Un Deportivo inocente cae goleado en Madrid

Once inicial do Deportivo © canaldeportivo

Nin adiantarse no marcador fixo efecto. Un inocente Deportivo cae goleado no Bernabéu, froito da súa candidez ante un Real Madrid tan efectivo como pouco esforzado. Non lle fixo falta ao actual campión de Liga correr demasiado para superar un equipo galego que marcou primeiro, grazas a un excelente gol de Riki, pero que caeu como un castelo de naipes así que os locais atacaron as zonas febles da defensa coruñesa. Un 5-1 tan contundente como doado. 

Aguantou o Deportivo os ataques de Madrid e puido incluso responder cun primeiro gol que parecía poñer todo a favor dos coruñeses. Pero Di María, que teimou en atacar pola banda dun desacerado Manuel Pablo, abondou para darlle a volta a un partido no que os coruñeses nunca souberon que facer. Nin atacaron ben, nin moito menos defenderon ben. Remontou o Madrid antes da final da primeira parte grazas a un penalti e a unha internada pola banda esquerda, esa onde todos os erros se multiplicaron. 

E logo chegaron os goles. O Madrid, sen pisar o acelerador, pasou por riba dun equipo galego demasiado brando. Chegoulles de sobra. Unha vez máis, os de Oltra entregáronse ao ataque, pero descoidaron a defensa, facilitando os tantos de Ronaldo, Di María e incluso Pepe. Non houbo historia. O Deportivo suma seis puntos e terá que seguir remando. Moito. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.