"Queda rexeitada a proposta... Lamentándoo moitísimo, o COB non será de ACB porque tres partidos así o din". Con esta frase, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, anunciaba o rexeitamento por parte do pleno municipal da modificación de crédito para conceder unha subvención de 1,5 millóns ao club de baloncesto para poder incribirse na Liga ACB. Os votos de todos os grupos da oposición (17 concelleiros) impediron que o PP -con dez- sacase adiante a súa iniciativa, o que deixa o equipo pendente doutras alternativas para poder participar na elite do básquet estatal tras ter conseguido o ascenso hai xa un ano.
Toda a oposición votou en contra da proposta do goberno local de subvencionar o COB con 1,5 millóns
O aval de 1,5 millóns euros concedido pola Deputación trasladaba a responsabilidade ao Concello, que tamén se comprometera a apoiar coa súa parte as esixencias da ACB para o COB. Un informe de Intervención desaconsellaba avalar o club tras os cambios de condicións impostos por Abanca, o que fixo optar o goberno local pola proposta da subvención nominativa, malia que a administración local -ao igual que a provincial- teñen cadanseu 21% do capital social do club. PSdeG e Ourense en Común xa deixaran clara o seu rexeitamento á axuda pública, mentres que Democracia Ourensana (DO) deixou para última hora unha decisión que acabou por ser a negativa.
Gonzalo Jácome, portavoz de DO, recoñeceu a importancia social do COB e de competir na ACB pero lembrou que a anterior etapa do equipo na elite non impediu a perda de poboación e riqueza na cidade. Ademais, insistiu en que o seu partido sempre estivo en contra de achegar cartos públicos a espectáculos e cargou con dureza contra Feijóo e contra o alcalde por "brando". "Mova o cu para arranxar isto", díxolle, lembrando que Abanca "quedou coas caixas galegas por catro pesos" e lamentando que o rexedor "non sexa quen de presionar a entidade bancaria con todas as operacións que o Concello realiza con ela".
Jácome lamentou que o Concello non presionase a Abanca, "que quedou coas caixas galegas por catro pesos"
"Hoxe non perde o PP, perde a cidade", asegurou, pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Mario Guede, que insistiu en que o goberno local "buscou solucións" ao contrario da oposición. O edil, que lembrou que a administración é copropietaria do club, aludiu á unión da cidade arredor do COB, ás bancadas cheas do play-off de ascenso ou a un estudo da Unviersidade de Vigo sobre o retorno económico que o Obradoiro deixa en Compostela.
"Quero que o COB estea en ACB, pero tamén que non haxa xente no comedor de Cáritas, ao que se lle debe cartos", di Ourense en Común
Pero non houbo cambio de postura. Martiño Xosé Vázquez, voceiro de Ourense en Común, deixou claro que el "tamén" quere que o COB estea na ACB. "Pero tamén que non haxa xente no comedor de Cáritas, ao que se lle deben cartos, ou que ninguén teña problemas para chegar a fin de mes; ao fixar un teito de gasto, o que vai a un lado tense que quitar do outro", advertiu tras facer alusión á "renda social que se vai lanzar na Coruña e que tamén se podería facer con eses cartos". Ademais, lembrou que un 39% das accións do club están en mans de importantes empresas da cidade e cuesitonou o informe socioeconómico achegado pola directiva. Por todo, pediu ao Concello que venda as súas participacións na sociedade anónima deportiva "para que non se volva dar esta situación".
Desde o PSdeG, Vázquez Barquero insistiu na súa posición de votar en contra da subvención, agás que se fixese en proporción á porcentaxe de accións que o Concello ten no club, de case o 21%, o que suporía unha modificación de crédito por uns 608.000 euros e non 1,5 millóns. O portavoz socialista asegurou que ten máis "retorno ecónomico para a cidade o atender as necesidades dos barrios e dos colectivos sociais que piden axuda ao Concello e non a reciben porque a administración argumenta que non hai cartos". Ademais, criticou que o goberno local estivese "xogando co club e coa cidade" durante estes últimos meses. Todo, nun debate plenario ao que asistiron o presidente e o adestardor do COB, que agarda agora que o plan B funcione.