A un pasiño. O Breogán está a unha soa vitoria de certificar a súa volta á elite do baloncesto estatal, ao lugar a onde pertence por afección, historia e paixón pero do que non goza desde hai doce anos. A tres xornadas da conclusión da fase regular da Liga EBA, o equipo lucense precisa dunha vitoria para regresar á ACB ou que algún dos dous rivais polo ascenso non gañe un dos seus encontros. Este venres, a partir das 21 horas, ten a súa primeira oportunidade no Pazo, ante o Sammic Hostelería e cos seus fieis seareiros ateigando as bancadas. Parece o día propicio.
O Breogán está a unha soa vitoria de regresar á ACB doce anos despois
O rival desta noite xógase a permanencia pero terá enfronte tamén os 6.000 espectadores que encherán o Pazo e a toda unha cidade que leva moito tempo agardando por este día. Coa tensión e a ilusión lóxica, Lugo devece por unha festa que se fixo agardar demasiado. E por recuperar un lugar que hai tempo que o esquiva malia a insistencia e a fidelidade dos seus.
Na elite espérao o Obradoiro, co seu ex-presidente á fronte, e coa oportunidade de recuperar un derbi galego na ACB que xa hai moito tempo que non se vive.
"Preocúpame a resposta do equipo, temos claro que non é un partido máis", di o técnico breoganista, Natxo Lezkano, consciente da importancia do encontro é do "obvio": "Estámonos xogando moito e é un partido que ten moita repercusión". Malia as molestias dalgúns xogadores, todos estarán dispoñibles para unha batalla que, en todo caso, non é a definitiva.
No caso de que o Breogán falle e de que os seus rivais gañen, a seguinte oportunidade teríaa na Coruña, nun pazo dos deportes de Riazor que ben seguro quedaría pequeno para acoller unha masa social que non ten outro equipo ningún na segunda categoría do baloncesto estatal. Que non faga falta. A festa e o día é agora.