Unha ducia de anuncios de Nadal
Aínda que o Nadal en sentido estrito xa pasou seica o Apalpador aínda circula por aí e, ademais, o aninovo e os Reis aínda son paradas case obrigadas. Desta volta ollamos un chisco cara atrás e observamos como se anunciaban na prensa galega algúns dos imprescindibles destas datas "tan sinaladas". Viva antes?
-
01Sentimentos contrapostos
No Nadal de 1905 alguén alcumado Fuco de Tabeayo publicaba en Coruña moderna unha copla na que explicaba como algunhas "voces augardentosas" se sumaban á "contina toleiría" coa que humanidade disque celebraba "a chegada do Mesías". E, por baixo, unha receita de sopa para curar os excesos.
-
02Glorificando electrodomésticos
En 1965 non había moito lugar para a laicidade e esta cadea de electrodomésticos bendecía a súa clientela dende a Hoja del Lunes da Coruña.
-
03O agasallo de moda
En 1955 non eran demasiados os nenos e nenas que podían ter unha bicicleta. Así e todo, Casa Cachaza tiña claro que quería poñer unha en todas as casas.
-
04Champaña catalán
En 1969 Codorniu aínda non era cava, senón champaña que se podía "solicitar" nos flamantes Supermercados Claudio.
-
05Agasallos "prácticos" e un chisco prexuizosos
Nos anos 70 os almacéns Simeón animaban o público galego a facer agasallos "prácticos" no Nadal. Agora ben, tiñan claro que non todos os obsequios servían para todas as persoas.
-
06Lecer múltiple para a veciñanza coruñesa
Nos últimos anos 50 a prensa coruñesa ofertaba, para quen tivese cartos dabondo, unha ampla oferta de lecer: dende as últimas estreas cinematográficas ata exclusivas ceas-baile de fin de ano.
-
07Radio para o Nadal republicano
No primeiro Nadal tras a proclamación da II República un dos produtos estrela eran os aparellos de radio Philips coma este, á venda nun coñecido establecemento lucense.
-
08Doce Nadal
En 1932 a veciñanza de Lugo máis larpeira podía pasar pola confitería Calvo para observar e, no caso de poder, adquirir unha aplísima gama de produtos doces. Algúns, mesmo chegados de Singapur!
-
09Agasalle machismo
En 1969 as ferraxarías Torres y Sáez anunciábanse deste inefable xeito, hoxe máis difícil de atopar na prensa pero aínda presente en demasiadas cabezas.
-
10O caso é quedar ben
A comezos dos 80 a publicidade era máis sincera que na actualidade. Se o agasallo era bo, pois mellor, pero o caso era quedar ben.
-
11Coelliños e electrodomésticos
Antes de que os centros comerciais o papasen case todo cadeas como Jesús Lago y Lago eran as estrelas no país á hora de mercar un televisor, unha lavadora ou unha secadora.
-
12Antes do WhatsApp
Ata hai non demasiados anos as festas de Noiteboa e Aninovo eran o escenario do colapso das liñas telefónicas por mor da acumulación de felicitacións. Así, en 1979 a daquela pública Telefónica avisaba da desactivación de parte dos seus servizos para atender tal demanda natalicia.