Unha ducia de bandas para gozar no Armadiña Rock
Do 24 ao 26 de agosto Combarro (Poio) acollerá a décima edición do Festival Armadiña Rock. Os concertos terán lugar na Praza da Chousa, un espazo que varias entidades da localidade reclaman que deixe de ser xestionado por Portos de Galicia, o que dificulta o seu uso por parte da poboación. O pasado ano máis de 9.000 persoas pasaron por este festival, que ten entrada de balde e que inclúe proxección de curtametraxes, exposicións e moito máis. Velaquí unha ducia de bandas para gozar do evento.
-
01
La Pegatina
La Pegatina comeza a súa andaina en 2003 e defínese coma un referente da música mestizaxe estatal con influencias de rumba, merengue e ska. Acode ao Armadiña Rock despois de xirar por máis de trinta países e vén de presentar o seu último traballo Ahora o nunca. Leva editado oito discos e lanzou tamén un documental e un videoxogo. Actúan en Combarro na noite do venres 24.
-
02
Amparanoia
Amparanoia naceu hai máis de vinte anos en Lavapiés (Madrid). Desde aquela mestura blues, soul, boleros, rancheiras, rumbas ou música popular sudamericana. Baixou dos escenarios no ano 2008 para regresar case dez anos despois cun proxecto inicial renovado, co que acadou os seus maiores éxitos. Ten colaborado con artistas como Manu Chao ou Víctor Coyote. Actúa na noite do sábado 25.
-
03
Sés
María Xosé Silvar, Sés, chega a Combarro co seu proxecto como cantautora iniciado no ano 2011. Artista de referencia no país e no Estado, mestura música tradicional cos ritmos doutras latitudes e nunca agocha o seu activismo, a denuncia social e a constante reivindicación feminista. Iniciouse coa banda Chámalle Xis! e ten colaborado con Zënzar, Xabier Díaz, Xosé Bocixa ou Guillerme Fernández. Actúa na noite do venres 24 no Armadiña Rock.
-
04
Terbutalina
"Faite bailar coma se te duchases todos os días con augardente". Terbutalina autodefínese como unha banda de garage-punk festeiro disparado por catro asmáticos da costa oeste amantes do tabaco. Desde a súa formación en 2010 levan editado varios traballos discográficos e actuado en numerosos festivais e salas. Actúan na noite do sábado 25.
-
05
Zënzar
Zënzar leva en activo desde o verán de 1993, aínda que xa estaba activa co nome de Mördor en 1987. Procedente de Meirama, é o grupo con máis anos de actividade en Galiza, facendo rock en galego. Chegaron a compartir escenario con bandas consolidadas do rock estatal como Extremoduro, Platero y tú, Boikot, Barón Rojo ou Soziedad Alkohólica. “No fondo, somos ninguén os que protestamos: só unha minoría. O capitalismo segue e o medo tamén”, dicían nunha entrevista en Praza.gal. Actúan na noite do 25 de agosto.
-
06
Banda Xangai
O nome da banda xorde do tren que durante décadas uniu Galicia e Caalunya. Un proxecto único do que xurdiron tamén festivais poéticos e formacións musicais e que culminou na celebración do 40º aniversario do Ateneu Nou Barris de Barcelona. Nesta banda reúnense nomes importantes da música galega de bandas xermolo do movemento bravú. Actúan na noite do sábado 25.
-
07
O Sonoro Maxín
O Sonoro Maxín naceu en Ourense no ano 2007 a partir da xuntanza de músicos doutras bandas, e desde entón leva percorrido toda a xeografía galega coa súa musica de ritmos latinos de verbena, que lle levou a acuñar o termo Galicia tropical. Esta banda compartiu escenario con músicos como Manu Chao & Radio Bemba Sound System, Chantel & Bucovina Club Orkestra, Los Delinquentes ou Tonino Carantone. Aproveitarán o seu paso polo Armadiña Rock para presetar o seu último disco Setedezasete. Actúan na noite do sábado 25.
-
08
The Lákazans
Nacida en Boiro no ano 2010, a banda xurdiu dunha serie de jam sessions nun bar, e oficializouse como tal no ano 2012. As súas influencias atópanse nun grande abano de estilos musicais, pasando polo blues, country e rock&roll. Chegan ao Armadiña Rock a presentar o seu terceiro traballo, que leva por título Sandwina, en referencia a unha vienesa decimonónica dedicada ao mundo circense, co que queren transmitir unha mensaxe de empoderamento real da muller. "O que facemos é fusión de todo o que achega cada un de nós", dicían nunha entrevista en Praza.gal. Actúan na noite do venres 24.
-
09
Skándalo GZ
Skándalo GZ é unha banda procedente de Ponteareas referente do ska-punk en Galicia. A súa actividade deu comezo no 2007 e desde entón difunden unha mensaxe de loita obreira. As súas letras están inspiradas en historias da terra galega e dos seus antergos. O seu concerto no Armadiña Rock enmárcase na xira do seu décimo aniversario e terá lugar na noite do venres 24.
-
10
A Banda da Loba
A Banda da Loba é un grupo de música galega integrado por cinco mulleres que decidiron unir en 2016 as súas traxectorias individuais co fin de crear un proxecto colectivo. Mesturan pop, blues, folk, rock e sons tradicionais, creando deste xeito un estilo heteroxéneo e particular. No ano 2018 gañaron o certame aR[i]tmar de música galega e portuguesa. O seu nome fai referencia á lendaria bandoleira galega do século XIX Pepa a Loba. “É tempo de empoderarse, de facer o que nos pete, de camiñar soas se queremos”, reivindicaba en Praza.gal o grupo, que actúa en Combarro na noite do sábado 25.
-
11
Voodoo
Voodoo é unha banda coruñesa integrada por dúas mulleres, Belém Tajes e Maritxinha. Definen o seu xénero como soulk, unha mestura de soul e folk. No ano 2017, este proxecto obtivo o Premio Martín Códax da Música Galega na categoría soul, funk e blues. O seu último traballo, Eu son Voodoo Vol. II foi editado o ano pasado e nel inclúense letras do cancioneiro tradicional galego mesturadas con harmonías procedentes da música negra. Actúan na sesión vermú do domingo 26.
-
12
Balkan Paradise Orchestra
As calellas de Combarro volverán encherse de música e animación a través dos pasarrúas de Balkan Paradise Orchestra, unha banda catalá integrada por once mulleres que empregan instrumentos de percursión e vento. Serán as protagonistas do pasarrúas do venres 24. Ademais delas e de todos estes grupos, o Armadiña Rock acolle tamén a Almánimal, Batucada Os Queimatasas, Fanfarria Furruxa, Noite Fechada ou Dudecan.