Alberto Ramos

Unha ducia de cadáveres exquisitos do cine

A morte, en Hollywood, forma parte do espectáculo. Todo aumenta en intensidade cando o deceso arrodeado de escuras circunstancias. Neses casos, a maquinaria da prensa engráxase con gusto. E os conspiranoicos, por moi difícil que pareza, sempre atopan unha résgoa polo que escoarse. Sen maiores confabulacións, a morte de Philip Seymour Hoffman impactou o mundo do celuloide polo prematuro da noticia, pola xiringa no brazo e pola desaparición dun actor con moito que dicir no futuro da industria. Non nos enganemos, esta non deixa de ser a típica lista oportunista de xoguetes rotos, de malogrados de Hollywood. Unha galería dos horrores cun chisco de glamour. Non busquen máis. Non o hai.

  1. 01

    Montgomery Clift

    No caso de Clift, a morte chegoulle por etapas. En maio de 1956, o actor d'A árbore da vida esnafrouse co seu coche contra unha árbore. Viña dunha festa na casa de Elizabeth Taylor. Os cirurxiáns afanáronse por reconstruírlle o rostro. Nada volveu ser igual. Nin a súa cara de arcanxo nin a súa temperanza. O consumo de drogas e alcol inmisciuse na súa rutina. A sociedade mal chamada moralista e a ruindade de Hollywood abocárono, ademais, á sordidez en moitas ocasións. En 1966, Monty Clift morría no seu apartamento de Nova York a causa dos problemas de saúde derivados das adicións. Non pasaba dos 45 anos.

  2. 02

    Leslie Howard

    O actor de Foise co vento morreu ao servizo da súa Graciosa Maxestade. E a un par de centos de quilómetros da costa de Cedeira (A Coruña). O intérprete, que se encargou de empurrar a carreira de Humphrey Bogart a partir da fita O bosque petrificado, volvía a Gran Bretaña dende Lisboa. Deixaba atrás unha serie de actividades diplomáticas máis ou menos secretas. Segundo a lenda, unha escuadra de cazas nazis derrubou o seu avión.

  3. 03

    A morte do elenco de 'Rebelde sen causa'

    Hai películas malditas nas que, dun xeito ou doutro, o infortunio devora a metraxe. O de Rebelde sen causa é un dos casos máis famosos -e tópicos, saiban perdoar- deste tipo de maldición hollywoodiense. Como sabemos, James Dean esnafrouse no seu Porche Spyder 550, Little Bastard para os amigos. Se lle facemos caso á mitoloxía,  o actor coincidira nunha festa con Alec Guinnes, quen lle dixo que se seguía conducindo ese coche non duraría nin unha semana. O sir británico acertou. Por outra banda, Natalie Wood afogou tras saltar do seu iate The Splendor.  Como intentaba o seu personaxe en Esplendor na herba, Wood sucumbiu ás augas. Aconteceu en 1981. Idade? 43. Por último, Sal Mineo finou aos 37 anos no 1976. Lonxe de todo glamour, a Mineo acoitelouno  un repartidor de pizzas con mal pronto e unha longa lista de antecedentes. Morreu na rúa. Houbo quen elucubrou coa posibilidade de que fose un crime paixonal. Era 1976 e Mineo tiña 37 anos.

  4. 04

    David Carradine

    Elo dunha saga familiar consagrada ao cine, David Carradine será lembrado principalmente polo seu papel na serie Kung Fu, pola súa interpretación en Kill Bill... e polo seu curioso falecemento. Atopárono na habitación dun hotel de Bangok, cun cordel arrodeando os seus testículos e mais o seu pescozo. Nun primeiro momento indicouse o suicidio como causa do deceso. Non obstante, desbotouse rapidamente esa posibilidade. Daquela cobrou forza, sobre todo coa publicación de certas imaxes de Carradine tras a súa morte, a hipótese dunha asfixia autoinflixida que rematou mal. Carradine buscaría dese xeito maior pracer na masturbación. Pola súa banda, algúns membros da familia indicaron que fora un asasinato.

