Un partido histórico (e unha festa) en Riazor

Lugo e Deportivo, nun enfrontamento no verán de 2012 © CDLugo

Deportivo e Lugo xogarán este sábado en Riazor un partido histórico. Será a terceira ocasión na que os dous equipos galegos se enfronten en competición ligueira logo de que na tempada 1974-75 coincidisen na Terceira División. Case 40 anos despois, branquiazuis e albivermellos vivirán un encontro case inédito entre dúas afeccións separadas por menos de cen quilómetros e unidas polo desexo compartido de vivir o que desde un e outro lado se prevé "unha festa do fútbol galego".

Deportivo e Lugo vivirán un partido histórico e case inédito que en Liga tan só se produciu hai 40 anos

Porque é difícil cualificar este partido de 'derbi', palabra non recoñecida no dicccionario da Real Academia Galega aínda que si noutros como o Estraviz, pero que segundo a RAE e o imaxinario deportivo refírese a un encontro, xeralmente futbolístico, "entre dous equipos cuxos seguidores manteñen permanente rivalidade". Complicado falar de "rivalidade" entre dous conxuntos dos que moitos afeccionados comparten simpatías e afecto e máis dificil aínda falar de "permanente" entre dous clubs que case nunca se atoparon antes en competición oficial. Pero nada lle quita a emotividade a un partido no que incluso as bancadas compartirán reivindicación cos cánticos de Nunca Máis tras a polémica sentenza do Prestige.

Chega este encontro para dous equipos no alto da clasificación de Segunda, vivindo, á súa maneira, un momento histórico. O Lugo no mellor da súa historia, asentado no económico e no deportivo, louvado pola súa xestión e polo seu xogo e crecendo en afección e apoio desde hai xa varios anos. E o Deportivo nun dos seus peores momentos no extradeportivo, cunha enorme débeda económica pero cun apoio social e unha identificación dos afeccionados -suma case 23.000 socios- que non se detén. De feito, prevese un cheo en Riazor. O club coruñés anunciou que xa vendera 7.000 entradas e a entidade lucense viu como os billetes cedidos desde A Coruña voaban en poucas horas. Incluso son moitos os seareiros albivermellos aos que socios do Deportivo cederon os seus carnés para poder acceder ás ofertas de acompañante que ofrece o Depor.

Agárdase un cheo en Riazor, con milleiros de afeccionados do Lugo, algúns deles con entradas mercadas con carnés cedidos por seareiros branquiazuis

A amizade que se agarda nas bancadas repróducese tamén entre moitos dos xogadores de ambos os dous equipos. Álex Bergantiños, canteirán e un dos líderes do Deportivo, e Carlos Pita, a brúxula do Lugo polo que preguntaron desde A Coruñañ no verán, compartiron durante anos o medio do campo do filial branquiazul e manteñen aínda unha excelente relación. No cadro albivermello xogan tamén outros tres ex deportivistas: Dani Mallo, Iván Pérez e Pablo Álvarez, tres galegos que se unen aos Manu, José Juan, Seoane e Iago Díaz, todos eles claves nun equipo con moitos futbolistas da terra.

Porque tamén será histórico o encontro pola cantidade de xogadores galegos que se atoparán no campo. Non menos de dez disputarán o encontro. No Deportivo, Seoane, Insua, Álex Bergantiños, Juan Domínguez e Luís Fernández apuntan a titulares. No banco, esperarán a súa oportunidade Juan Carlos, Bicho ou Uxío.

Todos buscarán unha vitoria que os asente nos primeiros postos. Pero todos agardan que o partido sexa unha festa. As minorías, os que tamén estragan o derbi entre Celta e Deportivo, non deberían ter cabida neste encontro histórico. E non parece que llela vaian dar.

 

Un once do Lugo nesta tempada © CDLugo
Un once do Deportivo nesta tempada © canaldeportivo.com
Bergantiños e Pita, xuntos nun acto promocional © canaldeportivo.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.