O club máis popular do país máis futboleiro do mundo está de festa. Celebra o seu centenario o Flamengo, mítico conxunto rubro-negro que presume de ter máis de 40 millóns de seareiros tan só no Brasil. “O equipo máis querido” ou “o equipo do pobo”, adoita dicirse dunha entidade cuxa relevancia supera o estritamente deportivo. O conxunto dos Zagallo, Júnior, Zizinho, Zico, Leónidas ou Bebeto conmemora a efeméride lembrando a todos os seus mitos, entre os que se atopa un galego de Pontevedra cun lugar reservado para sempre no olimpo do Fla.
Ufarte en Europa pero O Espanhol en América do Sur, José Armando sabe que non son moitos os que coñecen a súa histórica relación co Flamengo, ensombrecida polos seus posteriores éxitos no Atlético de Madrid ou polo seu labor como técnico na selección española de Luis Aragonés. Pero no Brasil, este pontevedrés segue a ser un mito. Tanto, que na súa última visita á capital carioca recibiu unha camiseta personalizada co seu nome en homenaxe á súa achega ao centenario equipo brasileiro. Os seus 105 partidos e os 16 goles marcados dan boa fe da importancia dun futbolista que aínda se emociona cando fala do Fla. “A miña casa sempre será o Flamengo; débolle todo porque foi alí onde o aprendín todo”, lembra desde Madrid.
"A miña casa sempre será o Flamengo; débolle todo porque foi alí onde o aprendín todo", lembra Armando Ufarte
Moitos anos antes, con tan só 13, el e mais a súa familia emigraron ao Brasil na busca dun futuro mellor. De Pontevedra, unha pequena cidade dos difíciles anos 50 da posguerra, ao próspero e desenvolvido Río de mediados do século XX. “Alí empecei a xogar no barrio, ao igual que facía na casa á beira do Lérez; entrei no Flamengo e fun subindo de categoría ata os 19 anos”, recorda Ufarte, que debutou en 1961 no primeiro equipo pero marchou traspasado ao outro dos conxuntos máis importantes do país, o Corinthians. “Disque eles teñen 35 millóns de seguidores”, sorrí. Non durou nin un ano en Sao Paulo, xa que os rubro-negros recuperárono pagando os mesmos cartos que recibiran polo traspaso.
E aí consagrouse un José Armando que pasou a ser, para sempre, O Espanhol. “Cando entrei no Flamengo aínda non falaba moi ben o portugués e eu desculpábame dicindo que era de España; así foi como me quedou o alcume”, di Ufarte, que non dubida en asegurar que xogar no Flamengo “foi o máximo” que puido alcanzar na súa vida. “Pertencer a ese equipo, ao club máis grande e popular do Brasil, xogar nun Maracaná cheo, quedar campión con esa camiseta... Tiven moita sorte de poder gozar de todo isto”, recorda orgulloso un extremo que compartiu equipo con Joel, Gerson ou Dida e que incluso chegou a xogar na selección carioca de Rio xunto a Brito ou Carlos Alberto, capitán do mítico Brasil de Pelé campión do Mundial do 70.
Os máis vellos seareiros do Fla non esquecen a achega do Espanhol ao título estatal de Rio na final de 1963 ante o Fluminense, no que é considerado o encontro entre clubs con máis afeccionados da historia. Fálase de preto de 200.000 persoas no Maracaná e o certo é que 177.656 afeccionados pasaron por taquilla. “É indescritible sentir o alento de toda aquela xente; nunca máis experimentei algo semellante nun campo de fútbol, era unha marabilla pero desbordábate”, resume o que foi considerado unha das estrelas do partido. Só un ano antes, o Flamengo de José Armando perdera o título noutra final que non esquecerá nunca. Ante o Botafogo dun Garrincha en plenitude. “El só gañou aquel partido”.
O Espanhol foi unha das estrelas da final estatal de 1963, o partido entre clubs con máis afluencia da historia, preto de 200.000 persoas no Maracaná
E decidiu regresar a España, xa cunha familia formada. Do Flamengo marchou ao Atlético, non sen antes ser tentado polo Real Madrid. A fichaxe truncouse porque, ao non ter xogado en categoría española ningunha, a efectos legais era considerado estranxeiro e os brancos tiñan ocupadas as prazas. Logo, cos colchoeiros, acumulou títulos de Liga e Copa na mellor época do club do Calderón, ata se retirar no Racing de Santander. No entanto, o Flamengo sempre foi a súa casa. “É o club máis popular, o club das clases baixas no país onde mellor se xoga a este deporte”, advirte. En 1973, a piques de deixar o fútbol en España, a revista brasileira Placar facíalle unha entrevista onde confesaba o seu soño de regresar ao equipo rubro-negro, aínda que só fose “para ter o gostinho novamente”.