Marcos Pérez Pena

Unha ducia de pezas do Museo Pedagóxico de Galicia para o inicio do curso

Este luns 8 de setembro comezan as clases en Galicia en todos os niveis non universitarios. A volta ao cole, que chega con menos alumnado, marca en boa maneira a fin do verán. É un momento de regreso á rutina ou de descuberta de novos retos nese mundo complexo e emocionante que é a escola. O Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), con sede en Compostela, reúne unha valiosa colección de pezas relacionadas co ensino correspondentes a distintos momentos históricos. O museo, que neste momento está temporalmente pechado por obras de reforma, acolle tamén interesantes recreacións de aulas de diferentes épocas, como a Segunda República, a ditadura franquista ou a Transición.

  1. 01

    Aula franquista

    O MUPEGA acolle varias recreacións de aulas correspondentes a diferentes épocas: escolas de ferrado, da Restauración borbónica, da Segunda República e da ditadura franquista, ademais dunha aula da Transición e da década dos 80 do pasado séculp

  2. 02

    Anaquiños

    Anaquiños. Lecturas gallegas é un dos poucos exemplos de recursos educativos onde aparece a lingua galega, durante a dictadura franquista ata o ano 1966. Este libro, editado en 1942 e realizado por Manuel Fernández Novoa, en realidade está escrito case na súa totalidade en castelán, pero a temática é galega e ademais conta con fragmentos na lingua do país, con poemas de Rosalía, Curros ou Pondal

  3. 03

    Peto de esmolas “Ayudad a las misiones”

    Este peto de esmolas procede da década dos 40 e representa unha muller oriental, animando a ofrece algunhas moedas destinadas á Igrexa Católica e ás súas misións. Os petos para o Domund (acrónimo de “Domingo Mundial das Misións”, xornada que se celebra desde o ano 1926) empregábanse para recoller axudas económicas para soster a labor misioneira da igrexa católica por todo o mundo.

  4. 04

    Cartilla de escolaridade

    A Cartilla de escolaridade era un documento no que constaba a vida escolar do alumnado, curso a curso, vixente para todas as escolas primarias dende a Orde Ministerial de 1 de xuño de 1954, e ata a aprobación da Lei Xeral de Educación de 1970. Contaba cun espazo para a filiación do alumno, páxinas para as puntuacións trimestrais, con casas para a media anual, liñas para firma do mestre e titor.

  5. 05

    Afialapis fixo de manivela

    O afialapis fixo era o común nas escolas antes de popularizásese o afialapis portátil. Este exemplo está datado en 1970. Era un aparato con base circular de plástico negro que tiña nun lateral unha manivela con mango de madeira e nun extremo unha pequena roda con cinco posicións das que depende a punta que se quere obter. 

  6. 06

    Enciclopedia Álvarez

    A Enciclopedia Intuitiva, Sintética e Práctica era máis coñecida como Enciclopedia Álvarez, en referencia ao seu autor, Antonio Álvarez Pérez. Estaba deseñada para realizar a través dela un ensino memorística. Antonio Álvarez utilizou textos e lecturas sinxelas de reforzo en cada lección, ademais de incorporar debuxos que podían ser copiados polo alumnado.

  7. 07

    “Cuadro de pesas y medidas del sistema métrico decimal”

    Esta lámina, de 1931, representa mediante debuxos e nomes explicativos as medidas de superficie, volume, capacidade, medidas de capacidade para áridos, para líquidos, medidas especiais para aceite..., termómetro, metro, un estoxo de pesas e un mapa mundi. Na parte inferior aparece tamén unha serie de moedas de prata, de bronce e de ouro.

  8. 08

    Láminas de Historia Sagrada

    Este expositor, de 1893, a través dun sistema de doble rolo no seu interior accionado por manivela permitía desprazar as escenas cara arriba ou cara abaixo e así dispoñer delas dun xeito inmediato.

    Constituían un material de apoio para a materia Historia Sagrada, obrigatoria na escola de acordo coa Constitución de 1876, que lle confiría un carácter confesional católico.

  9. 09

    Tinta estilográfica Pelikan Azul-Negra

    A compañía Pelikan naceu en 1838, da man do químico Carl Hornemann. Os seus produtos escolares comezaron a súa andaina a partir das pinturas, e pronto introduciu as tintas como materia complementaria para un par de elementos cruciais dentro do enxoval escolar: a pluma e o tinteiro.

  10. 10

    Mapeiro

    En 1950 o mestre Celso Currás, da escola de Trabada, deseñou este trebello, orixinal e único, coa finalidade de ter arquivados nun reducido espazo da aula os mapas necesarios para desenvolver o seu labor docente.

  11. 11

    Cranio à Bauchène

    Cranio humano desarticulado e montado con todas as pezas fixas a distancia, conservando a súa posición relativa. Foi adquirido en 1909 polo Instituto Xelmírez I (Santiago de Compostela). Os estudos relativos á craniometría tiveron grande importancia no desenvolvemento de dúas disciplinas fundamentais: a Anatomía Comparada e a Antropoloxía.

  12. 12

    Telurio con lunario

    É unha maqueta que representa o sistema formado polo sol, a terra e a lúa. O telurio empregábase para simular os movementos da terra e as súas posicións respecto do sol e e da lúa, o que permitía reproducir a sucesión das estacións, o cambio de día á noite, o movemento aparente do sol e, cando se combina cun lunario, coma neste caso, as fases lunares e os eclipses.

  13. 13

    Aula da Transición

    Entre os seus contidos hai tamén un espazo para o ensino chegado de alén mar: as escolas de emigrantes e a influencia que as novas ideas tiveron na modenización e na universalización da educación en Galicia

    Hai tamén mostras de xoguetes, de libros escolares e outros materiais.

     

    Unha ducia de escolas que a emigración americana abriu en Galicia

  14. 14

    Enciclopedia mecánica

    En 1962, Ángela Ruíz Robles (Villamanín, León, 1895 - Ferrol, 1975), mestra dende os anos 20, inventou “un aparato para lecturas y ejercicios diversos”, unha enciclopedia mecánica que ben pode considerarse un precursor do e-book ou, en todo caso, un invento prodixioso e moi adiantado ao seu tempo.

    O Ministerio de Educación mesmo chegou a aprobar o uso da enciclopedia mecánica no ensino e en 1971 Ángela Ruiz estivo a piques de acadar a súa comercialización; porén, os custos non permitiron executar o proxecto e só 100.000 pesetas tiveron a culpa.

    Incluímos aquí a referencia á Enciclopedia mecánica porque o aparello formou parte da colección do Mupega durante anos. Con todo, na actualidade, pode verse no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT).
     

    A Enciclopedia mecánica de Ángela Ruiz Robles, antecesora do e-book ou parente de lonxe?