Marcos Pérez Pena

Unha ducia de baterías militares na costa galega

Hai dúas semanas a Deputación da Coruña iniciou a primeira fase do Plan de Recuperación das Baterías Militares de Ferrolterra, uns traballos que comezarán polas instalacións da Bailadora (Ares) e Campelo (Valdoviño) e seguirán coas de Monte Ventoso (Ferrol). Nas primeiras décadas do século XX o litoral galego foi inzándose de canóns e búnkeres co obxectivo de protexer o territorio de ataques externos, especialmente o Golfo Ártabro e as cidades de Ferrol e A Coruña. Franco redobrou este esforzo ante a ameaza de incursións republicanas ou aliadas, constuíndo ademais unha rede de estruturas defensivas ao redor da cidade de Vigo.

  1. 01

    Batería de Campelo (Valdoviño)

    O plan de artillado de 1914 planificou a construción de catro baterías militares para defender o Golfo Ártabro do posible ataque de acoirazados. Foron as baterías de Campelo alto e Campelo baixo, en Valdoviño: as dúas do Cabo Prior e a do Cabo Prioriño en Ferrol; e a de San Pedro na Coruña.

    O obxectivo era, principalmente, defender a Base Naval de Ferrol e tamén a cidade da Coruña. O ditador Primo de Rivera redobrou os esforzos e en 1926 adquiriu da empresa británica Vickers 18 canóns navais de 15 polegadas (38 centímetros). Oito deles, por parellas, foron instalados en Campelo, Prior, Prioriño e San Pedro, nun proceso que completou a Segunda República. Os canóns tiñan un alcance de ata 35 quilómetros.  (Imaxe: Concello de Valdoviño)

  2. 02

    Baterías da Bailadora (Ares)

    As baterías da Bailadora, Faro e Fonteseca -todas situadas no Montefaro, no Concello de Ares- son anteriores, resultado do temor español a posibles ataques dos Estados Unidos coincidindo coa Guerra de Cuba de 1898. 

    Na contorna existían previamente outras estruturas defensivas, pero para enfrontarse a buques máis modernos e con mellores armas como os que se comezaban a empregar, era necesario mellorar tamén os sistemas de defensa costeiros, construíndo por exemplo baterías en lugares máis elevados. É o caso destas tres baterías situadas no Montefaro, que con 266 metros de altitude, domina a entrada da Ría de Ferrol.

    Nas tres décadas seguintes instaláronse aquí poderosos canóns e, ademais, nos anos 30 e 40, as baterías foron reforzadas con defensas antiaéreas, compostas por canóns Vickers e metralletas. (Imaxe: Observer Science Tourism)

  3. 03

    Batería de Cabo Prior (Ferrol)

    As instalacións definidas polo plan de defensa aprobado pola ditadura de Primo de Rivera constaban de dúas baterías navais a distinta altitude e unha batería antiaérea. 

    A batería de Cabo Prior comezou a construírse en 1928 e finalizou en 1933, cando se fixeron as primeiras probas de tiro dos canóns. Destacan os enormes pozos onde se instalaron os canóns e tamén os miradoiros bunkerizados que se reparten polo cabo e que servían como puntos de observación para axustar o tiro da artillería e incluían telémetros e outros instrumentos. A batería contaba tamén con túneles subterráneos e outras estancias. (Imaxe: Observer Science Tourism)

  4. 04

    Batería de Cabo Prioriño (Ferrol)

    No Cabo Prioriño, máis próximo á entrada da Ría de Ferrol, constuíuse a partir de 1930 outro grupo de baterías, formado polas instalacións de costa de Pena Roiba e Lobateiras e a súa correspondente instalación antiaérea. 

    As baterías navais nunca participou nunha batalla, pero a súa presenza tivo un papel disuasorio que na Guerra Civil e na Segunda Guerra Mundial serviu para previr ataques republicanos e aliados na zona. As baterías antiaéreas si efectuaron disparos de advertencia contra avións aliados que voaban pola zona para perseguir buques e submarinos nazis que buscaban refuxio nas bases militares de Ferrol.

    Sobre o Cabo Prioriño atópase o Monte Ventoso, que tamén acolle unha batería militar, que sobre todo funcionaba como punto de observación e vixilancia. (Imaxe: Observer Science Tourism)

  5. 05

    Batería da Frouxeira (Valdoviño)

    Na Frouxeira, ao pé do actual faro, había un sistema de proxectores de luz, de suma importancia para localizar e disuadir os inimigos da súa entrada e, sobre todo, para iluminar posibles obxectivos dos canóns. Estes focos de luz, que estaban repartidos por toda a Costa Ártabra, eran quen de iluminar ata a 20 quilómetros de distancia. 

