Vero Boquete aspira agora a ser mellor futbolista do ano

Vero Boquete celebra un gol co Frankfurt © DFB

A galega Verónica Boquete aspira agora a ser declarada mellor futbolista do ano. A xogadora, que milita actualmente no FFC Frankfur alemán, vén de ser elixida para o premio pola BBC -que entregará por primeira vez este galardón- e comparte nominación coa brasileira Marta Vieira da Silva (Rosengard), a escocesa Kim Little (Seattle Reign), a xermana Nadine Kessler (Wolfsburgo) e a nixeriana Asisat Oshoala (Liverpool) .

A galega foi unha das cinco nominadas pola BBC das que sairá a mellor futbolista da tempada

O proceso de votación está aberto ao público desde este pasado domingo e ata o vindeiro 11 de maio e os afeccionados poden votar a través dunha  mensaxe de texto ao teléfono 447786202004 co número da elección (o 1 correspóndelle a Vero Boquete) ou a través deste enlace da web da BBC. A canle británica seguiu, para establecer as nominadas, unha serie de criterios como a "elegancia, clase, técnica, influencia e, sobre todo, calidade". E foron adestradores, xornalistas, dirixentes e ex xogadoras do fútbol feminino as que decidiron as cinco candidatas, entre elas a galega. 

"Estou moi, pero que moi contenta. Signfica que fixen un bo traballo no último ano. Tamén é unha motivación extra para o futuro", declara Vero Boquete na web da BBC. A xogadora compostelá é agora candidata á mellor futbolista do ano tan só uns meses despois de que fose incluída entre a listaxe das dez mellores futbolistas do mundo na selección previa á escolla do Balón de Ouro. E mes e medio máis tarde de ser nomeada embaixadora do fútbol feminino da UEFA.

Vero Boquete xa fora declarada unha das mellores futbolistas do mundo na listaxe previa do Balón de Ouro

A BBC destaca de Boquete que é "dinámica e conta cun talento especial fronte ao gol". Acumula unha trintena de goles esta tempada e acaba de asinar tres nunha na vitoria do Frankfurt nas semifinais da Champions. A galega xogará a segunda final consecutiva da máxima competición continental tras perder a do ano pasado co Tyresö e ante o Wolfsburgo

A xogadora compostelá disputará co Frankfurt a súa segunda final consecutiva da Champions

A futbolista galega engade así un novo recoñecemento á súa carreira, que enche cunha morea de títulos á espera da agardada Champions europea da que perdeu co Tyresö sueco, co que, non obstante, si obtivo o título de Liga. Suma ademais varios subcampionatos, dúas copas da Raíña, un campionato de Europa sub-19 e outro torneo nos Estados Unidos. E terá este verán o desafío do Mundial, ese que a FIFA obriga as mulleres a xogar en céspede artificial, imposición contra a que se rebelou Boquete como antes fixera contra o veto ás mulleres nos coñecidos vídeoxogos de fútbol ou contra o machismo que leva sufrindo desde que de pequena apostou polo fútbol en Compostela. Galicia, Aragón, Cataluña, Rusia, EUA, Suecia e agora Alemaña xa gozaron do seu fútbol, dunha calidade.

Verónica Boquete, en Compostela CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.