O Deportivo esgota a paciencia de Riazor

José Luis Oltra, técnico do Deportivo © canaldeportivo

Había moito tempo que o Deportivo non era despedido con asubíos de Riazor. Nin tan sequera cando o equipo consumou o seu descenso a Segunda División hai ano e  medio. Este luns si. A bancada despediu os seus xogadores con reproches, por primeira vez en moitísimas xornadas, logo de comprobar a impotencia dun conxunto que empatou sen goles co Valladolid, continúa de pechacancelas e ve como Oltra queda na corda frouxa.

O Deportivo dá a impresión de non dar para moito máis, pero é certo tamén que nada lle sae de cara

O peor é que o Deportivo dá a impresión que non dá para moito máis, pero tamén é certo que nada lle sae de cara. A poucos minutos de final, o portugués Salomao errou o imposible. A escasos centímetros da portería e co porteiro batido,  mandou o balón por riba do longueiro e estragou a última ocasión clara dun equipo que non puido concretar as súas oportunidades, pero ao que tamén salvou Lux con dúas ou tres intervencións de mérito na súa estrea como titular en Liga en substitución de Aranzubía.

O Dépor, como case sempre, comezou mandando e xogando en campo contrario, pero foise esvaecendo co paso dos minutos, ao tempo que o Valladolid creaba máis ocasións ao contraataque. Mellorou algo o equipo galego en defensa, pero estivo negado no ataque, malia os múltiples intentos de Riki e os últimos disparos de Nelson Oliveira, que reaparecía. Non foi dabondo.

O conxunto coruñés continuará unha xornada máis como último clasificado e visitará o vindeiro xoves ao Espanyol, empatado a puntos no fondo da táboa clasificatoria. Será tan só un día antes da xunta de accionistas dun club ao que á crise deportiva se lle une unha grave crise económica, a piques de entrar en lei concursal e coa bancada -por primeira vez en moito tempo- enfadada cos seus. Se nada cambia, Oltra seguirá no banco, pero poucos dubidan que non gañar en Barcelona sería, ademais dunha desfeita de cara ao futuro, a fin da etapa do adestrador valenciano en Riazor.

José Luis Oltra, técnico do Deportivo © canaldeportivo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.