Houbo un tempo no que non se falaba de primas de risco e no que era imposible atopar unha oficina dunha caixa galega en Murcia. Eran os anos nos que, practicamente, cada núcleo de poboación de relevancia tiña a súa propia caixa de aforros. Aínda que, probablemente, para a historia a frase "caixas galegas" fique ligada a Caixa Galicia e Caixanova o certo é que non foron as únicas e que, ademais, aínda existe unha.

  1. 01

    Caja de Ahorros y Monte de Piedad de La Coruña

    Tivo o seu xermolo na contorna de 1842, nunha iniciativa do Concello da Coruña e da Sociedade Económica de Amigos do País que operaba na cidade. Quebrou en 1861 pero en 1876 fundouse unha nova, que en 1905 mercou na coruñesa Rúa Nova o edificio que acabaría sendo sede de Caixa Galicia. En 1944 fundouse coa Caja de Ahorros y Monte de Piedad de Lugo.

  2. 02

    Caja de Ahorros de Ferrol

    Fundada en 1902, levou durante boa parte da súa historia o nome de Caja de Ahorros y Monte de Piedad de El Ferrol del Caudillo. Tivo á súa fronte ao falecido Antonio Lorenzo, encargado de negociar con José Luis Méndez para a integración en Caixa Galicia a finais dos anos 70.

  3. 03

    Caja de Ahorros de Santiago

    Fundada a finais do século XIX, foi das últimas en sucumbir ás fusións con Caixa Galicia. Así, en 1977 negouse á unión coas caixas de Ferrol e da Coruña e Lugo, aínda que finalmente accedeu a facelo en 1979, cando xa existía a Caixa de Aforros de Galicia, xa con José Luis Méndez á fronte. Da súa propiedade eran equipamentos sociais con nomes inimaxinables na actualidade, como o "Centro de Educación Especial de Subnormales".

  4. 04

    Caja de Ahorros Provincial de Lugo

    Foi a última das vellas caixas en nacer. Creouse en 1968 e foi a referencia na provincia luguesa durante case década e media. En 1982 pasou a formar parte de Caixa Galicia.

  5. 05

    Caixa Galicia

    A Caixa de Aforros de Galicia nace formalmente en 1978 como resultados da integración da Caja de Ahorros y Monte de Piedad de La Coruña y Lugo e da Caja de Ahorros de El Ferrol. Dende aquela apostou por ser a referencia no norte do país, absorvendo entidades como a compostelá e a luguesa. Nos anos 90 era xa a primeira entidade de Galicia e, sempre con José Luis Méndez como máximo responsable, expandiuse por todo o Estado e fóra del. A súa historia finaliza en 2010 cando, practicamente quebrada, desembocou na tamén desaparecida Novacaixagalicia.

  6. 06

    As rurais da Coruña, Pontevedra e Ourense

    A coruñesa, fundada en 1946, foi a máis feble das tres e chegou a ser intervida en 1984 polos seus problemas de liquidez. A de Ourense foi creada ao calor de Coren a comezos dos anos 60 e chegou a contar con medio cento de sucursais. A pontevedresa, pola súa banda, naceu en 1968 e tamén tivo que ser intervida nos 80 por problemas de solvencia. As tres desembocaron en Caixa Galicia antes de rematar esa década.

  7. 07

    Caixa Ourense

    Fundada en 1932, durante todo o franquismo o presidente da Caixa de Aforros Provincial de Ourense foino tamén da Deputación. Nos últimos anos da ditadura o Banco de España detectou unha fraude na concesión de créditos que lles custou o posto tanto ao presidente, Eduardo Olano, como ao alcalde e director xeral, Ricardo Martín. Seguiu intimamente ligada á Deputación ata 1999, cando acordou, tras duras negociacións, a fusión con Caixavigo.

  8. 08

    Caixa de Pontevedra

    O papel de Caixa de Pontevedra foi, ata certo punto, semellante ao da súa homóloga compostelá. A entidade, creada en 1930, foi a máis reticente á absorción por parte de Caixavigo a finais dos anos 90, se ben deu en ceder e propiou, xa no ano 2000, o nacemento de Caixanova.

  9. 09

    Caixavigo

    A inicialmente denominada Caja de Ahorros Municipal de Vigo botou a andar en 1880 e durante anos tivo a súa sede na actual Casa Galega da Cultura, no centro da cidade. A finais dos 60 xa tomou o bastón de mando Julio Fernández Gayoso, quen o conservaría tras o cambio de estatutos en 1980, que desligou as contas da entidade das do Concello e propiciou o nacemento da marca comercial Caixavigo. A gran caixa do sur foi a promotora da fusión de 1999 que deu lugar a Caixanova.

  10. 10

    Caixanova

    Con Manuel Fraga como padriño a caixa viguesa comandada por Julio Fernández Gayoso levou a batuta a finais dos 90 para a que quería ser a gran caixa do sur do país. Caixavigo logrou a fusión por absorción con Caixa Ourense e Caixa de Pontevedra, unha operación que chegou a ser investigada polo Goberno de José María Aznar ante o risgo de que vulnerase as normas de libre competencia, toda vez que superaba o 25% do mercado no seu territorio.

  11. 11

    Novacaixagalicia

    Resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova, impulsada decididamente dende a Xunta de Galicia e avalada polo Banco de España, que catro meses despois de autorizala xa considerou que non era viable. Novacaixagalicia foi a herdeira das alegrías financeiras e urbanísticas de quen administraron as entidades galegas como bancos privados de seu. O seu final estivo marcado pola intervención do Banco de España, o escándalo das preferentes e as indemnizacións millonarias dos ex directivos, aínda investigadas pola Xustiza.

  12. 12

    Caixa Rural Galega

    A resistente. A Caja Rural Provincial de Lugo naceu en 1966 cono herdeira da Caja Central de Ahorros y Préstamos, impulsada por sindicatos agrarios da contorna de Mondoñedo. Abriu a súa primeira oficina comercial en 1967 e dende 1988 é a única caixa rural do país, toda vez que as tres restantes foron absorbidas por Caixa Galicia. Galeguizou o nome en 1991 e en 2001 pasou a denominarse comercialmente Caixa Rural Galega. Dende 2003 esta cooperativa de crédito expandiuse fóra da provincia de Lugo e na actualidade non só sobrevive como única entidade financeira netamente galega, senón que o fai sen problemas de solvencia.