Hai xa máis de 40 anos, un grupo de estudantes, na súa maioría da Escola de Arquitectura Técnica da Coruña, montaron un equipo de rugby para participar na Liga Universitaria masculina. O conxunto impulsado por Ignacio Lobón medrou, non sen dificultades, até situarse na elite deste deporte en España. Tanto que, na súa categoría feminina entrou xa na historia ao consolidarse entre os máis grandes ano tras ano. O seu último éxito, este pasado domingo: o segundo título de Liga tras gañar na final ao INEF L’Hospitalet (31-15).
O CRAT obtén o seu segundo título de Liga tras o de 2015 e logo dos subcampionatos de 2011, 2012, 2014 e 2017
O Club Rugby Arquitectura Técnica Universidade da Coruña (CRAT) acadou a súa segunda Liga e volveu situar o deporte feminino galego no máis alto logo do título acadado en 2015 e os subcampionatos de 2011, 2012, 2014 e 2017. Case unha década de éxitos que comezaron con outro campionato de España, o de rugby a 7 obtido hai oito anos. Precisamente, e nesa disciplina, o conxunto galego achegou dúas xogadoras á selección española que disputou os últimos Xogos Olímpicos: Paula Medìn e Vanessa Rial. Na tradicional do rugby XV, outra galega do equipo universitario, Mónica Castelo, loitará este vindeiro sábado por proclamarse campioa de Europa ante Escocia.
O CRAT feminino, xa con equipo filial, aséntase na elite, consolida a súa regularidade e vai dando paso a novas xogadoras. Desta vez, o equipo alzou o título malia rematar terceiro na liga regular e comezar o campionato con tres derrotas consecutivas. A partir de aí, dez vitorias e só dous partidos perdidos para acabar superando o Complutense Cisneros na semifinal e ao INEF L’Hospitalet no último e definitivo partido deste domingo.
Un triunfo que, con todo, trouxo durante o partido vellas pantasmas. En 2017, o CRAT perdeu a final contra o Olímpico Pozuelo por un punto (21-22) logo de ir gañando 21-5 durante boa parte do partido, resultado co que este domingo contaban tamén as galegas e que se viu reducido en pouco tempo a un 21-15. A reacción do equipo coruñés foi, desta vez, rápida para volver conseguir un ensaio que deu a tranquilidade necesaria para confirmar a superioridade amosada durante o encontro.
Outro título dun equipo que ten o equipo masculino loitando polos primeiros postos na segunda categoría estatal, ao filial feminino liderando a Liga Galega e ao segundo equipo de homes na terceira posición. E unha base con centos de nenos e nenas que garanten o futuro do club.
O CRAT segue o ronsel que na Coruña marcaron outros históricos equipos femininos tamén campións das súas ligas: o Medina, o Santa Lucía, o Sal Lence e o Karbo Deportivo
O CRAT segue agora o ronsel que na mesma cidade iniciaron equipos femininos como o Medina de baloncesto Santa Lucía de hóckey sala, o Sal Lence de fútbol sala ou o Karbo Deportivo de fútbol, todos eles gañadores tamén da máxima competición do seu deporte. Precisamente, no vindeiro fin de semana, as rapazas do Deportivo poden proclamarse campións do seu grupo de Segunda División e loitarán por ascender á división de honra que supón Liga Iberdrola.
O CRAT faino, ademais, malia as dificultades históricas pola ausencia de instalacións deportivas axeitadas e dispoñibles na Coruña, cunha importante cantidade de clubs e practicantes de variadas disciplinas. O club universitario, cunhas 300 licenzas, carece dun campo propio de rugby. Máis mérito aínda.