Tolemia nun Deportivo que cae malia marcarlle catro goles ao Barça

Álex Bergantiños salta por un balón © Santiago López

Marcarlle catro goles ao que posiblemente sexa o mellor equipo do mundo e acabar perdendo. Esa é a realidade dun Deportivo que caeu 4-5 nun partido tolo no que amosou as súas virtudes, pero tamén unhas eivas defensivas que de non corrixirse acabarán por darlle moitas dores de cabeza. Nun mesmo encontro, a afección deportivista experimentou case todas as sensacións posibles. Pasou do ridículo inicial e o temor a unha humillación histórica ao orgullo polo carácter e a determinación que acabaron por pechar os cataláns na área.

Porque no primeiro cuarto de hora, o Barcelona gañaba 0-3. E o que é peor, vencía sen case esforzarse, tocando coa facilidade habitual, pero superando a defensa branquiazul como se os seus rivais fosenuns alevíns impresionados por ter diante os seus ídolos. Abondou coa clase dun maxistral Cesc e do irrepetible Messi para colocar os culés nunha vantaxe que semellaba insalvable.

Moitos rezaron ao cuarto de hora para que rematase un encontro que acabou sendo histórico

Moitos rezaron para que rematase xa  un encontro que ía camiño de ser histórico por parte do Barça, pero que acabou entrando na historia grazas á determinación tamén dun Deportivo que remou até morrer na beira dun empate que non acadou. Nove goles, constantes alternativas, erros polos dous bandos e un aplauso final xeneralizado.

O discutido penalti a Riki e o gol dun Álex Bergantiños que resumiu todos os valores dun canteirán exemplar chegaron para espabilar un equipo que se colocou 2-3 e que contemplou como Messi colocaba o cuarto dos cataláns pouco antes do descanso. Cando todo parecía rematado por fin, Pizzi transformou con mestría unha falta á que o crack arxentino contestou cunha espectacular xogada e outro tanto para a súa colección. Agora si, non había máis.

O Deportivo puido empatar na última xogada do encontro

Pero daquela apareceu Jordi Alba, que sorprendeu a Víctor Valdés cun tanto en propia porta que obrigou o Barcelona a coidarse máis tras a expulsión de Mascherano. Con forza e garra, o Deportivo acabou envorcado na portería rival e o galego Álex tivo o gol na última xogada do encontro. Sería o mellor premio para un futbolista da casa que foi o exemplo no que se miraron os seus compañeiros para non renderse nunca. Pero antes a defensa xa fixera augas. E aquilo foi demasiado peso como para levantalo.

Álex Bergantiños salta por un balón © Santiago López

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.