Tres días de deporte e ritmo urbanos n'O Marisquiño de Vigo

Unha das probas d'O Marisquiño no centro de Vigo Dominio Público O Marisquiño

Durante toda esta ponte festiva as rúas de Vigo encheranse de rodas de todo tipo que pasarán máis tempo no aire que no chan. É O Marisquiño, o festival de deportes e música urbana que chega este ano á súa edición número 16 con varias novidades, como a extensión dos eventos tamén ao mar. Os organizadores estiman que o festival atrae unhas 125.000 persoas, boa parte delas de fora da cidade, que ten os seus hoteis case completos, o que supón un impacto económico que calculan en 12,5 millóns de euros

Na parte deportiva, celebraranse diversas probas de acrobacias con monopatíns (skate) e bicicletas BMX (flatland); competicións de bicicletas BMX, de montaña (FMB) e de motocross; e o xa tradicional e emblemático descenso polo casco vello con bicicletas de montaña do domingo. Ademais este ano haberá por primeira vez unha competición-exhibición de lanchas rápidas de 600 cabalos de potencia. Os escenarios dos eventos deportivos serán durante as tres xornadas a esplanada existente fronte ao Real Club Náutico (BMX), o peirao de trasatlánticos (Copa do Mundo de skate), o paseo das Avenidas (FMB e motocross) o Hotel Bahía (breakdance e G-shock flat jam) e a dársena do porto (lanchas) . O domingo, ademais, a proba de descenso en bicicleta de montaña partirá da praza do Concello. De xeito paralelo, no coñecido como tinglado do porto haberá unha feira de marcas de moda, e na esplanada fronte ao Real Club Náutico unha exhibición de graffitis.

Na parte musical, a Praza do Rei acolle o venres os concertos de Guerrera (22.30), Malandrómeda (00.00), Ikki Features Carnyx (1.15) e Hard GZ (2.30). O sábado pasarán polo escenario Selvática (22.30), Denom (00.00) e The Qemist (1.30). E o domingo será o momento de Mad Professor (22.30), Mix Master Mike (00.00) e Meneo (1.30).

Acrobacias con BMX Dominio Público O Marisquiño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.