  5. 05

    Margoux Hemingway

    Actriz, modelo e neta de Ernest Hemingway. De forte personalidade e con problemas familiares, Margoux foi unha modelo de alta consideración a finais dos setenta e comezos dos oitenta. Foi nesa época cando amosou claramente un carácter rebelde, unha conduta impulsiva e, tamén, unha carreira no cine do máis discreta. Non era unha actriz de primeira. Quizais tampouco de segunda, pero o seu falecemento si chamou a atención. Porque pertencía a unha estirpe de artistas con longa tradición no suicidio. O 1 de xullo de 1996, un día antes do suicidio do seu avó, a actriz decidiu rematar con todo.

  6. 06

    As máis famosas

    A de Sharon Tate foi a morte máis cruel, innecesaria e sorprendente de Hollywood. Casada con Roman Polanski, Tate foi asasinada o 9 de agosto de 1969, cando estaba embarazada de oito meses. Os membros da “Familia” de Charles Manson foron os executores. Músico frustrado, racista por vocación e iluminado de libro, Manson indicoulle aos seus seguidores a dirección do produtor que o rexeitara: Terry Melcher. O psicópata sabía que responsable discográfico xa non vivía aló, pero o ataque contra aquela vivenda significaría unha mostra da súa repulsión contra o sistema. 

    A morte máis celébre, por suposto, pertence a Marilyn Monroe. De entre todas as mortes prematuras e misteriosas de Hollywood, a de Marilyn é a grande. A única. A irrepetible. A autopsia afirmou que unha sobredose de barbitúricos fora a causa. Os conspiranoicos non quedaron contentos. JFK e o seu irmán Robert convertéronse en sospeitosos. A mafia, pola súa banda, tamén aparecía nas hipóteses máis variadas do asunto.

  7. 07

    William Holden

    Non acabou flotando nunha piscina como a súa personaxe en Sunset Boulevard, mais si houbo unha poza polo medio. A morte de Holden ten un punto de infortunio, mesturado cun algo de ridiculez. Os pés do actor, bebido e desorientado, enleáronse cunha alfombra do seu cuarto. Perdeu o equilibrio e bateu coa testa na mesa de noite. O sangue abrollóulle pola súa cabeza. Non obstante, Holden, obviando a gravidade da ferida, preferiu bloquear a hemorraxia cunha toalla. Finou desangrado e atoparon o seu corpo días despois do falecemento.

  8. 08

    Heath Ledger

    Quizais, a  de Heath Ledger sexa a morte máis mediática dos últimos anos. A súa masaxista e a súa ama de chaves atoparon o actor. Boca abaixo. Inconsciente. Aos pés da cama. A masaxista chamou a Mary-Kate Olsen, unha das famosas xemelgas da serie Pais forzosos, amiga íntima do actor. Esta, a súa vez, chamou á súa compañía de seguridade para que acudise ao domicilio de Ledger. Ninguén puido facer nada. O actor falecía con tan só 28 anos, rebentado con medicamentos contra o insomnio, a ansiedade e a depresión. De forma póstuma, gañou o Oscar ao mellor actor de reparto, o BAFTA e o Globo de Ouro polo seu Joker no Batman de Nolan. Foi o segundo actor en gañar un Oscar de xeito póstumo. O primeiro? Peter Finch. Segundo se rumorea, William Holden -nomeado na mesma categoría que Finch e pola mesma película- chegou a dicir: “Se este tipo seguise vivo, eu tería gañado o Oscar”. A xente con moita elegancia na derrota.

  9. 09

    F.W. Murnau

    Un dos directores con maiúsculas. Nosferatu, Amencer, Fausto ou a póstuma Tabú son as súas obras máis importantes. Un accidente de tráfico rematou coa súa vida en 1931. Na Wikipedia en inglés conclúen co asunto do seguinte xeito: “Unha semana antes da estrea de Tabú, Murnau circulaba pola costa dos Ángeles nun Rolls Royce contratado. O condutor era un servinte filipino de 14 anos de idade. Esnafrou o coche contra un poste eléctrico. Murnau golpeou a cabeza e morreu no hospital o día seguinte”. A explicación por aséptica non deixa de ser verdade. Non obstante, na rede lese unha versión máis ampla e de ser certa, seguramente, no seu momento foi silenciada. Esa teoría apunta a que, pola posición dos corpos, Murnau practicáballe unha felación ao condutor no intre do sinistro.

