O fútbol da Costa da Morte xa ten o seu álbum de cromos

Álbum de cromos do fútbol da Costa da Morte © QuePasanaCosta

Se hai algún lugar onde o fútbol non profesional se viva dunha maneira especial, ese é a Costa da Morte. Os campos dos equipos de categoría rexional presentan acotío entradas que para moitos quixeran conxuntos de maior entidade e as rivalidades e retesías que se viven entre as afeccións son dignas de calquera Deportivo-Celta. Á Liga da Costa e ao resto de divisións faltábanlles poucas cousas para confirmar a relevancia que ten entre os seus seareiros. Se cadra, un álbum de cromos con todas as súas estrelas. E aquí está xa.

O diario dixital Que Pasa na Costa lanza o álbum de cromos do fútbol da Costa da Morte

"E quen sería o 7 do Mazaricos? Xojaba de carallo". "Creo que o 12 do Camelle estuda comigo na Coruña, pero non estou seguro". Estas e outras moitas preguntas son as que levaron a varios colaboradores do diario dixital Que Pasa na Costa, impulsor do proxecto, a poñer en marcha un álbum de cromos que servirá tamén como guía futbolística da tempada 2013-14 na Costa da Morte. Coleccións como as que teñen a Messi ou Ronaldo como figuras, pero con todos os futbolistas deste fútbol auténtico.

Foi a empresa Sportcrom a que lle propuxo aos impulsores do proxecto a edición deste álbum. "Abríusenos o ceo e lanzámonos de cabeza", explican os protagonistas na web Os cromos do fútbol da Costa. Un álbum que, por motivos de espazo, non inclúe os clubs de Terceira Autonómica, pero si outros 25 do resto de categorías superiores. Desde o Dumbría ao Soneira, ata o Sofán e o Volantes de Baño, pasando polo Corme, o Cee ou o Camariñas.

"O álbum é algo case enciclopédico, coa idea de unir aos que estamos espallados polos campos adiante detrás dunha mesma pelota"

Así nace esta publicación, "que xa traspasa a fronteira de álbum para converterse en algo case que enciclopédico, coa idea principal de unir". "De unir a todos os que estamos espallados polos campos adiante detrás dunha mesma pelota e duns mesmos soños. E que mellor maneira de unir que coñecernos. Aí radica a chave da importancia dun álbum como este", engaden Manolo Varela, Óscar Santos, Alberto Pose, Jorge Parri e Ubaldo Cerqueiro, autores dun proxecto que vai moito máis aló dunha recolección de fotografías.

Son máis de 700 cromos, onde se escribe unha historia, a da tempada 2013/2014, e ao mesmo tempo "mil historias paralelas, as de todos os que aparecen e de moitos que non aparecen, que tamén axudaron a construír as nosas lendas persoais e particulares". "Quixemos lembrar un anaquiño de pasado do fútbol da Costa, por iso hai tamén catro páxinas de historia que servirán como acta levantada para futuros curiosos dos datos e feitos futbolísticos da Costa da Morte", explican.

A publicación conta con máis de 700 cromos e unha parte que resume a historia do fútbol da Costa

"Esperemos que esta publicación axude a dar alento a todos os que traballan en prol da nosa particular aldea gala que resiste ao romano invasor, e en particular a ese eido fundamental da vida: o deporte, e ós nosos deportistas, hoxe mais que nunca protagonistas. Cando fales con xente que non coñece a Liga da Costa, non lle contes o do álbum: consigue o teu cromo e ensínallo, porque senón ninguén te vai a crer", aseguran os que veñen de crear un álbum que, xunto aos cromos, poderase comprar en diferentes librarías e locais da zona a partir do vindeiro 1 de decembro.

O álbum será presentado o vindeiro 30 de novembro nunha gala que contará coa presenza de David Vidal

Tan só un día antes, o sábado 30 de novembro, terá lugar a presentación en sociedade deste álbum nunha gala que servirá de punto de encontro para toda a xente do fútbol costeiro. A partir das 21 horas, no Auditorio de Santa Comba, terá lugar un acto presentado pola xornalista Mónica Martínez e que contará coa presenza do ex adestrador David Vidal, que ao mediodía, na taberna O Ribeiro de Corcubión, intervirá nun coloquio (Da Liga das Estrelas á Liga da Costa) conducido polo periodista Fran Hermida. Á tarde, o ex de Logroñés, Cádiz ou Compostela dirixirá un adestramento coas categorías inferiores do Xallas de Santa Comba.

Será unha xornada histórica para a reivindicación do verdadeiro fútbol. O balompé máis auténtico. O da Costa da Morte.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.