O Racing loitará co Laudio por volver á Segunda B

O Racing celebra o campionato de Terceira © FB do Racing de Ferrol

O Racing de Ferrol enfrontarase ao Laudio na súa loita por ascender á Segunda División B. O equipo galego, mellor conxunto da tempada na liga regular en todos os grupos con 97 puntos, terá a súa primeira oportunidade para recuperar a categoría ante o mesmo equipo que o Ourense derrotou o ano pasado para acadar o seu ascenso e que recoñeceu xa a súa mala sorte ao enfrontarse ao coco que ninguén quería.

O Racing xogará en Euskadi a vindeira fin de semana e na Malata o 1 ou 2 de xuño

Pero non será doado. O Laudio foi o primeiro clasificado do grupo vasco de Terceira, un dos máis duros, con 81 puntos e o Racing terá que visitar o seu estadio, o Allakurri de Llodio, a vindeira fin de semana para logo intentar sentenciar a eliminatoria na Malata, na que se agarda un cheo o 1 ou 2 de xuño. O vencedor ascenderá directamente, pero a derrota concedería aínda unha segunda oportunidade.

Iso non é o que quere un Racing de Ferrol que bateu todas as marcas nunha tempada na que se proclamou campión de Terceira con varias xornadas de antelación, só deixou de gañar seis partidos e quedou a dous tantos de sumar cen goles.

Terán que loitar máis o resto de equipos galegos que loitarán polo ascenso á categoría de bronce do fútbol español. O Celta B enfrontarase nesta primeira rolda ao CD Cortes de Navarra, cuarto clasificado do seu grupo, nunha eliminatoria na que os vigueses son claros favoritos, xa que ademais disputan o partido de volta na casa. O Compostela, pola súa banda, pelexará por recuperar antigas glorias contra o CD Ebro, terceiro na Terceira aragonesa, pero no seu caso disputará o partido de ida en San Lázaro.

O filial deportivista enfrontarase a un dos rivais máis complicados, o Cornellà

O peor parado deste sorteo semella ser o filial do Deportivo, que terá que enfrontarse ao duro Cornellà, segundo clasificado do grupo catalán de Terceira e empatado a puntos co campión Olot. Os rapaces do Fabril disputarán o primeiro encontro en Abegondo e desprazaranse a Cataluña para intentar sentenciar.

O Racing celebra o campionato de Terceira © FB do Racing de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.