Todo ou nada en 90 minutos. A galega Verónica Boquete pode engadir este sábado un novo título ao seu palmarés. A considerada mellor futbolista española do momento -e unha das mellores do mundo- podería proclamarse campioa da Liga sueca, considerada a máis potente do planeta, se o seu equipo vence no último partido do torneo.
Non o terá doado porque o Tyresö, subcampión de Copa, deberá vencer na casa do actual líder, o Malmö. Pero está máis fácil que hai uns días, cando as opcións eran máis que remotas logo de que o conxunto onde milita a xogadora compostelá caera nun dos seus últimos partidos. O inesperado empate do líder deixa a galega a un só paso dun triunfo soñado tanto para ela como para o seu club, que sumaría o seu primeiro título ligueiro e confirmaría as expectativas que creou no inicio do torneo.
O Tyresö de Boquete debe gañar no campo do líder no último partido para gañar a liga sueca, a máis forte do mundo
O deporte, tan cruel ás veces, amosoulle a Verónica Boquete a súa cara e cruz en tan só uns días. Perdeu a final da Copa sueca ante o Göteborg nunha oportunidade que semellaba única. Logo, coa selección española, errou un penalti a poucos minutos do final da prórroga que evitaba a ansiada clasificación do equipo para a Eurocopa logo de varios anos sen disputala. No entanto, na última xogada do partido, a galega enganchou unha volea que lle deu a vitoria ao equipo e o billete para o torneo continental. “O mellor momento da miña vida”, asegurara a futbolista, emocionada pola fazaña.
En poucas semanas, a galega perdeu a Copa e deulle a España o billete á Eurocopa na última xogada da prórroga
Agora loitará en 90 minutos por gañar a Damallsvenskan, o campionato feminino máis compeititivo na actualidade e que reúne a unha morea de estrelas mundiais, moitas delas compartindo vestiario con Verónica Boquete, que xa está nominada a mellor xogadora e mellor centrocampista do campionato.
A Liga sueca engadiríase a un palmarés xa amplo, con dúas copas no Espanyol e un campionato nos EUA
Tras comezar no Xuventú de Aguiño, pasar por Zaragoza e Espanyol, probar en Rusia e triunfar nos Estados Unidos, o orgullo do fútbol galego feminino pelexará este sábado por un novo título. Uniríase ás copas obtidas co Espanyol, a Eurocopa sub 19 con España ou o campionato en América. Pasaría de ser unha excelente xogadora a converterse nun mito. Está nas súas mans e nas das súas compañeiras.