"O segredo do Lugo é elixir ben e ter sempre os pagos ao día"

José Bouso, presidente do CD Lugo © CD Lugo

José Bouso, presidente do Lugo, encabeza o consello de administración dun club que vive o mellor momento da súa historia. Nos postos de privilexio da Segunda División desde que comezara a tempada, a entidade albivermella recibe eloxios a partes iguais polo xogo do equipo, así como pola xestión deportiva, baseada en manter sempre os pagos ao día. Desde a modestia dun conxunto que vive a súa segunda etapa na categoría de prata -tan só estivera unha tempada anteriormente no segundo chanzo do fútbol profesional-, Bouso non renuncia a soñar coa elite, pero aclara que o único obxectivo debe ser "consolidarse en Segunda" mentres agarda xa con ilusión o derbi galego que se vivirá en Riazor a principios de decembro.

Que sente cando escoita os numerosos eloxios que está a recibir o Lugo polo seu xogo, así como pola súa xestión?

Éncheme de orgullo e sentímonos satisfeitos do que estamos a facer, pero o fútbol dá moitas voltas e todo pode cambiar en calquera momento. Hai que ter os pés no chan.

"O segredo do Lugo é acertar nas fichaxes e manter os pagos ao día; a partir de aí, hai moitos detalles que inflúen"

Cal diría que é o segredo deste Lugo?

O segredo é intentar por todos os medios acertar coa xente que se ficha e se elixe para o proxecto e traballar ben e arreo o día a día. Tamén é moi importante ter os pagos sempre ao día, algo primordial. A partir de aí, hai moitos pequenos detalles que inflúen para que as cousas saian ben.

Mantivo sempre que estar ao día cos pagos era unha das claves do proxecto...

É unha das claves e algo que sempre puxemos como condición fundamental para levar a cabo o proxecto deste Lugo. O dos pagos é algo innegociable, un aspecto primordial para nós.

E malia todo, o Lugo sufriu para poder converterse en Sociedade Anónima Deportiva. Considera inxusta esta normativa?

Efectivamente foi un tema moi difícil de xestionar. Ao final conseguiuse pero o reto que afrontamos foi moi importante. Si é verdade que nos parece que non é xusto como está a normativa, pero a lei está montada así e non a van cambiar para cada club. Non ten lóxica ningunha que se lle pida iso a un club que está saneado e sen débedas, pero é o que hai e non se pode facer máis.

"Non nos parece xusta a normativa para se converter en SAD"

Está contento coa resposta da afección?

A afección está respondendo e tamén está expectante. Cre e non cre a boa traxectoria que levamos, pero o club estase consolidando e se esta boa xeira dura acabará crecendo a masa social cada día máis. Non sabemos o que durará esta boa etapa e oxalá dure moito porque iso axudará tamén a asentar a afección. Estamos moi contentos co seu apoio malia estar un pouco por debaixo do apoio doutros en canto ao número e porcentaxe de afeccionados por poboación, pero hai que ter en conta que estamos en plena crise económica. Oxalá puidesemos ter abonos máis baratos, pero non podemos facer moito máis. O importante é manternos porque hai que ter en conta que este club precisa raigame porque só estivera unha vez antes en Segunda División. Os seareiros animan moito e iso é moi importante.

Foi a súa aposta por Quique Setién o seu principal acerto?

O de Setién foi un grande acerto porque estamos obtendo resultados cun xogo que gusta, e xeralmente nos equipos modestos é moi difícil que un adestrador aposte por este tipo de fútbol. Aquí apóstase e ademais conséguense resultados. Para os socios e afeccionados isto é algo impresionante.

"É difícil que un equipo modesto aposte por este tipo de fútbol, pero aquí faise e conséguense resultados"

Vendo o igualada que está a Segunda División, é o ascenso ou xogar o play-off un obxectivo? Soña con logralo algún día?

Todos temos dereito a soñar, pero a nosa realidade e o importante é manter a categoría esta tempada e todas as que poidamos. A Segunda A é unha praza marabillosa para o Lugo. Se soa a frauta e nos toca a lotería da Primeira nalgunha ocasión, pois xenial, pero é imposible que iso sexa un obxectivo. Non sabemos a onde se pode chegar porque o fútbol dá moitas voltas, pero no único que pensamos é en salvar a categoría canto antes.

O adestrador, varios xogadores... Todos semellan estar no punto de mira doutros clubs cada verán, como afrontan esta situación?

Iso pasa sempre. Que haxa ofertas importantes polos xogadores que o fan ben é algo habitual e co que temos que convivir. O que temos que intentar é substituír o que marcha por un que cumpra coma el ou que sexa incluso mellor. Ese é o noso traballo e o que debemos intentar facer. Non hai máis.

Máis alá dos obxectivos deportivos, que propósitos ten a súa directiva en canto ao funcionamento como club?

Consolidar o club, asentalo na Segunda e que creza a afección. Eses son os grandes obxectivos, ao igual que mellorar día a día no fútbol base e no fomento da canteira, algo que creo que estamos logrando. Desde que chegamos ao club, as categorías inferiores sempre foron un obxectivo primordial porque neste fútbol, e para un club modesto como o noso, a canteira é o futuro. É inviable pensar en fichar e cubrir sempre con xente de fóra o equipo, máis aínda nestes tempos.

"As relacións co Deportivo son boas e entre as afeccións, tamén; o derbi debe ser unha festa do fútbol galego"

En poucas semanas xogarase un derbi galego histórico contra o Deportivo.

O importante é que sexa unha festa do fútbol galego, que non pase nada estraño e que todo o mundo se comporte e o pase ben. O resultado non depende de nós, así que, será o que sexa. As relacións entre as dúas entidades son boas e así cremos que son tamén entre as dúas afeccións, así que problemas non debería haber ningún, senón todo o contrario.

O Deportivo vénlle de ofrecer un pacto para intercambiar entradas ao prezo de 18 euros...

O Deportivo pode poñer as entradas ao prezo que desexe, pero nós non podemos aceptar esa condición porque temos moi pouquiño aforo e se facemos iso, sería unha ruína para nós. Ademais, tamén sería unha falta de respecto para os nosos socios. Non pode ser máis barato o prezo dunha entrada que o que lle correspondería a cada socio segundo o importe do seu carné.

José Bouso, presidente do CD Lugo © CD Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.