    Os focos de Punta Frouxeira foron construídos como apoio á batería de Campelo. Na actualidade existen aínda os longos túneles polos que se desprazaban os focos cara a unha ou outra localización. (Imaxe: descubregalicia.org)

  6. 06

    Batería da Salgueira (Ares)

    As baterías de Segaño e Salgueira, en Punta Segaño, completaban a defensa da Ría de Ferrol na propia boca da ría, na parte baixa do Montefaro. Ambas as dúas foron ideadas en 1897, pero non contaron con artillería ata 1914. Posteriormente, en 1936 foron desartilladas para enviar os seus canóns ás novas baterías que Franco creou nas Rías Baixas para protexer Vigo de posibles ataques republicanos. (Imaxe: Observer Science Tourism)

  7. 07

    Batería de San Pedro (A Coruña)

    A Batería do Monte de San Pedro foi o cuarto pé do sistema defensivo do Golfo Ártabro que compuñan tamén as baterías de Campelo, Prior e Prioriño. A súa localización, dominando a propia cidade da Coruña e a súa costa occidental ata a Costa da Morte, permitía localizar ou disparar contra posibles ameazas para a propia cidade herculina.

    En 1997 ordenouse a súa destrución por consideralas inútiles para a defensa actual, pero o Concello da Coruña conseguiu a súa cesión en 1998 e foi convertida en parque público cun centro de interpretación. (Imaxe: Observer Science Tourism)

  8. 08

    Batería de Monticaño (Arteixo)

    A batería de Monticaño, en Arteixo, tamén foi proxectada en 1926 e servía de complemento ás restantes, especialmente á de San Pedro, da que se atopa próxima. En 1930 foi artillada con catro canóns Vickers, pero durante a Guerra Civil as pezas foron instaladas nos cruceiros franquistas Mar Cantábrico e Navarra.

    Nas instalacións destaca o búnker de telemetría, ben conservado. (Imaxe: Contandoestrelas)

  9. 09

    Batería de Cabo Silleiro (Baiona)

    En 1936 o réxime franquista decidiu construír un sistema de baterías costeiras para defender as Rías Baixas e sobre todo a cidade de Vigo de posibles ataques republicanos. Construíronse instalacións en Cabo Silleiro, Cabo Udra, Monteferro, e O Grove, pero tamén na Guía, Punta Faxilda ou Cabo Home (refletores)

    En Cabo Silleiro, no lugar de Baredo, existía xa dende 1923 unha base militar, pero non contaba con canóns, coma os catro que se instalaron na Guerra Civil. Ademais dos barracóns, existía unha rede de túneles con 200 metros de pasadizos que comunicaban os catro canóns e o búnker de telemetría.

    Contan que nas obras traballaron presos republicanos, nun campo destinado para o efecto, e que os terreos onde se asentou a base pertencían á veciñanza de Baredo, sen que recibisen compensación ningunha.

    Na actualidade consérvase nas instalacións en ruínas un arco de acceso co escudo fraquista. Ademais, nunha das estancias pódese ver aínda un debuxo co perfil da Ría de Vigo e outro cos perfís dos barcos de guerra, elementos empregados para guiar os disparos. (Imaxe: Contandoestrelas)

  10. 10

    Batería do Cabo Udra (Bueu)

    A batería do Cabo Udra foi construída a partir do verán de 1936, como a de Cabo Silleiro. Os canóns que se instalaron aquí procedían da batería da Salgueira. (Imaxe: Contandoestrelas)

  11. 11

    Monteferro

    Semellante foi o o proceso seguido en Monteferro (Nigrán), onde se instalou despois do Golpe de Estado outra pequena batería con canóns procedentes dalgunha das baterías de Ferrolterra. Esta rede de baterías serviu para defender Vigo de posibles ataques republicanos e tamén de hipotéticos ataques das forzas aliadas na súa loita contra o eixo liderado pola Alemaña nazi. (Imaxe: Contandoestrelas)

  12. 12

    Batería do Grove

    A rede completábase cunha batería no lugar do Conchido, en San Vicente do Mar (O Grove), construída tamén en 1936 despois da sublevación fascista e equipada inicialmente con tres pequenos canóns, reforzados posteriormente con armas máis poderosas. (Imaxe: Contandoestrelas)