Unha Liga Ibérica de fútbol para 2019?

Partido amigable entre o Deportivo e o Porto © RCDeportivo

Unha Liga Ibérica de fútbol? A idea non é nova, nomeadamente entre os directivos do deporte rei en Portugal, pero volve agromar con forza logo de que as competicións dun e doutro Estado veñan de asinar un memorando de cooperación en diversas áreas, nas que se inclúe tamén a posibilidade de celebrar competicións con clubs de ambos países. 

Destacado na prensa portuguesa, a idea lanzada a pasada semana non tivo a mesma repercusión entre os medios españois. Se cadra tamén porque o presidente da Liga de Fútbol Profesional (LFP), Javier Tebas, case nin se referiu a esa posibilidade. Todo o contrario que o seu homólogo na Liga Portugal, Pedro Proença, moito máis entusiasmado coa opción. 

"Esperamos ter a Liga Ibérica antes do final do mandato [2019] e, ainda no final desta época, ter já um quadrangular com equipas portuguesas e espanholas"

"Esperamos ter a Liga Ibérica antes do final do mandato [2019] e, ainda no final desta época, se possível, ter já um quadrangular com algumas equipas portuguesas e espanholas", asegurou Proença logo da xuntanza. Malia non haber aínda detalles oficiais sobre os participantes ou datas desta pretendida competición, a idea é que xunte os mellores equipos portugueses e españois, "celebrando a verdadeira cooperação ibérica".

A intención é comezar a artellar o torneo xa no final desta tempada, como proba. "Vamos ver se é possível ter um quadrangular com equipas portuguesas e espanholas, fomentando aquilo que queremos da parceria entre os dois países", engadiu Proença. Javier Tebas, pola súa banda, non tratou o asunto pero si admitiu a posibilidade de organizar torneos entre as dúas Ligas. 

A idea é organizar unha competición ente equipos das Ligas española e portuguesa

A posibilidade de formar un torneo con este mesmo nome xa foi tratada en 2015, pero non coa idea de xuntar todos os clubs da Península Ibérica, senón coa idea de organizar partidos cos principais equipos dos dous campionatos, en períodos nos que non houbese compromisos en cada unha das competicións. 

Xuntanza entre directivos da LFP e da Liga Portugal © LFP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.