  10. 10

    Thomas H. Ince.

    A morte do produtor e director de cine mudo contén intriga, desventura, amores cruzados, magnates da prensa. En 1924, o iate de William Randolph Hearst sucou o mar californiano para unha relaxante fin de semana cos amigos. Entre os convidados: Charles Chaplin, Marion Davis e o malogrado Thomas H. Ince. Por suposto, tamén Hearst, parella de Davis e que albergaba a dúbida razoable da traizón da actriz con Charles Chaplin. Eses ciumes, segundo parece, materializáronse nunha bala que matou a Thomas H. Ince sen ter nada que ver co conto. Puido ser que Hearst confundise a Ince con Chaplin ou que nunha pelexa co Charlot, ao magnate da prensa se lle disparase o revólver. Estas historias circularon por Hollywood con teimosía. Nunca chegaron á prensa, controlada por Hearts. Segundo a versión oficial, Ince morreu dun infarto.

  11. 11

    As mortes das películas malditas

    Xa falamos de Rebelde sen causa, pero outras fitas levan o epíteto de “maldita” polas desgrazas que as arrodearon. Máis tópicos, síntoo. Poltergeist sería a primeira para citar. Varias mortes producíronse ao longo desta saga. Dominque Dunne, a actriz que interpreta a irmá da nena protagonista, foi estrangulada polo seu mozo. A partir de aí finaron outros actores das diferentes entregas até chegar ao caso da nena protagonista da derradeira parte. Heather O’Rourke fina con 12 anos nun hospital a causa dunha confusión médica. Tampouco se libra destes problemas O exorcista. Até nove persoas vinculadas á rodaxe morreron en estrañas circunstancias. Na rodaxe d'A Profecía non houbo mortos directos, mais si coincidencias sinistras. Un raio impactou no avión no que viaxaba Gregory Peck, actor na fita. Un guionista, viaxando outro día no mesmo traxecto, viu como outro raio impactaba na aeronave. Outro avión, que se ía utilizar na rodaxe, incendiouse. Por último, a noiva dun dos técnicos morreu nun accidente de tráfico. Conducía a súa parella, quen asegurou ver un cartel que puña Ommen 66,6 km (O título en inglés era The Omen). E outro clásico: O corvo. Nesta película Brandon Lee, fillo de Bruce Lee, morría por unha bala real metida nunha das pistolas de fogueo. Nunca se esclareceron os feitos. En Galicia temos outro exemplo de morte nunha produción con aura de maldita: La campana del infierno (1973), dirixida por Claudio Gerín, que morrería ao saltar entre a torre real e a torre construída para a rodaxe na igrexa de San Martiño de Noia. A película rematouna Juan Antonio Bardem.

  12. 12

    Pier Paolo Pasolini

    Non todo vai ser Hollywood. O cineasta, pensador e escritor Pier Paolo Pasolini tivo un final aciago e ruín. Pola súa derradeira película, a brutal Saló ou 120 días en Sodoma, o autor italiano recibiu unha manchea de ameazas de morte. A súa vida rematou en Ostia, preto de Roma. Unha das hipóteses aseguraron que fora alí por unha chantaxe relacionada coa citada película. Outras que acudiu para un encontro sexual que rematou mal cun rapaz, Pino Pelosi, autoinculpado, xulgado e condenado por matar a Pasolini a golpes e atropelándoo co seu propio coche. Todo foron dúbidas ao redor da morte. En 2005, o asunto complicouse aínda máis cando o propio Pelosi se retractou e proclamouse inocente despois de trinta anos. Sinalou daquela a tres misteriosos homes. Un recomendable documental sobre as zonas escuras deste asasinato é Pier Paolo Pasolini. Un delito italiano, de Marco Tullio Giordana. Este mesmo cineasta publicou un libro co mesmo título.