As últimas horas do temporal teimaron en xustificar de vez -se non o estaba dabondo- a suspensión dos partidos que Deportivo e Celta tiñan que diputar esta pasada fin de semana nos seus estadios. Á hora na que o conxunto branquiazul debía estar enfrontándose ao Betis o venres, fortes refachos de vento e chuvias sacudiron Riazor nunha das peores noites dos últimos días, coa cuberta furada sufrindo de novo e as rúas adxacentes acordoadas. En Balaídos, a cuberta de Río -da que xa se levantaran 20 metros cadrados- sufriu novos desprendementos e danos na madrugada do sábado ao domingo malia que a intensidade da borrasca foi menor e horas despois de que o encontro dos celestes contra o Real Madrid fose aprazado. As difíciles condicións climatolóxicas en Galicia dos últimos días -con dous falecementos, centos de incidencias e milleiros de persoas sen luz- bateron forte nos dous recintos municipais dos dous grandes do fútbol galego e intensificaron o rebumbio mediático arredor dunhas instalacións que sofren como poucas os temporais pero que levan anos reclamando melloras.
Riazor e Balaídos sofren como poucos os temporais pero levan anos reclamando melloras e sufrindo eivas
Os problemas veñen de lonxe. Os dous estadios foron reconstruídos case ao completo para o Mundial de 1982, hai case 35 anos, asumindo co paso dos anos novas reformas. Balaídos agarda a remodelación de novas bancadas tras estrear nesta tempada a de Tribuna, nunha obra por áreas que é financiada maioritariamente polo Concello e a Deputación de Pontevedra. Riazor loce nova cara tras importantes reformas estéticas, pero mantén a estrutura de dous fondos de hai 20 anos e as dúas outras zonas desde hai máis de 30.
Deportivo e Celta gozan dos estadios e asumen a súa conservación e mantemento agás en reformas estruturais como as cubertas
Nos dous casos, os convenios de cesión que clubs e administracións locais asinaron establecen que Deportivo e Celta asumirán os custos derivados da conservación e mantemento dos estadios, pero con algunhas excepcións. No caso de Balaídos, as obras maiores e estruturais recaerán no Concello de Vigo, mentres que no de Riazor, o club asume todo agás -precisamente- unha área que depende do Concello da Coruña: "as estruturas metálicas e as cubertas das diferentes bancadas" polas "características especiais" delas. Tan de lonxe viñan os problemas na zona do estadio coruñés afectado de novo por este último temporal que esta cláusula foi incluída na revisión do convenio de 2000 -asinada por Augusto César Lendoiro e Francisco Vázquez- e que non estaba no de 1982.
O ex-presidente do Deportivo, en declaracións á Radio Galega esta fin de semana, lembrou que el mesmo pedira ao rexedor non facerse cargo da reparación das cubertas "porque estaban moi mal". Hai case 17 anos daquilo. Pero nada se fixo. "Tiña mala relación co Concello e non se fixo nada", recoñecía Lendoiro tamén, que asegurou que a responsabilidade era do Concello pero que viña "herdada" de hai anos.
O Deportivo negouse a asumir as obras das cubertas polo seu mal estado xa na revisión do convenio de 2000
Desde hai xa varias tempadas, as pingueiras son habituais en varias bancadas de Riazor, algo que acontece tamén en Balaídos. Lendoiro lembrouno en 2010 noutra xuntanza co Concello, daquela gobernado en coalición por PSdeG e BNG pero optouse por alongar os prazos e ir tirando. Co cambio de goberno tras a vitoria do PP, as relacións da directiva deportivista coa administración local non mudaron demasiado. Pero o novo rexedor, Carlos Negreira, encargou un proxecto de reforma das cubertas a finais de 2013, cuxa adxudicación a Dragados asínase -por 2,5 millóns- dous meses antes das eleccións tras as que a Marea Atlántica accede ao goberno.
O prazo de execución era de dous anos, polo que Riazor aínda estaría en obras hoxe. Pero nada se fixo. A construtora negouse a realizar a obra nos termos acordados logo de analizar a situación das bancadas, peor da agardada. E empezaron as diverxencias co Concello, que temeu acabar nunha batalla xudicial con Dragados coas obras xa comezadas. A empresa pediu rescindir o contrato, que se cancelou en outubro. Prometeuse licitar en conxunto o proxecto e a obra, pero os temporais e o vento seguían afectando as cubertas sen solución ningunha nin axilidade burocrática. O goberno da Marea anunciou que a obra sairía a concurso en outono e que a obra, xa que logo, non podería comezar até 2018 e custaría moito máis do previsto. Máis meses perdidos e mentres, parches para arranxar os continuos problemas.
Coa suspensión do partido, o PP local insistiu en culpar exclusivamente o executivo da Marea Atlántica e mesmo pediu a dimisión do alcalde Xulio Ferreiro. En Vigo, non foi distinto. O concelleiro popular Miguel Fidalgo lembrou que Abel Caballero "leva dez anos como alcalde, polo que é o único responsable do estado actual da bancada de Río". "Debería asumir as cousas que suceden e non buscar os culpables fóra", insistiu mentres desde Madrid, diferentes medios e o propio club presionaban para xogar un partido que desaconsellaban enxeñeiros, técnicos e bombeiros.
O PP da Coruña e de Vigo aseguran que os "únicos responsables" do estado das cubertas de Riazor e Balaídos son Ferreiro e Caballero
O Concello e o propio alcalde encargáronse en varias ocasións de culpar o PP de evitar ter desde hai tempo unha solución definitiva aos problemas na bancada de Río de Balaídos. Segundo Caballero, foi unha asociación "achegada" aos populares a que interpuxo un recurso que paralizou as obras previstas para acabar cos "desprendementos, pingueiras, filtracións e humidades" que sofre a cuberta, tal e como destaca o informe técnico que xustificou a suspensión do Celta-Real Madrid.
O ex-alcalde de Vigo, Carlos Príncipe, é o presidente da Asociación en Defensa de Vigo, que presentou un recurso de reposición para paralizar cautelarmente a obra da bancada. O Concello adxudicou a Copasa o pasado mes de decembro as obras por 5,5 millons e o recurso pretendía evitar que os fondos públicos repercutisen ao favor de "investidores estranxeiros". Era cando a venda do Celta a un grupo chinés -agora rexeitada- estaba máis preto.
Caballero e Concello acusan a unha asociación "afín" ao PP, presidida por Carlos Príncipe, de paralizar a obra na bancada de Río a través dun recurso
Segundo di o Concello, as obras para esta bancada terían comezado "a finais do mes de decembro de 2016" pero non comezaron "debido á interposición dun recurso esepcial en materia de contratación que está a demorar o comezo da obra e a repetición definitiva desta situación", aclaraba o informe técnico do pasado sábado. Precisamente, o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contratuais vén de inadmitir o devandito recurso, segundo adiantou a axencia Europa Press. Faino por "non acreditar un interese directamente relacionado co obxecto de recurso", polo que non está lexitimada para recorrer o procedemento.
É, a reforma desta bancada, a seguinte prevista tras a de Tribuna para acabar cunha reforma integral de Balaídos que ascenderá a máis de 30 millóns de euros, na súa inmensa maioría sufragados por institucións públicas. Intentarase así acabar cos múltiples problemas que os socios celtistas levan denunciando anos, entre eles varios desprendementos. O martes, polo momento, empezarase a amañar a cuberta, unha vez pasados os ventos fortes. En Riazor, os danos comézanse a avaliar este luns.