O rugby galego turra forte

Partido do Iveco Vigo Rugby © Jorge González Marqués

“Si, é o mellor momento na historia do rugby galego”. Ignacio Cociña, presidente da Federación Galega, non ten dúbidas. Coincide no diagnóstico cos presidentes dos dous clubs máis importantes do país, o Universidade de Vigo Iveco Rugby e o CRAT da Coruña. “Estamos vivindo a nosa mellor etapa”, engade Alfredo López, presidente do equipo herculino, que xustifica con datos o seu argumento.

Galicia contou este ano, por primeira vez na historia, cun equipo na División de Honra. O Vigo acaba de conseguir a permanencia ao tempo que o CRAT regresaba á categoría B, a segunda do rugby español, logo de dez anos e mentres o seu equipo feminino acadaba o subcampionato estatal. “Non tiñamos referencia galega na elite e conseguimos facernos un oco entre os afeccionados ao deporte vigueses e de toda Galicia”, explica Ramón Babé, presidente dun equipo olívico que, como moitas das historias que arrodean ao rugby, ten moito de épico.

Galicia ten equipo na elite, outro na segunda do rugby estatal e un conxunto feminino subcampión de España

A piques de desaparecer en 2010, remontou até alcanzar a máxima categoría apoiado nun tándem técnico chegado de Nova Celandia, país de rugby por excelencia: un español emigrado que trouxo da man a Norm Maxwell, ex internacional dos All Blacks. Xunto a eles, Carlos Blanco, fillo dun galego e dunha maorí e ex triunfador no rugby de Australia. “Perdemos moitos partidos que deberiamos ter gañado, pero cumprimos o obxectivo da permanencia e gañamos o respecto dos rivais, que sempre nos dicían que mereciamos máis”, resume o presidente do Vigo. Na Coruña, o CRAT recuperou a categoría na que xa estivera hai anos e en categoría feminina é subcampión de España nun conxunto “con varias internacionais, catro campioas de Europa e xogadoras con experiencia en mundiais”. “Ás veces cóntoo e non mo cren”, recoñece López, que lembra que no seu club, os xogadores seguen sendo amateurs. “Non cobra ninguén”.

Vigo e A Coruña, A Coruña e Vigo. Ambos os dous conxuntos presumen de éxitos deportivos, pero tamén do auxe dun deporte minoritario, pero cun aroma especial. “A nosa vinculación con Galicia e o rugby galego foi total; sempre había compañeiros doutros equipos animándonos nos partidos ao igual que nós tamén os apoiamos a eles”, aclara Ramón Babé, que coincide co presidente da Federación. “Houbo un tempo no que cada un miraba o seu embigo, pero houbo un cambio grande; sabemos que se remamos todos na mesma dirección, as cousas irán mellor. A unión que temos en Galicia é fundamental”, asegura Ignacio Cociña, que cre que ten moito que ver que “directivos e membros da federación fosen compañeiros en equipos ou mesmo na selección galega”. O Universidade de Vigo conta con moitos xogadores formados noutras canteiras de Galicia e mesmo o fillo do fundador do CRAT xogou co equipo vigués varios anos. Pensar en rivalidades estilo Dépor-Celta resulta inxenuo.

Xogadores e directivos do CRAT viaxan a Vigo a animar os seus compañeiros; os vigueses animan os da Coruña tamén

“Non podía ser doutra maneira. Como non íamos apoiar ao Vigo? Hai unha rivalidade lóxica, pero imos sempre da man e axudámonos en todo o que podemos”, aclara o presidente do CRAT, que lembra os ánimos “de varios xogadores e técnicos” do Iveco no partido no que certificaron o ascenso ou o apoio de varios xogadores do equipo coruñés aos seus amigos do sur. “Para min, o ascenso do Vigo foi unha liberación; por fin Galicia tiña un equipo na elite; únennos moitas máis cousas das que nos separan”, resume.

Tamén os unen, por desgraza, as dificultades económicas. O éxito deportivo no rugby galego contrasta cos problemas para afrontar a vindeira tempada. A crise afecta a todo, tamén a un deporte minoritario en España, pero que presume de que o seu Mundial sexa o terceiro evento deportivo máis seguido no planeta. “Non temos garantido que poidamos competir na División de Honra B; precisariamos uns 50.000 euros para facelo en igualdade de condicións”, resume con dureza Alfredo López, que non agocha os problemas. “Sería unha pena, pero esta é a realidade”, insiste o dirixente do CRAT, que lembra que polo de agora “ninguén cobrou” no seu club e que só en desprazamentos a entidade tería que gastar preto de 30.000 euros. O prazo é até agosto, pero é optimista. Se non conseguen apoio, tamén o di claro: “Daquela igual a cidade non merece estar nesta categoría”.

Nin o Vigo nin o CRAT da Coruña teñen asegurado competir nas súas categorías polos problemas económicos

En Vigo, o problema é idéntico e a cantidade necesaria roldaría o dobre da que precisa o club coruñés. O apoio incondicional dalgunhas administracións e empresas non é aínda suficiente, aínda que o dirixente do club prefire non falar demasiado do tema “para que non dea a impresión de que estamos queixándonos e chorando sempre”. “Estamos traballando e son optimista; sempre acabamos superando os atrancos”, insiste. O presidente da Federación recoñece as dificultades, pero confía “no bo facer das dúas xuntas directivas”. “Sería unha pena enorme que por falta de apoio non competiran onde merecen; vivir de subvencións acaba rematando mal e entendo que non é momento de pedir, senón de intentar captar todos os recursos posibles, pero deberíase valorar o esforzo que fai a xente do rugby en Galicia”, advirte. Refírese a aqueles xogadores que pagan a súa ficha sen case opcións a xogar, aos que poñen cartos do seu peto para o material ou para o terceiro tempo, ao esforzo altruísta de directivos... Pero tamén aos valores dun deporte que é admirado pola súa honestidade desde hai anos. “Non nos queremos comparar co fútbol, pero si podemos facelo con outros deportes que si conseguen apoio e quizais non teñen nin tanto seguimento nin tantos éxitos”, resumen os tres. Nin tanto exemplo que dar.

O rugby tamén 'vende' valores: "honestidade, respecto ao rival, sacrificio e compañeirismo"

“Cando empezas no rugby, incúlcanche unha serie de valores fundamentais: a honestidade, o sacrificio, o compañeirismo, o respecto ao rival e ao árbitro... Seguimos mantendo ese amateurismo que se perdeu noutros deportes onde hai que gañar sexa como sexa”, insiste o presidente do CRAT, que lembra como nos partidos incluso se manda calar ao público se algún afeccionado insulta o despreza un xogador. “A diferenza co fútbol é abismal”. Ramón Babé, do Vigo, pon outro exemplo. “Na última final da Copa enfrontáronse un equipo de forte tradición castelá contra o Ordizia, unha vila vasca de maioría nacionalista. As dúas afeccións compartían cervexas e cánticos nas bancadas, algo impensable noutros deportes”, conta. “O noso é un deporte máis duro, pero moito máis honesto”.

Partido do Iveco Vigo Rugby Dominio Público Jorge González Marqués

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.