María Yáñez

Unha ducia de cancións para o verán de 2018

Como os de Páramo Pictures este ano non sacaron aínda a súa versión do tema do verán, pode parecer que estamos un pouco orfos de ghits para bailar na sesión vermú ou para escoitar de camiño á praia. Nada máis lonxe da realidade: temos máis cancións ca nunca de estilos que van desde o trap ata o funky ou o rock, con ritmos tropicais ou africanos, e cantadas en galego, castelán, italiano, arousán ou con letras da mesmísima Rosalía de Castro. Velaí vai a nosa playlist para triunfar en todas as festas.

  1. 01

    Novedades Carminha - Verbena

    O grupo de composteláns vai avanzando os temas do seu próximo traballo e para estrear o mes de xullo sacou “Verbena", unha peza con vocación de ghit de verán, que mestura aires funkies cunha letra inspirada nas cancións de música latina que escoitamos en festas e sesións vermú de todo o país. O videoclip gravouse en Lanzarote dirixido por Natalia Ferviu.

  2. 02

    Esteban & Manuel - Hombres del siglo XXI

    Outros de Santiago, Esteban y Manuel, foron a gran revelación do último ano coas súas cumbias pasadas polo autotune. No seu disco “La banda sonora de tu día a día” atópase este tema co que é imposible non mover as cadeiras, como se apreza no videoclip, que combina imaxes dun dos seus concertos cos propios Esteban y Manuel a bordo dun barco, compensando a suor da sala de baile co fresco do Atlántico.

  3. 03

    Arousa Vice - Cambados Cara B

    Saltamos dun barco a unha planadora para navegar pola ría da Arousa ao ritmo deste temazo de trap, auténtico ghit na comarca. Arousa Vice é como se fan chamar os intérpretes, que queren deixan claro ao comezo do vídeo que se trata dunha sátira, supoñemos que buscando que non lles pase o mesmo que ao libro “Fariña” dada a cantidade de nomes propios, a maioría alcumes, que aparecen na letra. Se alguén botaba de menos un relato actual do narcotráfico na Arousa contado por xente da zona, aquí o teñen. Welcome to Cambados cara B.

  4. 04

    Boyanka Kostova - Leiraz

    Máis trap? Si, máis trap, que para algo estamos en 2018. Boyanka Kostova son os pioneiros deste xénero musical en galego, e veñen de sacar o videoclip de “Leiraz", un dos temas do seu EP “Vella canción galega”. Claro que en galego se pode cantar de cousas que non teñan que ver cos narcos ou co agro, pero esta non é a canción que veña a demostralo. O contrario: en “Leiraz", os de Santiago buscan darlle a unha explotación gandeira a estética de calquera vídeo trapeiro, cos seus planos en movemento tan característicos e unha pose de "sad boys” que lle queda ao noso rural incriblemente ben.

  5. 05

    Arce - Cholo

    Arce é probablemente o músico galego con máis seguidores en Instagram (178 mil). O rapeiro compostelán ten entre os seus fans a futbolistas como Sergio Ramos, que lle dedicou un gol a comezos do ano pasado, aínda que o referente da canción que traemos aquí é o Cholo Simeone, adestrador do Atlético de Madrid. O videoclip está gravado en parte no campo de San Lázaro, con Arce levando a camiseta da SD Compostela, e en pouco máis dun mes leva máis de un millón e medio de visitas, para que se fagan unha idea do fenómeno.

  6. 06

    Aquel-e + Tania Fuegho - Havana feat. Rosalía de Castro

    A xeración millennial non só nos trae trap. Tamén youtubers, e Miguel Silva (aquel-e) é dos poucos que se atreven a ser youtubeiro en galego. Hai uns meses colgou un vídeo no que versionaba a canción “Havana” de Camila Cabello poñéndolle como letra o poema “Pra a Habana” de Rosalía. E todo cadraba máis que ben. No retrouso, “Habana ailalá, o simiterio imenso da Habana”, e na estrofa “Vendéronlle os bois, vendéronlle as vacas, o pote do caldo i a manta da cama…”. Tanto gustou a versión de aquel-e que mesmo o chamaro do Luar para facer unha versión máis ‘pro’ cantada por Tania Fuegho. Nada que envexarlles a Beyonce e Jay Z.

  7. 07

    Ataque Escampe - Eu que chorei con Ghost

    Agora viaxamos da Habana a Nova York. Alí gravaron parte dos Ataque Escampe o vídeo dun dos temas máis movidos do seu último traballo: “Eu que chorei con Ghost”. Nel vemos a Miguel Mosqueira danzando só nunha estación do metro esta canción de ritmos africanos. Tan sinxela a idea e tan ben executada que non podemos para de mirar.

  8. 08

    Nao - Cultura crítica

    Chegan as guitarras potentes do rock de Nao, mesturadas desta volta co rap de SonDaRúa e coas pandeiretas de Tanxugueiras, grupo revelación da música tradicional galega, que acaban de sacar o seu primeiro disco. Un tema combativo, na liña desta banda da Estrada que poderemos ver este verán en Negreira, Ourol, Compostela ou Cedeira, dentro da súa xira “Vella escola 2018”.

  9. 09

    Miguel Anxo Fernández Lores - Segue cara adiante

    Non era a nosa idea inicial poñer aquí ningún político, pero é que o alcalde de Pontevedra deixounos esta primavera un dos grandes ghits do ano. A canción “Segue cara adiante” dálle inicio á precampaña electoral das municipais, pero ademais é unha canción moi fermosa e animada na que o rexedor do BNG se fai acompañar das voces de Mariña (Furious Monkey House), de Xaquín (Maravallada), e de Cora Sayers, para acabar cantando, sen facalo nada mal, canda a xente que adoita participar nos Cantos de taberna da cidade.

  10. 10

    Valtonyc e Ialma - Bella Ciao

    Seguimos na política porque este é un verán estraño no que hai demasiados deputados "á sombra” e a xente ten que fuxir de España por impulsar accións democráticas, ou por facer rap botando a lingua a pacer libremente. Como Valtonyc este ano, que desde o seu exilio en Bruxelas gravou este tema co grupo galego Ialma. Nel homenaxean a Suso Vaamonde, outro exiliado polas súas letras hai case 40 anos, cantando o himno partisano Bella Ciao, que ademais está de moda este ano por aparecer na serie que foi un éxito en Netflix “La casa de papel”.

  11. 11

    Os do Tempo da TVG. "O verán para cando”.

    Era xuño e non paraba de chover, así que os presentadores do Tempo da TVG se lanzaron, convidados polo Luar, a facer a súa propia versión dunha das cancións do verán deste ano, “El anillo” de Jennifer López. Ana Celia Vázquez, Noelia Rodríguez e Diego Viaño salvan o tipo atrevéndose co cante e co baile. Algo que parece menos ousado que vaticinar qué raio de tempo teremos este verán.

  12. 12

    Montse e Luis Queimada - Pelegrín

    Pechamos a lista cun ghit atemporal que cumpre agora 25 anos, como o fai o primeiro Xacobeo da era contemporánea. Montse e Luís Queimada cántanlle ao “noso amigo Pelegrín” acompañados dun coro de nenos no plató de Luar mentres percorren o país ao son desta canción que, vista con perspectiva, era un temazo. Non en balde Luis Queimada é un dos autores históricos do pop galego. Mais que tamén inauguraba unha etapa cultural que podemos chamar “kitsch institucional” que, con distintas evolucións, aínda chega aos nosos días.