Unha ducia de apps impulsadas pola Xunta para levar Galicia na palma da man
Todo o mundo ten no seu móbil unha chea de aplicacións: para o tempo, as noticias, as viaxes, para ligar... Nos últimos anos a Xunta foi creando e desenvolvendo moitas destas apps con obxectivos e funcións moi diferentes. Escolmamos aquí algunhas delas.
-
01
Abalar
Todas as persoas con nenos e nenas en idade escolar e tamén todas as e os docentes coñecen ben a aplicación de Abalar, unha ferramenta para a comunicación entre as familias e os centros educativos e para consultar avisos, cualificacións, faltas... Tamén existe a AbalarPro, que emprega o profesorado
-
02
DOG
Dende o móbil tamén se pode consultar o Diario Oficial de Galicia. Todas as publicacións do DOG están dispoñibles, con opcións de localizar e organizar a información de interese para cada persoa usuaria.
-
03
Digalego
Digalego é unha aplicación que permite a busca de termos no dicionario de galego en internet. O Dicionario ten como base de partida o Dicionario normativo, editado por Ir Indo Edicións.
-
04
Galicia nomeada
Galicia nomeada é unha app colaborativa para a recollida, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega. É froito dun proxecto de preservación do patrimonio toponímico impulsado pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia
-
05
Rede de Bibliotecas de Galicia
A app da Rede de Bibliotecas de Galicia permite acceder ao préstamo ou a calquera outro servizo das bibliotecas públicas do país. Tamén inclúe todo o catálogo galego da biblioteca dixital de préstamo, GaliciaLe.
-
06
Transporte público de Galicia
A app do transporte público da Xunta de Galicia permite acceder ás paradas e os horarios dos servizos e coñecer o estado das recargas dispoñibles para as tarxetas metropolitanas e Xente Nova. Tamén permite rexistrar as tarxetas de transporte público, ver o resumo de reembolsos realizados e recibir notificacións das recargas pendentes para evitar que caduquen.
-
07
Meteogalicia
A aplicación oficial de MeteoGalicia ofrece información meteorolóxica completa, detallada por concellos. Ademais, amosa o estado do mar, predicións para todas as praias de Galicia e mareas, ademais de permitir o acceso aos datos en tempo real das estacións meteorolóxicas, de calidade do aire e de boias oceanográficas da Xunta.
-
08
Axenda Cultura
Na app de Axenda Cultura as persoas usuarias poden atopar as actividades promovidas pola Consellería de Cultura e por outras entidades culturais. Tamén se atopan as festas de interese turístico.
-
09
Guía de especies pesqueiras
A Guía de especies pesqueiras é unha aplicación de consulta das especies pesqueiras que habitan as
Hai outras aplicacións que complementan a esta, como pescadeRías, que identifica e localiza os produtos procedentes da pesca artesanal galega ou a Poxa Lonxas Galegas 4.0, que permite que compradores/as profesionais poxen polo peixe e o marisco dende os seus dispositivos móbiles.
-
10
Galicia birding
Galicia birding promove as visitas a Galicia como destino de turismo ornitolóxico. Así, permite coñecer con detalle os lugares máis interesantes de Galicia para observar aves a través dos roteiros especificamente deseñados para tal fin, así como planificar unha estancia no destino escollido
-
11
Sendegal
Sendegal permite coñecer as rutas oficialmente homologadas de Galicia para o sendeirismo, integrando a descrición de cada unha delas coa súa visualización, perfil topográfico, grao de dificultade... así como as valoracións e comentarios útiles doutras persoas que xa a percorreron antes.
-
12
Camiño de Santiago en Galicia
Camiño de Santiago en Galicia ofrece información sobre os trazados oficiais das rutas a Compostela, a Rede oficial de albergues, outros recursos turísticos e eventos, ademais das condicións meteorolóxicas ou os datos de contacto e dirección dos centros de saúde e emerxencias.
Enoturismo en Galicia ou a app dos parques naturais de Galicia son outras das aplicacións turísticas lanzadas pola Xunta.