Unha polémica carga policial acaba con varios deportivistas detidos e contusionados

Un afeccionado, golpeado tras a actuación policial Dominio Público Praza Pública

Logo das críticas ás cargas policiais sufridas por varios estudantes durante a última manifestación contra a Lomce en Vigo a pasada semana, de novo a actuación da policía volve ser censurada. Desta vez os que se queixan son afeccionados do Deportivo que viaxaron a Ponferrada a presenciar o encontro entre o seu equipo e o club berciano. Dous detidos, varios contusionados e numerosas identificacións e ameazas de sancións foron o resultado dunha discutida actuación das forzas de seguridade tras un partido que destacou pola harmonía entre as dúas afeccións e a ausencia de incidentes.

A carga policial foi desmesurada, segundo varias testemuñas, que aseguran que os axentes "déronlle a todos sen distinción"

Máis de 2.000 seareiros deportivistas acudiron ao estadio do Toralín, onde puideron gozar da vitoria do seu equipo, agora líder da Segunda División. Non obstante, a festa quedou empañada por uns incidentes ocorridos xa finalizado o partido. A invasión do campo, de forma pacífica, por parte dunha escasa minoría de afeccionados prendeu a mecha. A reacción da policía, sempre segundo varios testemuños, foi desmesurada. Outra minoría de deportivistas reaccionou lanzando obxectos aos axentes, que agardaron un anaco ata que, pouco despois e reforzados coa presenza de máis antidisturbios, comezou a cargar contra a masa de afeccionados que xa abandonaba o estadio. "Déronlle a todos sen distinción e sen diferenciar entre novos e maiores; foi unha actuación esaxerada", coinciden en sinalar varios dos presentes, que destacan ademais que nin tan sequera había ultras no campo, ao quedar os Riazor Blues fóra en protesta polo elevado prezo das entradas.

Dous afeccionados foron detidos e pasaron a noite nos calabozos dunha comisaría

A violenta carga policial causou feridas en varios afeccionados e incluso algún deles acabeu caendo polas escaleiras. Segundo varios testemuños, un seareiro deportivista foi golpeado xa antes desta carga ao intentar recuperar unha chaqueta que perdera fóra do estadio; logo, moitas máis persoas foron golpeadas, tal e como denuncian tamén xornalistas que se atopaban no estadio como afeccionados. Ademais, moitos outros foron identificados e ameazados con multas de 3.000 euros en aplicación da Lei contra a violencia no deporte.

Por outra banda, dous seareiros foron detidos e pasaron a noite nos calabozos dunha comisaría de Ponferrada. Segundo a versión que dá a Subdelegación do Goberno de León, as detencións chegaron logo de que "catro ou seis" persoas comezasen a lanzar obxectos aos axentes, algo que non coincide coas versións de varios testemuños, que denuncian que cando menos un dos detidos nada tiña que ver cos incidentes. Tamén aseguran que moitos seareiros foron "golpeados, humillados e insultados" incluso despois de que xa foran retidos pola policía. Os cargos que se lles imputan aos detidos -que pasaron a noite incomunicados- son desorde pública e resistencia e atentado á autoridade. Os dous declararon ante o xuíz na mañá deste luns.

A carga policial provocou varios contusionados e a caída dalgún afeccionados por unhas escaleiras

Esta criticada carga policial únese ás críticas que tamén recibira a actuación das forzas de seguridade do Estado a pasada semana nunha manifestación contra a Lomce e na que varios rapaces foron golpeados e tras o que varios dos presentes criticaron o uso desmesurado da forza e o emprego de bólas de goma e diverso material antidisturbio na operación, algo que foi negado pola policía, pero que imaxes e vídeos difundidos por varias testemuñas confirmaron máis tarde.

O BNG denunciou no Congreso a "desproporcionada" carga tras un partido onde "non se produciron incidentes" e logo do comportamento exemplar de ambas as dúas afeccións. Ademais, a deputada Rosana Pérez tamén preguntará ao Ministerio do Interior se vai abrir algunha investigación sobre unha actitude policial "fóra de lugar e sen ningún tipo de contemplación contra os afeccionados e se vai dar instrucións para acabar con esta agresividade desproporcionada e con estas cargas". Tamén se interesa a deputada do BNG por saber como explica o Ministerio "o incremento da agresividade da policía nacional nos eventos deportivos, en manifestacións ou concentracións".

Un afeccionado, golpeado tras a actuación policial Dominio Público Praza Pública
Parte da afección deportivista en Ponferrada Dominio Público @fpdeportivistas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.