Miguel Pardo

Unha ducia de berros e vitorias

Mobilización e éxito non son sempre palabras vencelladas. Pero Galicia contemplou en 2013 como a loita e a presión social adoitan traer consigo resultados, máis ou menos efectivos. A paralización de desafiuzamentos ou de proxectos mineiros son só dous exemplos de vitorias de entre moitos berros, algúns aínda pendentes de triunfo.

  1. 01

    A paralización do desafiuzamento de Aurelia Rey na Coruña

    Aurelia Rey accedeu o pasado mes de maio á súa nova casa de protección social. Foi o final feliz (ou menos malo) para un conflito que saltou ás portadas cando o mes de febreiro a presión cidadá impediu en dúas ocasións o seu desafiuzamento. A plataforma Stop Desahucios e a oposición na Coruña -nomeadamente BNG e EU- denunciaron o mobbing inmobiliario sufrido pola anciá e a mobilización cidadá axudou a atopar unha solución para unha muller de 85 anos, que levaba máis de tres décadas na súa vivenda do centro da Coruña e que intentou ser desaloxada polo atraso no pago de dous meses do seu aluguer -un deles hai máis de catorce anos- de renda antiga. Foi só unha loita das moitas que as plataformas contra os desaloxos desenvolveron na Coruña e noutras localidades.

  2. 02

    A paralización da mina de Corcoesto

    A Xunta confirmou o pasado outubro que rexeita o proxecto mineiro a ceo aberto na comarca de Bergantiños pola súa insolvencia financeira, aínda que nada dixo dos riscos medioambientais, e logo de que a multinacional non reunise o 25% dos fondos propios sobre o investimento. Non hai quen non atribúa a decisión do Goberno á enorme mobilización social da cidadanía contra unha mina (e outras iniciativas tamén paralizadas) que tan só era o primeiro paso da estratexia mineira da Administración no país. Hai que seguir atentos.

  3. 03

    Galicia segue en pé e berrando Nunca Máis

    Galicia berra Nunca Máis e segue en pé contra a impunidade. Así o demostrou o pasado 1 de decembro, once anos despois da gran manifestación tras o naufraxio do Prestige, cando milleiros de persoas ateigaron as rúas das oito localidades onde se celebraron manifestacións contra a sentenza dun xuízo que foi criticada maioritariamente por ser "deliberdamente inxusta" co país. O ditame absolviu a López-Sors, Mangouras e o xefe de máquinas, defendeu o afastamento do buque, "aceptable e non imprudente", e a xestión do Executivo, que cualificou de "profesional e correcta". Nunca Máis seguirá loitando e xa pide axuda para recorrer e chegar incluso a Europa.

  4. 04

    O drama do Monte Pindo e a rebelión voluntaria do pobo

    A finais do mes de novembro, a Xunta ordenou paralizar o proxecto civil para recuperar o Monte Pindo tras ameazar con sancións aos impulsores dunha iniciativa solidaria para traballar no bosque arrasado polo lume e creada ante o "desleixo" das administracións. O lume arrasara 2.500 hectáreas no Olimpo Celta nun incendio que aproveitou a nula protección dunha zona para a que o Concello de Carnota e asociacións pro-parque natural levan reclamando atención. A cidadanía púxose en marcha logo de que a falta de medidas provocara riadas de lodo e cinzas na localidade, pero o Goberno mandou parar. A loita continúa.

  5. 05

    A folga de fame das mulleres de Ve-la Luz

    O pasado luns 9 de decembro, oito mulleres da asociación Ve-la Luz comezaron unha nova folga de fame menos dun mes despois de rematar a anterior. Pretenden "rachar o silencio" que rodea a violencia machista e denunciar "represalias" polas súas denuncias e a "falta de aplicación" das leis. Logo da anterior protesta, as mulleres non acadaron boa parte das súas reivindicacións, pero si que o Parlamento galego se comprometese a crear unha comisión de investigación sobre a situación real das vítimas e dos seus fillos e nas que elas terán voz, algo que consideran  un "fito histórico" e "unha vitoria" pero que aínda están agardando. Unha loita tan valente e extrema, como silenciada.

  6. 06

    A loita contra as touradas suma adeptos e fortaleza

    BNG e CxG presentarán mocións contra os festexos taurinos en todos os municipios onde teñen representación, a última iniciativa de Galicia Mellor Sen Touradas apoiada tamén por Anova e EU. Pedirase o rexeitamento das corridas e do uso de fondos públicos nelas. Será un novo proxecto dunha asociación que promoveu a creación dunha exitosa Fronte Antitaurina no Parlamento -que levou á Cámara o debate sobre a abolición deste espectáculo minoritario e case nulo en Galicia- e que mobilizou milleiros de persoas na Coruña ou Pontevedra.

