Juan Carlos Pérez Olmedo é medico e regatista. Ten unha embarcación á que bautizou como No a Celulosas e coa que o pasado ano participou en varias competicións no sur de Galicia, gañando mesmo un par delas. O mes pasado inscribiuse para participar na Regata Interclubes Ría de Pontevedra - Premio Deputación de Pontevedra, á que se presentaba como un dos grandes favoritos. A proba, organizada conxuntamente polos seis clubes da ría de Pontevedra, é financiada pola Deputación Provincial. Ademais de ser ese o nome oficial do barco, as súas velas locen a mesma denominación, unha marca rexistrada polo propio Pérez Olmedo, a xeito de publicidade; un dereito polo que o regatista tivo que pagarlle 600 euros anuais á Federación Galega de Vela.
Xa en xaneiro Pérez Olmedo recibiu unha comunicación do Comité organizador da proba, que xestiona a empresa Desmarque, que lle indicaba que non podería participar cunha embarcación denominada No a Celulosas, baseándose nun punto das bases, no que se indica que se poderá "rexeitar calquera inscripción dun barco cuxo nome ou publicidade vaia en contra dos intereses propios da organización e bo nome desta regata segundo o seu propio entender, non admitíndose reclamacións ao respecto".
O motivo aludido polo Comité foi que o lema No Celulosas ten na ría de Pontevedra "unha clara adscrición a unha opción política, non compartida de maneira unánime" e que a publicidade política non está permitida nas competicións
O regatista inscribiu a súa embarcación como Ozoaqua, mantendo a mensaxe nas velas e puido comezar a regata o pasado 24 de xaneiro. Nas dúas primeiras probas, en Combarro e Aguete, foi segundo e primeiro e situouse como líder da clasificación xeral. Nese momento recibiu unha nova comunicación do Comité de Disciplina da Federación Galega de Vela, que o informou da súa descualificación, nunha resolución asinada o pasado 3 de febreiro. O motivo aludido polo Comité foi que o lema No Celulosas ten na ría de Pontevedra "unha clara adscrición a unha opción política, non compartida de maneira unánime" e que a publicidade política non está permitida nas competicións. A Federación, ademais, acusa a Pérez Olmedo dun "mal comportamento como deportista", xa que en xaneiro foi advertido de que o lema estaba prohibido e que "a pesar diso enganou o comité cambiando o nome, pero mantendo a publicidade política de maneira ostensible na vela maior".
Juan Carlos Pérez Olmedo amósase indignado coa decisión e anuncia que a recorrerá. Asegura non pertencer a asociación ou partido e que defende a marcha de ENCE do interior da ría de Pontevedra por "convicción", nun acto que non considera político. Cando menos non máis político que apoiar a continuidade da empresa. Acusa o Comité de Disciplina da Federación Galega de Vela de ser "estómagos agradecidos", que se "puxeron ás ordes de non sei quen para que sexamos retirados da regata e se impida como sexa que a nosa embarcación poida recoller o trofeo Deputación de mans do presidente, vicepresidente, ou de quen sexa delegado para representar a Deputación".
"Puxéronse ás ordes de non sei quen para que sexamos retirados da regata e se impida como sexa que a nosa embarcación poida recoller o trofeo Deputación de mans do presidente"
O regatista lembra que paga todos os anos por poder levar esa mensaxe na súa embarcación: "o único barco dos 43 participantes que lle pagou por este motivo á Federación", di; e está convencido de que a Deputación -patrocinadora da competición- e o propio PP están detrás a decisión: "Está claro que o PP está a favor da continuidade de ENCE na Ría de Pontevedra. O PP permite que nun trofeo que leva o nome do organismo que controlan e dirixen se cometan irregularidades, falsidades e mentiras para descualificar unha embarcación que deportivamente venceu na auga". Nas últimas semanas representantes da Deputación negaron, a través dos medios de comunicación, ter nada que ver coa decisión adoptada naquel momento pola organización da proba.
ENCE é un patrocinador habitual de varios clubes e competicións deportivasen Pontevedra, dende o fútbol ao balonmán, pasando pola vela. Neses casos esa mensaxe non foi considerada política
"Din que é unha mensaxe política. No a celulosas non ten ideoloxía. É unha mensaxe de xente con sentido común para xente con sentido común", engade. Cómpre salientar que ENCE é un patrocinador habitual de varios clubes e competicións deportivas de Pontevedra e a súa provincia, dende o fútbol ao balonmán, pasando mesmo por regatas de vela. Neses casos esa mensaxe non foi considerada política. "Seguiremos defendendo a nosa liberdade, os nosos intereses e os da Ria de Pontevedra", conclúe.