Ata o 7 de setembro 350 surfistas pasarán por Pantín, entre eles algúns dos nomes máis destacados do panorama internacional
Dende este mércores a praia de Pantín (Valdoviño) acolle un dos maiores eventos do surf no continente europeo, o Pantín Classic, que nesta 31ª edición reúne a máis de 350 deportistas, algúns dos máis destacados surfistas do planeta. As competicións, que chegarán ata o vindeiro 7 de setembro, servirán para achegar os e as competidoras aos Xogos de Toquio do ano 2020, onde por primeira vez o surf será deporte olímpico.
Ademais, en Pantín haberá concertos e outro tipo de actividades, como competicións de skate. O pasado ano máis de 100.000 persoas pasaron pola praia nos días nos que se desenvolveu o evento, unha cifra que este verán podería superarse.
Foi en 1988 cando botou a andar o Classic, nun momento no que o surf comezaba a despegar en Galicia co nacemento tamén da tenda Aquasurf e do Océano Surf Club, da man de Vicente Irisarri, Carlos Bremón, Gonzalo Varro, Carmen Aguilar e Fernando Montalvo. Dende entón o evento non deixou de crecer: en 1999 superou os 25.000 asistentes, unha cifra que hoxe é catro veces maior.
O pasado ano máis de 100.000 persoas pasaron pola praia nos días nos que se desenvolveu o evento
Dende 1988 por Pantín pasaron oito campións do mundo de surf: Tom Curren, Mark Ochiluppo, C. J. Hoodgood, Damien Hardman, Sunny Garcia, Joel Parkinson, Gabriel Medina e Sofia Mulanovich. E nesta praia conseguíronse algúns fitos históricos, como cando en 2010 Pantín converteuse, xunto con Azores, na única praia de Europa na que se celebraron simultaneamente unha proba masculina e feminina WQS 6 estrelas.
Entre as competicións máis salientables destaca a celebración dunha proba do Mundial de Longboard
Entre as competicións máis salientables destaca a celebración dunha proba do Mundial de Longboard, que comezou este xoves e que chegará ata este sábado. Trátase dunha modalidade "á antiga", con táboas máis grandes que teñen como resultado un surf algo máis lento, pero que permite aos competidores subir a ondas de menor tamaño e percorrer distancias meirandes.
De igual xeito, cómpre destacar as probas QS3000 e QS6000 e, por vez primeira, a QS10.000, con categoría feminina (do 1 ao 3) e masculina (do 4 ao 7), e absoluta paridade por sexo nos premios que se entregan. A Classic Surf Prol Galicia é unha das 6 probas Qualification Series que se desputan na WSL, sendo unha das dúas, xunto co US Open (Estados Unidos), na que compiten as categorías masculina e feminina.
Cómpre destacar as probas QS3000 e QS6000 e, por vez primeira, a QS10.000,
Algúns dos nomes máis descados do surf mundial pasarán estes días por Pantín, como Isabelle Nichols, Sage Erickson, Taylor Jensen, Harrison Roach, Adriano de Souza, Joan Duru, Yago Dora, Steven Sawyer, Justin Quintal, Edouard Delpero, Piccolo Clemente, Rachel Tilly, Chloe Calmon ou Honolua Blomfield, xunto co vasco Aritz Aranburu.
Un dos aspectos nos que a comunidade surfeira sempre fai fincapé é no coidado do medio ambiente, especialmente do mar e das praias. Nesta ocasión do Pantín Classic haberá proxeccións, charlas e obradoiros sobre o lixo que existe nos mares e océanos, oceanografía e reciclaxe, unhas actividades dirixidas especialmente para os e as máis pequenas.
Haberá proxeccións, charlas e obradoiros sobre o lixo que existe nos mares e océanos e actividades de limpeza da propia praia
Ademais, haberá actividades de limpeza da propia praia (que forma parte da Rede Natura 2000) con voluntarios e voluntarias. Un dos obxectivos é, igualmente, que a celebración deste evento non deixe na contorna residuos plásticos, polo que a organización porá a disposición de todos e todas as asistentes vasos feitos con fécula de pataca.
Haberá tamén moita música en Pantín, sobre todo este venres e sábado a partir das 20 horas, o mesmo que a semana que vén de xoves a sábado. Entre os djs destaca a presenza de Innmir, Shimmy Disco (DIMITY), Schulz, Wiseman Project, Amable, Mario Azurza e Los Chillers Djs.