"Os niveis de débeda do fútbol serían insustentables noutros negocios"

Ángel Barajas, profesor da Universidade de Vigo © DUVI

Ángel Barajas, responsable do Máster en Xestión Empresarial do Deporte que organiza a Universidade de Vigo, é un dos nove expertos que asesoran a UEFA sobre o "xogo limpo financeiro". Algúns dos temas que se debaten no seo deste grupo, que se reúne de xeito periódico en Xenebra, son os das consecuencias da crise económica na economía dos clubs, ao diminuír o financiamento das administracións ou se existe ou non “unha burbulla” no sector, polo papel dos investidores multimillonarios nos equipos. “Do que se trata é de que os clubs se xestionen ben para garantir a súa supervivencia e a das competicións nas que participan. Se un equipo ten que deixar a liga por temas económicos no só sae prexudicado el senón tamén a competición”, apunta Barajas. 

Cales son as directrices dese fair-play financeiro?

Os obxectivos do Xogo Limpo Financeiro son promover e mellorar todos os aspectos do fútbol en Europa, primando o desenvolvemento de xogadores novos en cada clube, tamén asegurar que os clubes teñen un nivel adecuado de xestión, protexer a integridade e bo funcionamento das competicións europeas de clubes, mellorar a capacidade económica e financeira dos clubes aumentando a súa transparencia e credibilidade, introducir máis disciplina e racionalidade nas finanzas dos clubes, estimular que os clubes se xestionen de acordo cos ingresos que son capaces de xerar, e en definitiva protexer a viabilidade a longo prazo dos clubes de fútbol europeos.

O mercado de xogadores é ineficiente e os clubes pagan máis do que logo van poder xerar a través deles

De onde procede a débeda dos clubes? Gastan demasiado en fichaxes?
Os gastos en xogadores, tanto os salarios coma a amortización dos traspasos, son a principal fonte de débeda. O mercado de xogadores é ineficiente e os clubes pagan máis do que logo van poder xerar a través deles.

Os niveis de débeda serían insustentables noutros negocios. O seu carácter de interese público é o que lles vén salvando

Pódese falar de "burbulla" no fútbol español? Podería "pincharse"?
O que é evidente é que hai unha sobredimensión e que se está gastando máis do que se ingresa. Os niveis de débeda serían insustentables noutros negocios. O seu carácter de interese público é o que lles vén salvando.

Que papel debe xogar a administración pública nesta situación na que a débeda dunha parte importante dos clubes de primeira supera en moito os seus orzamentos?
Alguén debería impoñer normas que evitasen os desfases. Parece que a Liga non é capaz, así que quizás teña que ser outra institución coma o Consejo Superior de Deportes.

A preponderancia económica de Madrid e Barça está a prexudicar a competición deportiva

A diferenza de ingresos entre Madrid e Barça e os demais equipos é xusta? É boa para a competición?
É xusta no sentido que eles teñen moito máis atractivo e, en consecuencia, venden máis. Con todo, a competición baséase en que compiten cos demais e a súa preponderancia económica está a prexudicar a competición deportiva. Penso que, mesmo para eles, sería bo que se compartisen algo máis os ingresos.

Como analizas a situación económica de Celta e Deportivo?
O Celta racionalizou as súas contas unha vez que entrou en Concurso de acredores e o Deportivo parece que está ao facer forzado polas súas circunstancias. Aínda o nivel de débeda do Deportivo é tan elevado que ten que facer marabillas para evitar acudir ao concurso de acredores. Esperemos que a boa marcha deportiva de ambos axude a mellorar a situación económica seguindo unha política de control en Primeira División.

Ángel Barajas, profesor da Universidade de Vigo © DUVI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.