Sagan contra todos

Peter Sagan © Tour de France

Elos e Canelas, o blog de ciclismo de Praza, está inmerso este mes no relato do Tour de Francia, que arrancou con sucesivas chegadas en grupo nas que, con permiso de Cavendish, destacou Peter Sagan

Se non sodes moi fans do cine de terror, pode que teñades a idea de que as películas de Freddy Krueger non son máis que un divertimento para adolescentes, sen outro argumento que o magnetismo do actor principal e un humor negro de dubidoso gusto.

Sen embargo, eu penso que a primeira película da saga formulaba un argumento moi interesante: Pesadelo en Elm Street trataba sobre un asasino que utilizaba os medos das súas vítimas para torturalos. Que pode haber máis terrorífico que alguén que coñece os teus temores e pode utilizalos na túa contra? Peter Sagan ten esa mesma capacidade. É tan forte, tan hábil coa bicicleta, tan intelixente tacticamente e tan insultamente novo que proxecta unha imaxe de absoluta superioridade.

É tan forte, tan hábil coa bicicleta, tan intelixente tacticamente e tan insultamente novo que proxecta unha imaxe de absoluta superioridade

Cando o pelotón chegou á bandeira do último quilómetro e o eslovaco se achegou ás primeiras posicións, o resto de favoritos comezaron a pensar nos seus defectos: Cancellara pensou que a súa punta de velocidade non sería dabondo, Valverde tivo medo de non ser suficientemente hábil para manterse nos primeiros postos, Boasson Hagen sentiu a presión de non chegar ao que todos esperabamos del hai tres anos. Sagan arrincou a 200 metros da liña de meta nunha dura costa de Boulogne-sur-Mer, e cando o fixo todos se sentiron tan inferiores que nin sequera lle desputaron a etapa.

Non ten moito sentido que siga a tratar de explicalo con verbas, tedes que velo. E tamén o video da primeira etapa, na que aproveitou con moito sangue frío o traballo de Cancellara para batilo no sprint. Cando pasen os anos poderedes contarlles aos vosos netos que vistes correr a Peter Sagan.

Peter Sagan © Tour de France

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.