Marcos Pérez Pena

Unha ducia de 'camiños naturais' en Galicia (que non van a Compostela)

Camiños hai moitos, dende as moitas vías que levan a Santiago (ou que parten desta cidade en dirección a Fisterra) aos numerosos itinerarios tradicionais, seguidos dende hai séculos para desprazarse dunhas vilas a outras e que en moitos casos aínda se conservan, como os Camiños Reais ou as antigas vías romanas. O Ministerio de Agricultura conta cunha rede de Camiños Naturais, que suma case unha ducia de exemplos en Galicia. 

  1. 01

    Camiño Natural das rutas ecolóxicas do río Catoira

    Este camiño percorre as ribeiras dos ríos San Cibrán e Catoira, neste concello pontevedrés, con dous itinerarios que suman seis quilómetros de lonxitude

  2. 02

    Camiño Natural das Sendas en Abalo

    Tamén en Catoira, este camiño suma catro rutas (Senda do Camiño Real, Senda de Souto da Vila, Senda dos Muíños de Vento de Abalo e Senda do Río Freixeiro)

  3. 03

    Camiño Natural dos Arrieiros

    O Camiño parte de Fonteantiga, no Carballiño, rematando no lugar de San Fiz do Varón, e suma un total de 14,2 quilómetros. A ruta, circular, pasa por carballeiras e bosques de ribeira.

  4. 04

    Camiño Natural da Ribeira Sacra

    O Camiño Natural da Ribeira Sacra inclúe cinco rutas, unha delas de 24 quilómetros (Mosteiro de Santo Estevo e ermida Virxe do Monte), outra de 8 quilómetros (de Parada de Sil ao Mosteiro de Santa Cristina) e outras tres máis curtas, percorrendo espazos nos concellos de Monforte ou Ribas de Sil

  5. 05

    Camiño Natural da Mirada Circular

    O Camiño Natural da Mirada Circular é un percorrido lineal de máis de 70 quilómetros de lonxitude que percorre a parte leonesa da Serra dos Ancares, entre Guímara (no límite entre León e Asturias) e Balboa (na fronteira entre León e Galicia)

  6. 06

    Camiño Natural do río Barbantiño

    A ruta, de algo máis de 10 quilómetros, percorre as ribeiras do río Barbantiño, nos concellos de Punxín, Maside e Amoeiro, pasando por moitos muíños e espazos de gran beleza.

  7. 07

    Camiño Natural de San Rosendo. De Porto Quintela a Ourense

    O Camiño Natural de San Rosendo suma un total de 225 quilómetros entre o sur da provincia de Ourense e a Maríña, no norte de Lugo, percorrendo polo tanto todo o interior de Galicia. Está dividido en tres treitos, dous deles ourensáns (de Porto Quintela a Celanova e de Celanova a Ourense) e leva o nome do nobre e abade galego do século X, que chegou a ser Bispo de Dumio e fundou varios mosteiros, por exemplo en Celanova

  8. 08

    Camiño Natural de San Rosendo. De Mondoñedo a Foz

    O Camiño de San Rosendo continúa na Mariña, entre Mondoñedo, Lourenzá, Barreiros e Foz, algo máis de 32 quilómetros pasando por paisaxes moi distintas e finalizando á beira do mar.

  9. 09

    Camiño Natural da Ruta do Cantábrico

    No seu final, o Camiño de San Rosendo únese ao Camiño Natural da Ruta do Cantábrico, que percorre a costa lucense ao longo de 150 quilómetros divididos en sete etapas, pasando por Ribadeo, Foz, Burela, San Cibrao, Viveiro, O Vicedo, O Barqueiro ou o Porto de Espasante.

  10. 10

    Camiño Natural de Carballeda de Avia

    Este camiño suma algo máis de 18 quilómetros por ese concello da comarca do Ribeiro, pasando por muíños, capelas e subindo ata a Pena Corneira

  11. 11

    Camiño Natural Vía Nova

    Este camiño natural recibe o seu nome da Vía XVIII romana, coñecida tamén como Via Nova, que unía Braga e Astorga. Suma tres treitos, entre Portela do Home e Santa Comba de Bande, entre Santa Comba de Bande e A Saínza e entre Biobra e Petín.

  12. 12

    Camiños a Santo André de Teixido

    Hai máis camiños tradicionais que non están incluídos na lista de Camiños Naturais do Ministerio. Entre eles destacan os que levan a Santo André de Teixido, un amplo conxunto de rutas entre as que destacan o Camiño Vello, o GR-55 Camiño de Santo André, a Ruta dos Peiraos, o Camiño dos Cantís, o Camiño do Mar, ademais doutras rutas non oficiais.