Hai un ano, o COB Ourense conseguía o ascenso deportivo á liga ACB de baloncesto logo dun histórico play-off contra o Breogán de Lugo. Ante a imposibilidade de cumprir cos duros requisitos económicos que impón a Asociación de Clubs de Baloncesto, esta e o equipo ourensán acordaron aprazar un ano a súa inscrición na máxima categoría do básquet estatal ata asegurar a presentación dun aval de 3 millóns de euros. Deputación e Concello comprometéranse daquela a avalar a entidade, pero un ano despois a cantidade que prometeu a administración local está no aire. E a reestrea do COB na elite, tamén.
O pleno de Ourense debate este venres unha subvención de 1,5 millóns ao COB, pero só o PP votará a favor
Un informe de Intervención do Concello de Ourense advertiu hai tan só uns días da imposibilidade de avalar a operación de crédito negociada con Abanca por "vulnerar a normativa". A Deputación provincial aprobou cos votos a favor do PP achegar ese 1,5 millóns de euros e faltaba a parte do goberno local, que ante a imposibilidade do aval, accedeu a optar pola subvención nominativa da mesma cantidade ao COB. Pero, de non cambiar as posturas públicas amosadas por todos os partidos da corporación, esa posibilidade tampouco sairá adiante. Tan só o PP -que ten dez concelleiros- votará a favor. Democracia Ourensana, con oito representantes; PSdeG, con seis; e Ourense en Común, con tres, adiantaron a súa negativa a unha polémica achega. Un 'non' ao que contestou con críticas o club.
Concello e Deputación, que teñen o 42% das accións do club, comprometéronse a achegar o 100% dos 3 millóns necesarios para competir en ACB
O PSdeG adiantou que só apoiaría unha subvención duns 608.000 euros, equivalente á porcentaxe de accións que ten o Concello no club: o 21%. É a mesma porcentaxe coa que conta a Deputación de Ourense, pero entre ambas as dúas administracións públicas, que representan o 42% do capital da entidade, comprometéranse a achegar ou avalar o 100% da cantidade requirida pola ACB. Todo, malia que o 39% dos títulos do equipo de básquet están repartidos entre importantes empresas, máis dunha ducia delas construtoras como Copasa, ou outras como Coren e La Región.
Ourense en Común, logo de levar a cabo unha asemblea este mércores, optou tamén por votar "en contra da modificación orzamentaria que a SAD COB Ourense solicita ao Concello". "A subvención nominativa de 1,5 millóns proposta polo PP supón unha inxección de liquidez con fondos públicos a unha sociedade anómina sen garantías de viabilidade e sen que o retorno estea garantido cos informes que hai sobre a mesa", explican desde a formación, que advirte que esta achega ad hoc iría en contra da normativa comunitaria ou da inseguridade e risco que supón ese investimento.
Ourense en Común decidiu votar 'non', ao igual que DO e o PSdeG, que só achegaría 608.000 euros, o equivalente á participación do Concello no COB
Ourense en Común destaca tamén que "as prioridades de gasto de diñeiro público deben ir cara as verdadeiras emerxencias da cidade" e entende que non se pode "cargar co custo da metade do que precisa unha sociedade anónima con fins de lucro, cuxa actividade estaría fóra da capacidade de fiscalización da Administración Pública". Explica a súa postura nun vídeo, e aínda entendendo o simbolismo e a parte emocional que supón gozar dun equipo en ACB, a plataforma municipalista decidiu en asemblea votar non, ao igual que xa anunciara Democracia Ourensana. Ademais, pedirá que se vendan as accións que a entidade local posúe no club.
Desde o PP, asegúrase que a axuda "non vai a fondo perdido" porque o groso da subvención "recuperaríase para as arcas municipais no caso de que o equipo perdese a categoría nos próximos anos, xa que o seu destino é construír unha garantía de pagos ao longo da tempada" Ademais, o alcalde Jesús Vázquez aclara que os informes técnicos "son favorables" e indican que "a dimensión económica de contar cun equipo na elite do baloncesto pode supoñer un retorno directo de 3 millóns de euros".
O debate lembra ás polémicas que xa se deron con axudas públicas coas que contaron outros importantes clubs deportivos, tamén no básquet, como no caso do Obradoiro ou do Breogán. E a controversia e os argumentos en contra ou a favor son infinitos.
Hai alternativa?
Pero, ante unha votación que se prevé perdida polo PP, cales son as alternativas agora? Martiño Xosé Vázquez, voceiro de Ourense en Común, aclara que "non é o Concello quen debería estar procurándoas, senón dedicándose a problemas como o desemprego", pero entende que o COB "si ten outras posibilidades". Son moitos os que entenden que as condicións solicitadas por Abanca para o aval eran inasumibles e non comprenden como non se intentou con outra entidade bancaria. Tampouco por que non se presionou ao banco desde a administración pública.
Ourense en Común pregúntase por que as importantes empresas que participan no club non achegan parte dos cartos esixidos
Pero hai quen vai moito máis aló. Tamén Martiño Xosé Vázquez, que entende que se o ascenso á ACB e o proxecto deportivo do COB "ten tanto retorno e supón a revalorización do club, por que todas esas empresas que forman parte do capital social non asumen unha parte?". Entre elas, máis de dez construtoras que asumiron achegar a mesma cantidade de cartos ao entrar na entidade cobista, ou importantes compañías como Coren. "Se é tan rendible, de verdade non poden asumir entre todas esa achega económica que pide a ACB? Se cadra, pregúntanse moitos, é porque o investimento non é tan seguro.
"O informe socioeconómico no que se basea a solicitude de subvención non é do todo solvente; tiven alumnos da Universidade que presentaron traballos máis completos e fundamentados", di Martiño Xosé Vázquez. Desde o COB, aluden a un informe da Universidade de Vigo sobre o Obradoiro que aseguraba un retorno a Compostela de 3,4 millóns de euros e cren que en Ourense a cantidade sería de 2,6. Ademais, cren que o impacto económico xerado polo desenvolvemento da actividade do club en ACB ascende a máis de 1 millón e dunha xeración de 28 empregos directos, "ademais de moitos outros indirectos".
O COB defende o retorno da ACB á cidade ou o impacto positivo para a 'marca Ourense' tanto na cidade como na provincia
Segundo din, a achega ás administracións públicas en concepto de IRPF e cargas fiscais sería de máis de medio millón de euros e aluden ao impacto positivo para a marca Ourense e a súa provincia e tamén a un programa que suporía levar o básquet a uns 2.000 nenos da provincia. Antonio Gavilanes, presidente do COB, advirte que "non hai outra opción" que non sexa que o pleno aprobe esa subvención de 1,5 millóns de euros e criticou con dureza a posición do PSdeG local.
"Se non fora deporte, o proxecto e a idea da subvención non se sostén", di Martiño Xosé Vázquez, de Ourense en Común. Pero é deporte, "un espazo de irracionalidade, máis emocional". Para este xoves, os afeccionados xa convocaron unha manifestación na Praza Maior baixo o lema Loitemos. Ourense é ACB. O venres, será o pleno municipal onde se debata a cuestión. Doce días despois, o 15 de xuño, remata o prazo para cumprir cos requisitos económicos para entrar na elite do baloncesto.