O 'galego' Niki Lauda volve á actualidade

O 'galego' Niki Lauda CC-BY-SA Phil Guest

Niki Lauda volve á actualidade. O filme Rush, estreado esta fin de semana, devólvelle o protagonismo ao piloto austríaco, tres veces campión de Fórmula 1 (1975, 1977 e 1984) e vítima dun dos accidentes máis terribles da historia desta competición, un sinistro que tivo lugar no circuíto alemán de Nürburgring en 1976, que lle provocou cicatrices de por vida. O galego Niki Lauda.

Foi Xosé Fernández Ferreiro (premio Xerais de novela), natural de Nogueira de Ramuín, quen contou por primeira vez (no ABC en 1976) a historia dun emigrante chamado Juan Lauda Crespo que, despois de percorrer Arxentina e Cuba, chegou a Nova York. Alí Juan Lauda tivo catro fillos, e un deles (José Lauda Barbeito) casou cunha austriaca. Nesta entrevista Fernández Ferreiro falaba con Sixto Lauda Crespo, suposto tío-avó do campión, daquela de máxima actualidade, que lle revelou que José Lauda Barbeito mesmo chegou a participar como piloto de aviación na II Guerra Mundial, bombardeando Xapón (curiosamente Niki Lauda dirixiu dúas liñas aéreas ao abandonar a Fórmula 1). Tamén lle contaba que José Lauda e a súa muller se separaran pouco despois do nacemento do seu primeiro fillo, e que ela regresou a Austria.

Fernández Ferreiro mesmo conseguiu daquela localizar en Galicia a outra Lauda, "idéntica" ao piloto. "Tiña mesmo os seus dentes, polos que o piloto recibira o apodo de "a rata" e que locen boa parte dos Lauda galegos", dicía, segundo recolleu unha reportaxe publicada por Santiago Romero en La Opinión de A Coruña en 2007. Neste texto Santiago Romero poñíase en contacto con outros descendentes dos Lauda de Nogueira, que marcharan vivir á Coruña e Cambre, e que contaban que nos 80, un irmán do aviador José Lauda (e posible pai de Niki) contactara dende os EEUU co daquela alcalde coruñés, Joaquín López Menéndez, coa intención de recuperar propiedades en Cambre. Ao descubrir que "esa herdanza xa non existía" racharon as relacións entre as dúas familias.

A pesar deste relato e da evidente semellanza física entre o piloto austríaco e os Lauda que na actualidade residen na Coruña, na meirande parte das biografías do campión de Fórmula 1 recóllese que o seu avó paterno foi o empresario vienés Hans Lauda

Porén, esta orixe de galega de Niki Lauda, a pesar deste relato e da evidente semellanza física entre o piloto austríaco e os Lauda que na actualidade residen na Coruña (como se pode observar nas imaxes da reportaxe de La Opinión), nunca foi recoñecida oficialmente. Na meirande parte das biografías do campión de Fórmula 1 recóllese que o seu avó paterno foi o empresario vienés Hans Lauda. En calquera caso, Lauda volve ao primeiro plano da actualidade, grazas ao filme de Ron Howard que repasa a rivalidade entre James Hunt (Chris Hemsworth) e o austríaco Lauda, interpretado por Daniel Brühl.

Fotograma do filme protagonizado por Daniel Brühl Dominio Público Praza Pública
O 'galego' Niki Lauda CC-BY-SA Phil Guest

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.