentres non se restableza o uso habitual de insignias que adoitan utilizar as persoas afeccionadas para animar os equipos deportivos".
Rafael Vilar lembrou que “é normal e habitual a presenza desta simboloxía en todos os campos de fútbol galegos e noutras moitas manifestacións deportivas, que non teñen outra connotación que a representación do sentimento de país”. “Calquera outra interpretación deste símbolo só se entende por descoñecemento ou mala fe”, engadiu.
A pasada fin de semana, varios afeccionados denunciaron que un axente de seguridade lles quitou unha estreleira durante o partido disputado entre o Obradoiro e o Gran Canaria. Hai menos dun mes, outro seareiro denunciou tamén que fora ameazado cunha multa de 3.000 euros se non retiraba unha bandeira idéntica. Nos dous casos, o argumento que se achega é que o símbolo "incita á violencia".
O BNG asegura querer manter co club Obradoiro "o entusiasmo, a confianza e o esforzo que caracterizan o ámbito deportivo" e agarda "que se corrixan as indicacións dadas ás persoas responsábeis da seguridade canto antes".