  7. 07

    A rebelión dos alcaldes galegos contra a reforma local

    Os concellos galegos censuran con rotundidade a reforma local prevista polo Goberno central por "ignorar a realidade de Galicia". A Fegamp presentou emendas ao proxecto do Executivo, que ven "abocado ao fracaso" e ao que acusan de "virar ás costas ao municipalismo" e ao país por non ter en conta "as súas peculiaridades decisivas". A postura común dos municipios do país é o punto e seguido dunha rebelión local xurdida nas loclidades do interior e impulsada por rexedores de PSdeG, BNG, CxG e Anova nunha loita contra unha modificación legal que cualifican de "recentralizadora, privatizadora e de perda de autonomía local", sobre todo para as vilas e aldeas do rural.

  8. 08

    Revolución desde os concellos contra o copago farmacéutico

    Máis de vinte concellos galegos anunciaron xa que asumirán o novo copago farmacéutico imposto polo Goberno central. A maioría teñen gobernos socialistas ou nacionalistas, pero tamén varios rexedores do PP decidiron seguir o exemplo que iniciou Riotorto a través do seu alcalde, o primeiro que decidiu rebelarse contra a medida e que impulsou a Iniciativa Galega pola Gratuidade na Sanidade e que convocou varias manifestacións e incluso se mobilizou, a través de varios alcaldes, fronte á Xunta de Galicia reclamando unha xuntanza con Feijóo que non chega.

  9. 09

    Emigrantes retornados, na rúa contra a campaña de Facenda

    A Axencia Tributaria confirmou hai poucas semanas que seguirá coa campaña sancionadora que considera defraudadores aos 250.000 galegos que poden estar afectados por multas e sancións polas pensións do estranxeiro. A Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados xunta as diversas plataformas de xubilados e emigrantes retornados acosados polas multas que se unen aos xuros de demora e declaracións que se lles exixen polas pensións que perciben dos diferentes países nos que traballaron desde 2008, malia que nunca foran advertidos da obrigatoriedade de declarar esas pensións ou cando mesmo foron informados de que non eran obrigatorias. Xa advirten de que agora recorrerán á Xustiza e esgotarán todas as vías para acabar cunha campaña que foi criticado unanimamente polo Parlamento galego pero que continúa co apoio do Goberno central.

  10. 10

    Contra o canon de Sogama e contra un modelo "esgotado"

    De novo os concellos encabezando as protestas. Os alcaldes contrarios á suba do canon de Sogama redobraron nas últimas semanas a súa oposición á medida que prevé un incremento do 34% na taxa que os municipios pagan á planta de tratamento de Cerceda, un modelo que moitos cren "esgotado" e que provocou a saída del de Rianxo ou a loita de varias comarcas do sur de Galicia contra a pretendida instalación dunha nova incineradora. Os rexedores acordan mobilizarse, recorrer o incremento ante a xustiza e declararse insubmisos ao pago se a Xunta non accede a negociar unha alternativa á decisión imposta.

  11. 11

    O 'non' a Porto Cabral

    Os comuneiros dixeron non ao macrocentro comercial no monte Cabral de Vigo. Un insólito referendo rexeitou a negociación co grupo investidor Eurofund para crear un centro de compras e ocio nos terreos de Liñeiriños. A negativa foi apoiada por 344 votos, fronte aos 297 veciños que aceptaban o proxecto, pero a división entre os veciños e a ameaza deste macroproxecto continúan vivas. Unha vitoria que precisa dunha loita continua.

  12. 12

    A fábrica de armas e Nostián: a loita dá froitos

    O pasado día de Santa Bárbara converteuse nunha reivindicación do futuro dos máis de 60 traballadores que rexeitaron os despidos previstos por General Dynamics, pecháronse na fábrica de armas da Coruña e conseguiron abrir unha esperanza para unhfa factoría que agora agarda o concurso para que unha firma se faga con ela e respecte os empregos. Antes, e na mesma cidade, os traballadores e traballadoras da planta de lixo de Albada remataban a súa protesta en Nostián tras 108 días de folga e mobilización e despois de conseguir un novo convenio e a readmisión das persoas que foran despedidas. Dous éxitos e dúas probas de que a loita serve. E moito.