Unha ducia de bens patrimoniais galegos protexidos dende hai un século ou máis
Cal foi o primeiro monumento galego que contou cunha protección legal? Foi en 1895 e non foi a Catedral de Santiago, que acadou a súa consideración de "monumento nacional" un ano máis tarde. Entre os últimos anos do século XIX e os primeiros do século XX unha vintena de alfaias do noso patrimonio recibiron a consideración de inmoble protexido, aos que se sumaron 43 máis durante a Segunda República
-
01
Convento de San Domingos de Pontevedra
Non foi, polo tanto, a Catedral de Santiago o primeiro ben patrimonial protexido en Galicia. O 17 de agosto de 1895 o BOE publicaba o decreto, asinado pola Raíña Rexente María Cristina (pois Alfonso XIII era aínda menor de idade), que declaraba "monumento nacional" as ruínas do convento de San Domingos de Pontevedra.
-
02
Colexiata de Santa María a Real do Sar
Nese mesmo número do BOE tamén adquiría esa condición de "monumento nacional" a Colexiata de Santa María a Real do Sar, en Compostela. "La Comisión de Monumentos de la provincia de la Coruña se hará cargo de dicho edificio, y por el Ministerio de Fomento se dictarán los oportunas disposiciones para la conservación y decoro del mismo", dicía o texto.
-
03
Catedral de Santiago
Un ano máis tarde chegou a quenda da Catedral de Santiago, declarada "monumento nacional" o 22 de agosto de 1896, nun decreto asinado en Donosti, onde a familia real pasaba habitualmente as súas vacacións de verán.
-
04
Convento de San Francisco de Pontevedra
Poucos días máis tarde tamén adquiría esa mesma protección o Convento de San Francisco de Pontevedra. E, no mesmo decreto, tamén o facía a Igrexa de San Francisco de Valdedeus de Compostela
-
05
Catedral de Mondoñedo
Houbo que agardar ao ano 1902 para que a Catedral de Mondoñedo fose protexida, nun decreto asinado xa en primeira persoa polo rei Alfonso XIII. A Capela do Hospital Real de Santiago (1913), o Convento de San Domingos de Bonaval de Compostela (1913) e o Convento de San Francisco de Betanzos (1919) foron protexidas nos anos seguintes.
-
06
Muralla de Lugo
En 1921 chegoulle a necesaria protección á Muralla de Lugo, que amosaba unha importante degradación en varios dos seus treitos, con vivendas pegadas á súa estrutura e con novas portas que racharon as súas pedras. A imaxe corresponde a unha postal do ano 1910, conservada no arquivo da RAG.
A iniciativa partiu de cinco veciños da cidade: Luís Gil Álvarez, Baltasar Moreno, Joaquín García, Gervasio Mourenza e Ramón López González a quen a Real Orde daba as grazas pola súa "patriótica iniciativa e perfecto coñecemento dos seus deberes cidadáns" e pola súa colaboración para evitar que se consumase un "atentado á cultura pública".
-
07
Santa Comba de Bande
No mesmo ano que a Muralla de Lugo, foi protexida a Igrexa de Santa Comba de Bande e as súas valiosas pinturas murais.
-
08
San Estevo de Ribas de Sil
En 1923 foi a quenda da Capela de San Miguel de Celanova, do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (na imaxe) e do Claustro do convento de San Francisco de Ourense
-
09
Mosteiro de Oseira
Tamén foi protexido en 1923 o Mosteiro de Santa María a Real de Oseira, denominado "O Escorial de Galicia" polas súas dimensións
-
10
San Pedro de Rocas
En setembro de 1923, poucos días despois do Golpe de Estado de Primo de Rivera, foi declarado Monumento arquitectónico-artístico o Mosteiro de San Pedro de Rocas. "Sen o previo permiso deste Ministerio non poderá procederse, baixo ningún concepto, á derruba, nin en todo nin en parte do Monumento", sinalábase
-
11
Torreón dos Andrade
Durante a ditadura de Primo de Rivera tan só se incorporou outro monumento galego á lista de bens protexidos: o Torreón dos Andrade, en Pontedeume, que foi declarado Monumento arquitectónico-artístico en 1924
-
12
A Segunda República
O 4 de xuño de 1931 publicouse un decreto, asinado por Niceto Alcalá-Zamora polo que o Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes declarou 43 novos monumentos histórico-artísticos galegos. Entre elas estaban o Pazo de Xelmírez, a Torre de Hércules, as igrexas de Santa María de Cambre, de San Martiño de Noia, de de Santa Mariña de Augas Santas, de San Salvador de Vilar de Donas, de San Paio de Diomondi.
Tamén os mosteiros de Monfero, Carboeiro, Armenteira, Aciveiro e Sobrado, as catedrais de Lugo, Ourense e Tui, o Templo de Santa Olaia de Bóveda, o Castelo de Monterrei, o Castro de Santa Trega ou as Torres do Oeste, entre moitos outros.