Teresa Portela nunca falla. Cada catro anos, e desde hai doce, esta moza de Cangas acada a clasificación para os Xogos Olímpicos. Semella unha fixa e até parece doado logralo, pero non o é. “É moi complicado porque hai moita competencia, moito nivel... Hai que traballar moi duro para conseguir un posto”, explica esta rapaza de Aldán, a mellor padexeira española da historia. A que acumula máis títulos.
Con 30 anos, estará en Londres para intentar conseguir unha medalla olímpica, “o máximo soño de calquera deportista”, tamén o dela, e un dos poucos títulos que lle queda para completar un palmarés cheo xa de éxitos. Foi dúas veces campioa mundial e tres europea na modalidade K1-200, a mesma na que competirá na capita británica e que se estrea nuns Xogos Olímpicos. “É a modalidade na que sempre competín, a que máis me gusta e na que máis gozo; que agora se inclúa no programa olímpico encántame porque, senón, tería que competir noutra cando a que realmente se me dá ben é esta”, explica. Malia todo, sabe da dificultade de lograr un lugar no podio aínda que non renuncia a nada. “Conformaríame con estar na final, entre as oito mellores, pero se consigo estar aí dareino todo para conseguir un metal”, conta.
Teresa Portela competirá na modalidade K1-200, que se estrea nuns Xogos e na que ela é especialista
Porque o seu soño segue presente e non parece renderse, aínda que leve toda a vida dedicándose a un deporte esixente como pucos. “É certo que hai momentos duros, de moito traballo e sufrimento, pero se o esforzo ten recompensa paga a pena”, explica Portela, á que non se lle pasa pola cabeza abandonar o piragüismo. “Algún día terei que facelo, pero de momento non o teño en mente”, aclara.
Agora, chega a Londres, xa curtida e cunha mochila cargada de experiencia e de recordos das súas anteriores participacións en Xogos Olímpicos. Como nos de Sídney, aos que acudiu con tan só 18 anos “e con eses nervos e esas ganas por saber como era aquilo”. E é marabilloso. “A ilusión sempre é a mesma porque participar nun evento así é o máximo”.
Teresa Portela, como tantos outros, xogarase todo o adestramento de meses e meses en tan só uns minutos, nuns momentos de tensión que supera coa experiencia, os exixentes adestramentos e a concentración. Esa que lle anima “a que a cabeza non vaia máis rápido que os brazos”.
"En Aldán, o piragüismo é tan popular como o fútbol", di Portela da parroquia onde se asenta o seu club, de onde tamén saíu David Cal
Ela é a que rema pero, como di, son moitos os que lle dan forza para acadar os seus obxectivos. De conseguir unha medalla, ben sabe a quen dedicarlle o éxito, aínda que a lista é grande. “Grazas a Deus, acordaríame de moita xente: do meu marido, da miña familia, do meu adestrador, da miña fisioterapeuta, do centro de tecnificación, do meu club... De moitos”, resume.
Ese equipo, o club de mar Ría de Aldán, nunha parroquia de Cangas que pode presumir como poucas de éxitos de todo tipo, como os de David Cal, camiño de se converter no deportista español máis laureado da historia do olimpismo español, ou os de Carlos Pérez Rial. “En Aldán, o piragüismo é tan popular como o fútbol; estes dous deportes son como os deportes nacionais e son os que practican a maioría dos rapaces”, di Portela. Ela e os seus compañeiros teñen toda a culpa.